Arquitectura da viña

A prantación dun viñedo non é unha obra de inxeñeria agonómica, ou é, mais tamén é un acto cultural no que a creatividade do home pode atopar a sua máxima expresión mediante a conxunción da xeografía e do solo e a sua interacción coa vida-dinámica, biodinámica, coas vides tendo o cosmos coma teito e polo tanto como referencia. Arquitectura que se reflexa no trazado e na orientación das ringleiras de vides, na densidade de prantación, nos deseños das formas de conducción: vexetación ascendente, descendente, en cortina, en V, en U, en T, en Lira, planos simples ou divididos, pérgolas, emparrados, vasos, espaldeiras, e na sua relación cos puntos cardinais, cos ventos dominantes, coa exposición solar, etc., asi como a interrelación, biodinámica, co seu contorno natural, ecosistema do que forma parte, e co seu contorno humán, con todas as edificacions que leva asociadas: para a elaboración, para a crianza, para o enoturismo: recepción de visitantes, estancia, espacios para degustacions e outras actividades.

Observando e coñecendo todo o conxunto do microcosmos da viña poderiamos adiviñar a calidade do viño que este orixina.

Cantos viños que coñecemos están integrados de tal maneira con elementos do seu espazo que incluso adoitan mencionar na sua denominación este elemento que lle dá singularidade e que incluso lle aporta un algo máis, como no caso dos viñedos situados á beira ou inseridos en lugares cun evidente significado relixioso: santuarios, dolmenes, ermitas, etc. Viñedos que nunca eran elexidos ó azar senón tendo en conta toda unha serie de características que lle proporcionaban un magnetismo especial, viñas que se benefician destas “propiedades´´ dando lugar a viños que en determinadas anadas tamén transmiten algo máis, daquela falamos de viños telúricos: as Ermitas varias, os Calvarios, alguns Clos, etc. Viños de paraxes, viñedos históricos, de orixen monástico, vellos, pobres en materia orgánica mais ricos en mineral, viñedos de ladeira que producen menos pero con máis esencia, viñedos que nas zonas meridionais buscan as umbrias e a altura e nas zonas septentrionais os carasoles, antes do cambio climático claro.

Cando falamos de terroir-terriña e do home que a traballa falamos dunha serie de pinceladas que a definen, son realmente as ferramentas que emprega e que nestas creacions excepcionais proceden de agarrar o pincel e ir trazando liñas e mesturar cores ou de interpretar e dirixir as notas que como nunha orquesta van tocando, cada ano cos seus matices, os diferentes instrumentos que este home director da orquesta dirixe e que se denominan: clima, microclima e cun son máis sutil o mesoclima que envolve a cada cepa, o solo coas suas diferentes tonalidades – composicions, as castes como auténticas prinmas donnas desta composición que é un viño, tamén os inxertos, parte da orquesta desde que o ataque da filoxera os convertiu en prótesis permanentes pero provocando que a voz das variedades non sexa tan nítida e pura como cando non eran necesarios, as leveduras autóctonas, fundamentais para que a música soe con auténticidade, neste conxunto orquestal as técnicas de cultivo coas suas diferentes técnicas instrumentais funcionan como os instrumentistas que manexan os elementos non permanentes, é dicir que non dependen do medio coma o esceario da obra, pero que poden chegar a cambiar o carácter da composición, asi como as técnicas e sistemas de elaboración e de envellecemento que lle dan os matices finais a esta sinfonia sempre dionisiaca.

Distinto deste home director de orquesta seria o facedor de viños de produccions industrializadas e automatizadas para garantir un gusto único e uniforme anada tras anada.

“A viña e o viño son unha Arte, a par da arquitectura, da escultura ….´´

Publicado esta semana no periódico A Nosa Terra

vinhas.wmv

Os comentarios están pechados.