Ribeiros na 3ª fase

Cando falamos do Ribeiro nos referimos a un conxunto de adegas cun nivel mui equilibrado que non defraudan, sen que nengunha delas destaque de xeito evidente, claro que cada un de nos ten as suas afinidades ou debilidades máis penso que recoñecendo a dificultade de sinalar grandes diferenzas, agás algunha excepción que se beneficia de varios factores alleos á calidade do propio viño, alguns anos enriba e outros non tanto, como é natural e mentres os lévedos seleccionados nos deixen.

Na 3ª fase dos Ribeiro, a 1ª foi a etapa do Ribeiro histórico pletórico e omnipresente e a 2ª foi aquela da que ainda nos estamos liberando, caracterizase pola regularidade e o equilibrio entre adegas, perfilanse os camiños a seguir, as personalidades dos seus viños e os resultados dos diferentes “experimentos´´na elaboración, na viña e na crianza, haberá outros experimentos que ainda necesiten máis tempo. Nesta fase as diferenzas entre os viños son debidas ás distintas personalidades que manifestan, coma nestos tres ribeiros que se presentaron na copa con carácteres distintos, ou asi o interpretei, que non teñen que ver coa sua procedencia, microclima, terriña, nen co rio que cada un ve pasar.

Será na 4ª fase cando máis claramente reflictan, á imaxen dos grandes viños do mundo, as suas terriñas, fincas, pagos, viñedos, solos, orientacions …

Lagar do Merens 2006 Cunha aparente timidez aparece desde a ribeira do Arnoia como a versión da sutilidade cargada dun mundo interior rico e complexo que garda os recordos dun manancial en primavera, fresco e aromático, con flores, fruita, o prado húmido e as herbas máis aromáticas, o seu paso pola boca segue a mesma tónica, fresco, elegante e sutilmente aromático.

Máxima 2007 Desde o Pazo Casanova na ribeira do Miño aparece o carácter e a presencia glamourosa vestida de branco no seu parfum, nas fruitas, nas flores, na cremosidade e nas herbas de tocador acompañados dun toque cítrico máis fresco, na boca este carácter deixa no seu paso a cremosidade das lias, o volumen da sensación graxa cos accesorios dunha fina acidez e un amargor no final que rematan por dar sentido a esta exuberancia.

Sameirás 2007 O carácter extrovertido chega desde a ribeira do Avia con fruita, unha mazaira no seu esplendor cun xardin florido ó seu redor e un aire limpo que vai renovando o ambiente, quen disfrute desta intensidade aromática tan xuvenil, manterase de seguro pegado á copa, cando despegue o nariz dela descubrirá unha boca limpa de paso equilibrado: acidez – volume – amargor final en igual e xusta medida, ate o infinitesimal.

28/07/08

Os comentarios están pechados.