Tempranillo

tempranillo.jpgPorqué falar do tempranillo? variedade, ou un clon de seu, que por eiqui so ten certa importancia en Monterrei, co nome de arauxa. Pois primeiro porque todo o que é defendido como representante en calquera sector, neste caso o vitícola, das esencias patrias xenera cando menos dúbidas, e sobre todo, queirámolo ou non, acaba afectándonos. A segunda razón nace da perplexidade que provoca a súa inclusión, o ano pasado, xa 2006, dentro das variedades autorizadas no regulamento da D.O. Ribeira Sacra, tendo a súa elección dentro do abano das posíbeis variedades mellorantes como principal, e único argumento (?), polo menos esa foi a conclusión que sacamos algúns dos presentes nunha mesa redonda celebrada hai ano e medio, o da súa españolidade, supoño que haberia estudios do seu comportamento e posibeis resultados, ou máis ben non. Pero, que pode aportar o tempranillo ao viño, a un viño, da Ribeira Sacra ? variedade é capaz de manifestar a sua nobreza, como a maioria das variedades peninsulares (ibéricas e itálicas) nas suas terriñas orixinais, e pouco máis aló, cecais coa excepción da touriga nacional que impón o seu carácter desde entre Douro e Minho e Chaves ate o Alentejo. Botará unha man o tempranillo para acelerar o camiño, o ascenso cara á excelencia? desde logo este camiño non é o da uniformización e o tempranillo non fará nada pola diferenciación nen pola identidade propia, tampouco pola expresión do terroir-terriña e a definición do seu gosto máis auténtico e dubido que aporte algo á mellora das suas calidades; mais ben seria un freo pola probavel perda de tempo nos seus“experimentos´´, de viña nun espazo non sobrante dela, de investimentos e o que é máis importante restaría características diferenciais engadindo matices menos atlánticos, que precisamente son os que atraen ultimamente e atraerán no futuro aos amantes e demáis consumidores de viños no mundo adiante.

Levaba tempo defendendo timidamente entre os amigos, é algo como dubidar da bandeira ou da coroa, algunhas destas ideas, como que as súas bondades estaban sobredimensionadas e que so se manifesta de xeito pleno na súas zonas xeoclimáticas de orixen: a Rioja e as Castillas, pero grazas a un artigo do reputado e nada sospeitoso enólogo Jose Hidalgo sobre este mesmo tema na revista PlanetaVino de hai uns meses, esvaeronse as posibeis dubidas sobre o que daquela platicabamos.

En Rioja, ecoclima no que se manifesta con plenitude, tradicionalmente acompañado da garnacha, do graciano e do mazuelo, e so recentemente de xeito monovarietal; en Ribera del Duero como tinta fina ou tinta do pais é complementada polo cabernet sauvignon, o malbec ou o merlot nalgúns dos seus mellores tintos, por exemplo no “mellor´´viño español: o Vega Sicilia. Noutras zonas de Castela como La Mancha, nomeado cencibel, as súas produccións nunca alcanzaban nin de lonxe a calidade das denominacións anteriores resultando os seus viños clásicos pouco atractivos, namentras que nos novos viños que protagonizan o resurxir das denominacións de orixen antano escondidas dentro do saco de La Mancha como: Méntrida, Mondejar, Manchuela, Almansa, dos diferentes Pagos con dereito a D.O. e da denominación Vinos de la Tierra de Castilla, o protagonismo é para outras variedades tintas, sobre todo syrah, petit verdot, cabernet, etc, incluso algunha adega ten introducido a touriga nacional, variedade de manifesta nobreza e calidade adaptada a terreos e climas diferentes da banda atlántica da península, como as nosas D.O., creo.

Nas zonas levantinas, Jumilla, Yecla, etc., nas que foi introducido aproveitando o seu impacto mediático, co paso do tempo tense demostrado a súa mala adaptación ó clima destas bisbarras e a sua deficiente conxunción coa monastrell, que polo contrario si mostra máis afinidade co syrah, incluso coa cabernet.

Máis ó norte, nas nove denominacións catalans do Priorat ó Ampurdá, aparece como ull de llebre (ollo de lebre) cunha escasa relevancia nos seus viños.

Seguindo por este labirinto peninsular en Portugal atopámola baixo os nomes de tinta roriz no Douro e no Dáo, e como aragonez no Alentejo, coa función de complementar ás outras castes presentes nas diferentes zonas, sendo poucas veces a variedade fundamental das coupaxes, función que recae na trincadeira ou alicante bouschet no Alentejo ou nas distintas tourigas e tintas no Douro.

A experiencia no noso entorno con esta variedade resulta pouco alentadora: en Monterrei ten problemas de maduración, no Bierzo simplemente non se emprega, nas outras zonas non se sabe ou non contesta.

Esta variedade temperá de ciclo curto, que en condicións normais madura cedo, na actualidade está sufrindo nas zonas nas que foi introducido unha perda de valor consistente no arranque de cepas, reinxerto por variedades autóctonas ou polo syrah e petit verdot nas zonas máis quentes, e no mellor dos casos empregandose para a elaboracións de viños rosados.

As perspectivas polo tanto non son mui ventureiras para esta variedade no noso pais, empezando polo aspecto que máis lles preocupa aos que a introducen, que non é outro que o comercial.

3 ResponsesTempranillo to “”

  1. Que curioso! Aínda que sen os teus coñecementos, por suposto, comentabamos onte Makeijan e máis eu xantando en Mealhada a presenza cuasi-universal do tempranillo nos tintos…

  2. Tomariades, se acaso, un Dao con algo de tinta roriz, porque ali en Bairrada os seus tintos deben de ser dos poucos de Portugal nos que non se atopa o susodito.
    Supoño que naquelas terras do sul nas que estuvestedes tomariades viños ben distintos. Espero as vosas crónicas.

  3. Tomar tomamos, mais non somos moito dese padal. Falta de costume quizáis, e que non son de viños doces de aperitivo…
    Falo de Cadiz, xa que o paso por Portugal foi moi fugaz.

    Respecto ao do Tempranillo e a Ribeira Sacra… non sei que dicir… unha triste nova sen dúbida.
    Espero que non lles pase coma os do Ribeiro co Palomino…