Sicilia / Valpolicella

Chiaramonte 2005 nero d´avola. Sicilia
Elaborado na subzona occidental da illa pola Casa Vinícola Firriato coa variedade Nero D´Avola ou calabrese que se ten convertido no estandarte varietal dos viños tintos das diferentes indicacions ou denominacions de Sicilia (DO, DOGC, IGT), illa que pese a ser, ou cecais por iso, o lugar de Europa por onde máis culturas teñen pasado: árabes, gregos, por suposto romanos, normandos, etc, é considerada como o máis próximo ao novo mundo dentro da Italia vitivinícola.

sicilias.jpg

Na copa aparece unha cor brillante cereixa picota rodeada dun granate máis brillante. A luminosidade das cores mediterráneas apagase na atractiva escuridade dos tonos aromáticos: nos químicos, de tinta da China, na fruita negra madura, nas negras especias, no tabaco mollado, na fogueira apagada e no fondo dos torrados da madeira. Na boca a brillantez das cores e a escuridade dos tonos aromáticos transformase en madurez vestida de armadura amadeirada: tanino maduro coas sensacions secantes da madeira, tosta forte que se alonga no postgusto co chocolate diluido entre torrados e afumados.

chiaramonte.jpg

Zenato 2001 Valpolicella superiore
Preto de Verona e ó sul de Trento, entre o rio Adige e o lago Garda, están as 20 ha desta adega coas variedades clásicas de Valpolicella, neste viño a corvina e a rondinella, outras son a molinara, a dindarella, a negrara ou a forsellina, e as que xa coñecemos e non nombro para non ocupar espazo. Este Zenato mantivose en depósitos de aceiro ate a fermentación maloláctica pasando logo unha crianza de doce meses noutros depósitos de carballo esloveno de 33 e 55 hl.

valp-fri.jpg zenato_valpiocella.jpg

Cor evolucionada ó tella anunciando un pasado de profunda capa. Animal, muito ruido e poucas noces, enseguida a pasificación da ameixa abre paso a outros golosos menos pesados, confituras, especias doces, licor de herbas e madeira nobile. Amabilidade sedosa, licorosa e longa.

20/06/08

Os comentarios están pechados.