Alain Graillot

En Crozes Hermitage, no Ródano septentrional, está a vila de Pont D´Isere, que linda polo sul coa máis afamada Tain l´Hermitage, e nela a adega e a maioria das 20 h. do viñedo de Alain Graillot coa rousanne e a marsanne nas brancas e o syrah para o vermello en solos formados polo aluvión do Isere, afluente do Rhone, o mesmo que máis arriba marca o recorrido da mítica etapa alpina de Val D´Isere no Tour, con areas, pouca terra e muito canto rodado. Os métodos de cultivo deste vigneron son os ali denominados traicionais, aqui actualmente o tradicional ven sendo o contrario, foise convertindo no contrario, senón comparade: alí orientados aos baixos rendementos polo tanto podas curtas e abonados mui lixeiros, sen empregar herbicidas e, para conseguir que as raigames profundicen na terra e a auga poda entrar, traballa os solos somente con arados, buf ! , uhi !  outro hippie ancorado no pasado!, aqui …

A vendima non se despalilla e despois dunha maceración en frio, para maior extracción de aromas, encubase en depósitos de cemento cunha maceración de 15 a 21 dias e numerosos remontados, posteriormente pasa á fase de crianza que no seu caso consiste en permanecer 12 meses en madeira de 1 e 2 anos, pieces borgoñonas (228 l.), e so un 10% ten contacto coa madeira nova, logo os viños das diferentes parcelas son mesturados, dependendo do ano en distintas proporcións, e pasan a tinos de máis volumen.

Crozes Hermitage Alain Graillot 2005 Aparece picota con granate ás suas beiras mostrando aromas de fruitiños negros, co dominio das moras, oliva negra e máis adiante desaparece cos torrados e algo de coiro, tamén negro, na boca é longo e potente cun tanino rústico soportado por unha apreciabel acidez, esta fria descripción do seu paso pola boca poderia facer pensar en dureza mais a rusticidade do seu tánino quere definir a autenticidade directa sen adornos, saborosa, e a sensación fresca que aporta a acidez sirve para balancear o seu equilibrio sápico.

26/08/08

Os comentarios están pechados.