Alem do Tejo
No Alentejo dominan as viñas asentadas en longas extensions compartindo o espazo coa sua clásica paisaxe de sobreiras, aziñeiras e oliveiras, terreos con poucas inclinacions aturando os raios de sol acompañados de altas temperaturas. Esta rexión, situada entre o vale do rio Tejo e o Algarve, componse a sua vez de oito sub-rexions, entre elas Borba, Vidigueira, Portalegre, Moura, Evora, Granja, Redondo ou Reguengos.
A personalidade desta zona vitivinícola, co seu clima, os seus solos e unha viticultura que frente a outras zonas está facilitada por esta xeografia e clima, fica impresa nos viños que destacan por ter muita fruita e cor, potencia e intensidade, ben sexan os feitos en base ás variedades clásicas da zona: a Trincadeira, a Periquita e o Aragonez (Tinta Roriz no Douro e Tempranillo en Rioja), ou destas xunto ás incorporadas desde outras denominacions de orixen portuguesas como a Touriga Nacional, ou xunto ás variedades internacionais, e sobre todas elas o Cabernet Sauvignon e o Syrah, que en Portugal só teñen presenza importante nesta rexión, e tamén co Alicante Bouschet que ven sendo outra versión da Garnacha Tintoreira que asolou os viñedos de muitas zonas de Galiza despois da filoxera, orixinando aqueles viños floxos, de acentuada acidez pero mui cargados de cor, como corresponde a unha variedade tintoreira, esas nas que ademáis de na pel tamén posuen os compostos colorantes na pulpa, esta mesma variedade no Alentejo é parte indispensabel na emsamblaxe dos seus mellores tintos, alí grazas á gran insolación e ás altas temperaturas que disfruta durante todo o seu ciclo alcanza a sua máxima expresión.
Asi a todo existen algunhas experiencias en Valdeorras, que eu saiba duas, pero inesquencibeis, de elaboracions de garnachas tintoreiras cun orixinal nariz e unha boca impresionante, gracias a conxunción de dous factores, neste caso definitivos, como son a vellez das cepas e unhas vendimas matizadas polo cambio climático.
O Alentejo é a zona de Portugal que maior transformación ten sufrido nos últimos decenios, do proxecto de convertirse no graneiro cerealista de Portugal á moderna viticultura e da vinificación en barro ás modernas instalacions nas que se teñen transformado ás clásicas cooperativas, a maiores dos novos productores de diversas procedencias que teñen apostado claramente pola calidade.
Xunto ao Douro representan os dous polos entre os que se move o espazo vitivinícola portugués, dunha beira o Douro coa sua viticultura heroica, de múltiples castes autóctonas e elaboracions supercoidadas que ao mesmo tempo retoman técnicas do pasado, e un Alentejo coas características do novo mundo nos seus viños pero sobre todo na sua vitivinicultura, ainda que xa hai elaboradores-viticólogos explorando a expresión máis auténtica dos terroir-terriñas alentejanas, nas zonas máis ailladas, altas e de viñas máis vellas. Ainda polo medio Dao, Bairrada, Estremadura …
Filed under: viñodinámica by viticologo
Leave a Reply