Xeografias sensoriais

 

Transitamos entre aromas e cores, vilas e paraxes, vales, ladeiras, costers, socalcos, bancais e patamares, bosques, matos de flores, sotobosques, matorrais, á sombra dos frutais, a carón das leiras colleitadas, cos cereais recen segados, ao redor das bestas, co salitre na pel pisando as follas secas, envoltos na humidade das corredoiras, na neboa da mañanciña esperando que os raios do sol interrumpan o desenrolo da cinerea, sacudindo das botas o polvo mineral do xisto fragmentado por enriba de antigos restos de caliza e granito mesturados con outros todavia máis vellos dos cumios volcánicos de Tacoronte. Nunca limpo as botas despois dunha travesia, forman parte do albúm de recordos.

Viaxamos dende o trópico cos seus sabores ainda no retrogusto ate Riad Jamil, xardin no Magred, para pasar, no camiño do Oriente, por todos os zocos de Marraketh ate Ma´rib, e seguir, ao revés que na nosa terra, mirando cara ao leste. Despois de limparmonos as fosas nasais co aire limpo e fresco do Karakorum e antes de buscar as illas das especias máis doces, perdernonos nas ruas brumosas de cheiros concentrados do Hindukush, camiño do abrente onde un oriente máis sutil e delicado nos espera.

Unha orchesta natural que soa coas diferentes partituras que as paisaxes escriben, notas de trazos sutiles pero de fondas pegadas que nos trasladan polos espacios da memoria onde os recordos se asoman, nitidamente, cargados dos vellos aromas gravados que nos devolven conversas e achegas, momentos tatuados no máis profundo, paisaxes, amigos e sentimentos,  sensacions  e soños.

Deambulamos entre vellas cepas enrugadas e retorcidas sobre o pouso de antigas pegadas transmitidas en cada grolo con forza renovada, coa sabedoría e a profundidade que o tempo decanta, a proba de cambios climáticos e outros estres, e a garantía de esencias e sabores multiplicados.

Os devanceiros, aqueles que a terra se deu sen modestia, ben sabian de onde vimos e os camiños que se abrian nos nosos narices, sempre coa consciencia do que somos e o pensamento Máis Alá.

É provabel que a emoción surda dunha copa enchida co zume clónico de vides clonadas, uniformadas e planas, descendentes de vides pasadas por microscopio, de operatividade e resistencia probada, coma o clon da pataca x, pero prantadas nas condicions dun viñedo específico coma fria prótese, amputadas da sua memoria pero resistentes ás doencias que o mesmo cultivo de laboratorio ten producido.

Sen dúbida unha enzima convenientemente inoculada liberará eses magníficos aromas deseñados para alcanzar a pituitaria na concentración necesaria, sempre despois de ser provocados pola levedura seleccionada apropiada as suas condicions concretas de vinificación. Deseguido unhas relucentes virutas ou chips a mui bon prezo nos farán recordar, de pasada, o carballo de Tronçais ou cecais de Missouri. 

Todo esto gozaremos logo de ter descortizado, perdón, descortizar vai asociado a cortiza, referíame a sacar a rolla de rosca ou a sintética, por suposto carente de problemas de mofo mais cecais coa solpresa dalgun cheiro reductivo ou sulfídrico.

O reflexo da identidade, nalgúns viños, as veces ten que atravesar demasiadas cortinaxes que ó final rematan por ocultar a súa luz, que entre outras cousas  ven sendo a pegada do solo, esa especie de DNI que define o carácter dos viños: finos e elegantes ou potentes e atléticos, robustos ou sutiles, máis ou menos expresivos, …, e a pegada do seu contorno (cultivos, bosques, flores, matorrais, mares, rios, …), ese cheiro que cada lar ten de seu.

One ResponseXeografias sensoriais to “”

  1. […] Que pracer máis grande escribir este post! Nos comentarios dunha entrada anterior manifestouse o Viticólogo, o autor dun prometedor blog de viños en galego chamado O viticólogo dos bagos e, se non me equivoco, o único monográfico na nosa lingua sobre este tema. Por agora só hai tres entradas, pero están magníficamente escritas. Un exemplo do ben que escribe o viticólogo é este parágrafo do fermoso post Xeografías sensoriais, que recomendo ler completo: Transitamos entre aromas e cores, vilas e paraxes, vales, ladeiras, costers, socalcos, bancais e patamares, bosques, matos de flores, sotobosques, matorrais, á sombra dos frutais, a carón das leiras colleitadas, cos cereais recen segados, ao redor das bestas, co salitre na pel pisando as follas secas, envoltos na humidade das corredoiras, na neboa da mañanciña esperando que os raios do sol interrumpan o desenrolo da cinerea, sacudindo das botas o polvo mineral do xisto fragmentado por enriba de antigos restos de caliza e granito mesturados con outros todavia máis vellos dos cumios volcánicos de Tacoronte. Nunca limpo as botas despois dunha travesia, forman parte do albúm de recordos. […]