Tintos do atlántico

Viños da banda atlántica, que miran ó solpor, con castes afeitas a estas terriñas e ao seu clima.

Na rexión dos Vinhos Verdes pontifica maioritariamente o vinhao, como nestes Ponte da Barca, Aguiao e Afectus, noutros casos acompañado do borraçal (caiño), brancelhao-alvarelhao, espadeiro (nevoeiro, farinho, cinza ou tinta dos pobres) ou o pedral (alvarinho tinto en Monçao). Non sei mui ben cara onde caminhan, se é que van a algun lado, os tintos verdes, green red, ou máis ben tintos retintos. Podo imaxinar que se o cambio climático acentúa a maduración dos bagos, se nas técnicas de elaboración experimentan diferentes perfiles ou se a viticultura enfocara a excelencia … podemos imaxinar un vinho verde tinto, un tinto da D.O. dos Vinhos Verdes, de calquera das suas nove subzonas que co tempo chegarian a diferenciarse polas suas distintas microidentidadades características das suas terriñas: Monçao, Lima, Cávado (Braga, Barcelos), Ave (Povoa do Varzim, Vila do Conde), Sousa (Porto, Matosinhos, Maia), Amarante, Basto, Barao e Paiva.

En Bairrada, onde seica chove tanto coma en Bordeus, os viños clásicos elaborabanse coa tradicional baga fermentados sen despalillar no lagar para logo envellecer durante anos en botella con pouco contacto coa madeira. Viños que sen envellecer son mui cargados de cor e de corpulencia, acentuado no caso das cooperativas que como nalgunhas zonas da Galiza buscan o máximo rendemento con vendimas marcadas pola lóxica dos grandes volumenes, sen control do momento óptimo de maduración. Actualmente a grande carga ácida e tánica da baga, tense comparado coa nebbiolo piamontesa, da grandes viños, os viños elaborados para o hotel de Buçaco que envellecian durante anos na sua adega tamén o son, gracias á reducción da producción e a unha viticultura máis coidadosa.

Nas Rias Baixas aos poucos vaise collendo, ó mesmo tempo que novos elaboradores dan o paso de elaborar tintos e avanzar nas suas calidades, a onda das tendencias no gusto do viño que falan, no principio por boca dos prescriptores de turno e máis logo pola maioria dos consumidores, de viños vermellos máis frescos, vivos e diferenciados, que aportan novas sensacions aromáticas e gustativas.

O Ribeiro tamén forma parte desta onda, de feito poucas zonas teñen o potencial do Ribeiro, primeiro pola sua loga historia e cultura vitivinícola, segundo porque ten as posibilidades e a tradición para elaborar grandes viños non so en branco, xa demostrado, senón tamén en tinto i en doce co recén recuperado tostado, e terceiro porque é a única d.o. galega na que conviven as máis importantes castes do noso pais: treixadura, godello, albariño, ademáis do torrontés, loureira e lado, nos brancos e sousón, brancellao, ferrón e caiño nos tintos.

Ponte da Barca 07 Elaborado pola adega cooperativa do mesmo nome. Vermello intenso e vivo violeta, destaca pola sua marcada acidez e a curta distancia en boca.

ponte-da-barca-3.jpg

Aguiao 07    Elaborado en Arcos de Valdevez con vinhao. Cor violeta explosiva que aparece no nariz coma un plátano bananero danzando envolto en violetas.

Afectus grande escolha 07    Da Quinta de Curvos situada en Esposende, Braga. Aparece brillante, intenso e profundo, con doble ou triple capa, imposivel de atravesar coa mirada, desprendendo aromas lácticos nos primeiros momentos e máis logo fruitos vermellos macerados, hollejo, e algo de caramelo, a boca vibra con fruitiños vermellos.

Torroxal 06    Elaborado por Viñas do Torroxal en Goian con sousón, brancellao, caiño, castañal e pedral. Hai que destacar a meritoria laboura de recuperación do castañal, caste tinta tradicional destas terriñas do Rosal que estaba ficando reducida a algunhas cepas testimoniais de viñedos aillados. Ten unha cor vermella máis apagada que os anteriores e unha capa máis medida, ou sexa menos profunda, os aromas polo contrario son máis expresivos na sua tonalidade escura: fruitos negros, especias, tinta da China e brea. Boca iodada con sensacions de café e cacao.

torrt04_det_1.jpg

Frei Joao 06    Elaborado pola Caves de Sao Joao en Sao Joao da Azenha, Bairrada, coa típica baga bairradina máis o camarate e a touriga nacional. Cor rubí non mui intensa nin mui cuberta; paleta de cores nos aromas: flores azuis, fruitos vermellos i especias negras, na boca mostra unha boa estructura con taninos domados pero ben presentes, os torrados son para o final. Un viño agradavel a un magnifico prezo, sobre os 5 euros creo recordar.

Viña Mein tinto clásico 05   Ribeiro elaborado con caiño longo, ferrón e mencia. Vermello cereixa de media intensidade con aromas herbáceos nos primeiros momentos, nos segundos momentos frutais, logo un fondo especiado, e máis logo os ecos dos torrados empezan a resoar para escoitarse con máis presenza despois de varios grolos.

One ResponseTintos do atlántico to “”

  1. O Viñao é o Sousón.O Sousón no Douro volvese a chamar Sousón .A tinta femia e o Caiño redondo son a mesma cousa.