A recuperar castes !
Neste momento a mensaxe é: se vostede posúe unha variedade descoñecida alén do seu contorno máis próximo, unha variedade minoritaria para o resto do mundoviño, asi a todo algunha delas maioritarias no seu lar xeográfico, algo parecido ao dos idiomas, outras reducidas a algunhas viñas vellas escondidas nalgún recuncho, e se a maiores, condición non necesaria, no seu tempo elaborouse con ela algún tipo de viño tradicional da zona ou polo que era coñecido, pois mellor, non a replante con outra e probe elaborar un viño atractivo e orixinal, irreproducibel para outros elaboradores. Esta mensaxe conta co beneplácito da maioría dos prescriptores e dunha parte dos consumidores anglosaxóns, estes que piden un viño A.B.C., “anything but cabernet´´ ou chardonnay, ou sexa póñame calquera cousa menos un destas variedades.
Así asistimos ao rexurdimento de variedades tradicionais e autóctonas agora acompañadas dunha enoloxía e viticultura non preocupadas polo rendimento industrial, evidente este nas antigas zonas granelisticas, senón pola expresión da súa identidade e da terriña.
En Galiza fumos pioneiros nesta recuperación pola enorme riqueza varietal que posúemos, e sobre todo porque comercialmente decubrirase un filón co albariño e máis logo coa treixadura e co godello, polo de agora, pero ahí están o sousón, a dona branca, os caíños, brancellao, loureira tinta, espadeiro, branca lexitimo e outras.
Nun repaso rápido polo panorama peninsular Portugal como Galiza destaca por unha viticultura baseada nas castes tradicionais, salientando as novas expresións da baga en bairrada, das máis minoritarias no Douro como as tintas barroca e francisca e o sousao, cunha escasa introducción das variedades francesas, reducida a Estremadura e o Alentejo, onde pontifican a trincadeira e o alicante bouschet, híbrido francés perfectamente adaptado ao pedazo de chan alentejano incluso indispensábel nos seus viños máis grandes.
En Asturias, nos viños da terra de Cangas, hai muitas posibilidades co albarin branco e co verdejo tinto, incluso co carrasquin; en León están co prieto picudo en plena fase de expansión; en Arribes del Duero podería ser coa juan garcia; a Rioja tenta comer unha parte do pastel dos viños brancos recuperando a maturana e o turruntés incluso a malvasía; a bobal é maioritaria en requena; nas D.O. do centro de Aragón están de moda os viños elaborados coa antigamente maioritaria garnacha, agora dos seus reductos de viñas máis vellas, mentras no Somontano recuperase a parraleta e a moristel; en Cataluña buscan a identidade perdida da garró, a samsó, o sumoll ou a picapoll, etc.; nas Baleares xa hai magníficos viños de callet con mantonegro, moll e fogoneu. Canarias e Madeira teñen un elenco de variedades, minoritarias na península desde donde foron introducidas o longo dos séculos, pero que alí se teñen adaptado dando orixen aos seus viños singulares: malvasías, listan branco e negro, marmajuelo, vijariego, bical, negramol, verdello, etc.
O novo mundo vitivinícola, como carece de variedades non importadas, co tempo foi adoptando algunha das importadas, todas francesas, explotando a súa magnífica adaptación aos seus pedazos de chan ou terriñas, nalgúns casos co pedigrí de seren cepas prefiloxéricas. Estas adopcións aconteceron coa cepa bordelesa malbec en Arxentina, co tannat, orixinaria do Bearn, do Madiran e de Iparralde, en Uruguai, co Carmenere, bordelesa casi desaparecida en Bordeus, en Chile, co Shiraz do Ródano en Australia, e en proceso de adopción co Sauvignon Blanc en Nova Celanda.
Filed under: viñodinámica by viticologo
Leave a Reply