Arquivo para setembro, 2008

As brancas galegas

Posted in viñodinámica on setembro 29th, 2008

As variedades brancas punteiras de Galiza, as que definen e marcan o tipo de viño elaborado nas zonas onde son maioritarias e preferentes ou coma o compoñente máxico desa ecuación que explica unha terriña (terroir): solo, microclima, castes e o home que as cultiva e elabora, son o albariño, a treixadura e o godello. Esta ecuación formulase co albariño nas Rias Baixas, a treixadura no Ribeiro e o godello en Valedorras, pero tamén se extenden incorporandose á ecuación que formulan viños de denominacions e subzonas 

que transitan entre elas coma Monterrei ou Ribeira Sacra. O albariño faino cara ó leste no Ribeiro sumandose ao coro que acompaña á treixadura, so elaborada de xeito monovarietal desde hai ben pouco e por razons comerciais, composto polo torrontés, o godello, a loureira ou o lado. Tamén chega, anque de xeito accidental, á Ribeira Sacra. O minho da outra beira repite castes.

A treixadura ademáis do seu hábitat natural do Ribeiro achegase polo leste a Monterrei, onde é coñecida como verdello louro, e polo oeste á limítrofe subzona do Condado nas Rias Baixas onde suma as suas características ó albariño, á loureira e ó torrontés, incluso chega ó Rosal facendo o mesmo co albariño, a caiño e o marqués (loureira). Polo sul é coñecida como trajadura na subrexión de Melgaço e Monçao dos vinhos verdes.

En Valdeorras o godello imponse con plenitude e forte personalidade de maneira maioritaria, nembargantes no Bierzo non consigue asomarse no mar de tintos polos que é recoñecida esta denominación, caso contrario a Monterrei que se converte na zona da conxunción perfecta entre o godello, alí verdello, e a treixadura (verdello louro) que contan ademáis coa importante presenza da dona branca e porque non da monstruosa; o godello tamén está presente como variedade principal nos brancos da Ribeira Sacra e chega polo oeste ao Ribeiro e polo sul ate o Douro como gouveio.

E dicir do atlántico ate o Bierzo, denominación tamén viticolamente galega, limítrofe coa meseta dos verdejos e albillas, mostranse tres zonas vitivinícolas definidas por cada unha das variedades fundamentais da vitivinicultura galega en branco pero con espazos intermedios compostos por duas denominacions e varias subzonas e terriñas nos que se mesturan entre elas e con outras variedades autóctonas máis reducidas complementandose en viños plurivarietais. Esta riqueza varietal é única no mundo onde unhas castes de gran nobleza xa por si mesmo capaces de orixinar grandes viños monovarietais dispoñen tradicionalmente do complemento doutras castes cos toques sutiles que lles son propios, non tan extendidas pero indispensabeis para reflectir a maioria dos nosos viños: loureira, caiño, torrontés, lado, dona branca, branca lexítimo … , algunha delas tamén comenzan a orixinar grandes viños por si mesmas.

29/09/08

Da Estremadura

Posted in viñodinámica on setembro 25th, 2008

Se Bairrada e o Dao representan as denominacions clásicas que dominaban no panorama vitícola portugués ate hai uns decenios, recordo todas as comidas que faciamos no seu norte regadas obrigatoriamente nos tintados con algún delas, en branco cun Vinho Verde e nos postres cun Porto na sua versión máis light. Asi a todo os anos pasaron para estas D.O.C contemplando o ascenso dos viños alentejanos ate o dominio no consumo seguindos ainda lonxe no segundo lugar polos durienses, doutra liga semella o imperio branco da mega regiao dos Verdes. Pero o carácter diferenciado dos bairradinos e a elegancia saborosa dos Dao fará que aos poucos a distanza se acurte.

Pero, hai outra vinífera vida fora destas zonas?, que por outra parte xa daria para darse cun canto nos dentes a calquer pais; pois se empezamos fixandonos nos seus extremos xeográficos atopamos duas das zonas menos coñecidas, con menos adegas e menor producción, como son o Algarve, sí, ademáis do turismo andan na dinámica de renovar viñas e adegas, e a rexión entre Douro e Galiza ou Tras-os-Montes, esta última compartindo en duas das suas subzonas como son Chaves e Valpaços rasgos comuns ou sendo como a prolongación lóxica de Monterrei. Unha das zonas vitícolas nas que caería, de ter os posibeis, na busca de terriñas seía esta transmontana da raia.

Outras rexións productoras son o Ribatejo, entre Lisboa e o Alentejo, as Terras do Sado coas d.o. de Palmela e a máis reputada de Setúbal que entre outros tipos de viño ten o seu grande Moscatel, e a Estremadura, que abarca a franxa litoral entre Lisboa polo sur e Leiria polo norte, incluindo no seu peto varias denominacións coma as históricas Bucelas, Colares, situada nas faldras de Sintra onde os bagos de Ramisco se cultivan nas zonas areosas case na mesma praia, cepas vellas sen enxertar gracias a ese solo imposibel para a filoxera, orixen de viños que necesitan decenios para poderen ser degustados como Deus manda resistindo a duras penas a presión urbanística de todo este contorno máxico lisboeta, presión á que parece ter sucumbido a outra doc histórica da Estramadura como foi Carcavelos, máis alonxadas de Lisboa están Torres Vedras, Arruda, Óbidos, Lourinhá e Alenquer na que elaboran as adegas máis importantes. Nesta rexión de clima moderado é onde a proporción das castes portuguesas e as variedades internacionais empeza a estar máis equilibrada.

   

Da Estremadura, anque son de Alenquer teñen a denominación de Vinho Regional Estremadura, son os dous últimos viños mercados nun intermarche: o Quinta das Amoras 2006 da Casa Santos Lima na Aldeia Galega da Merceana

nesta Aldeia do Alenquer tamén está a Quinta da Chocapalha de Sandra Tavarés, e o Quinta de Pancas 2005, da quinta fundada pola familia Guimaraes en 1495, e que agora forma parte da Compañia das Quintas “The Quinta Collection´´

Os 4.29 € do Quinta de Pancas e sobre todo os 2.10 € que pon a etiqueta do lineal debaixo da botella do das Amoras noutros lares faria que pasaramos de longo acelerando o paso para non perder o tempo varios metros, que o final parecerán unha maratón, observando o de sempre, porque namentras os supermercados e demáis espazos con viño que nos rodean vense asulagados ate o demáis polos riojas varios: hight expressión, os autor´s wine, baratijas sen gusto, mediuns de infinitas produccións, marcas que pronunciamos de carrerilla coma os reis godos dalí e as perennes parafenarlias nobiliarias, vai crecendo a peregrinación ó sur na busca de sensacions descoñecidas, castes por descubrir, nomes agarimosos e máis alá, como as que se poden ir descubrindo con estos viños da Estremadura:

Por eses 2 euros o Quinta das Amoras ofrece numerosas sensacions que non deixaron de sorprendeme coma un aire mineral acompañado de fruitas, negras e vermellas, pero tamén regaliz e todavia un aire máis perfumado de herbas aromáticas e flores, e máis logo ainda chocolate, agradoume ficar con esa sensación da calidez da pedra compartindo un frescor balsámico, rezuma a terra entre o fruital das zarzas, non sei … creo que non me equivoquei de botella, en fin seguín disfrutando cunha boca fresca e unha estructura equilibrada, fruital e mineral. Este Quinta das Amoras está elaborado coas castes Castelao (Periquita), Camarate, Tinta Miuda e Touriga Nacional cunha estadia de 4 meses en carballo.

O outro viño que ven sendo o básico dos Quinta de Pancas está elaborado con cabernet sauvignon, touriga nacional e alicante bouschet, e ten pasado 9 meses en barricas de carballo francés. Sorprendeume menos que o anterior pero resultou mui agradavel con carácter na boca e fruital nos aromas.

25/09/08

Lusía

Posted in viñodinámica on setembro 23rd, 2008

Dos bagos da anada do 2006, seguramente mencia, procedentes do Valle de Bedoya, no noreste da comarca da Liébana, e elaborado en Cillórigo por Santiago Dobardanes Vega, propietario da Bodega Rio Santo, que  xunto á Compañia Liebaniega de vinos y licores son as duas adegas que actualmente elaboradoran Vinos de la Tierra de Liébana.

Trasladame á beira dun manancial de auga fresca nos seus primeiros e máis altos tramos, onde é máis pura e vibrante, co mesmo ambiente de prantas aromáticas, cun recordo nalgunha delas a especias, rodeado de rochas, do mineral, o mesmo manancial que no seu percurso polos terreos máis fértiles e húmidos do val achegase aos fruitiños vermellos e en menor medida aos negros con algún carballo non mui lonxe deixandose notar. Entra fresco, coma o mesmo manancial, cun tanino fino que pasa e non se arrastra engadindo algún matiz da madeira na que desembocou para pasar cinco meses, pasa fresco, fino e suave para animar ou incitar a outro grolo, con el chegaremos lonxe a base de pegarlle muitos, de pequeno desenrolo para unha elevada cadencia, coma os de Louis Amstrong nos últimos Tour.

23/09/08

Bierzogna

Posted in viñodinámica on setembro 19th, 2008

Denantes de empezar este blog dos bagos daba por feito que unha das primeiras entradas estaria adicada ó Bierzo, sobre todo por escibir da obra de Ricardo-Titín, Ana, Elisa, e todos os que con eles/as traballan no dia a dia das viñas e da adega, por falar da devoción pola terra, do respecto absoluto no seu trato, da vida que por elo se reflexa nas viñas, dos millons de anacos de xisto enlousando o chan o redor das cepas coma unha alfombra da que asoman as vellas mencias bordeadas de cereixos, castiñeiros, algun aveleiro e a jara e o espliego que logo asoman na copa coma querendo deixar claro que tamén forman parte do ecosistema que da vida a estos viños de viña, de terriña, ou describir os pedazos de chan orixen de viños con persoalidade propia.

San Martin, esporón encepado que asoma por enriba da vila de Corullón cara o Bierzo todo, auténtica proa descendente pola onda que baixa desde os Ancares embocada cara o suleste.

Las Lamas, situada nun estreito val de fortes pendentes, case en caida libre, no que as mencias asentanse na ladeira do mediodia cun solo quente e terroso cos matices da luz do suleste e a un tiro de pedra un profundo souto de castiñeiros mirando o norte.

Moncerbal na parte máis aberta do val que ven de Las Lamas e se vai abrindo cara o chan berciano cun solo frio e a luz do atardecer.

La Faraona coma un ermitaño que buscou a soedade e o magnetismo da altura.

O resultado desta conexión borgoñona e biodinámica da viña son viños de diferentes viñedos no mesmo concello con distintas degradacions do xisto, orientacions e alturas. Da mestura de distintas viñas do concello é o Corullón, co Pétalos como viño xenérico do Bierzo que ven dos bagos de diferentes concellos do Bierzo.

O Bierzo, co solo máis antigo de toda a península onde hai viñedo de xisto, é un lugar cálido, en todos os seus microespazos sintese unha sensación agarimosa, co abrazo próximo que non apreta das montañas, deixando que o ceo se abra o noso redor. Cada un dos seus viños, dos Descendentes de J. Palacios, do seu pastor de bagos, Titin, este si que é un auténtico viticólogo, é a expresión da vida natural e algo máis.

Perdín o meu arquivo fotográfico destas terriñas bercianas e da sua xente, é unha mágoa porque poucas veces a descripción ou a visión dunhas viñas e o seu contorno serve para imaxinarnos ou divagar sobre os viños que orixinan, esta é unha das excepcions. 

19/09/08

A viña do avó

Posted in viñodinámica on setembro 17th, 2008

Retorno ó frescor co A viña do avó que elabora Antonio Cajide Gulin en Santo Andrés de Camporredondo (Ribadavia) con garnacha, mencia, brancellao, caiño e sousón, e que ven sendo o segundo viño da casa despois do Sameirás. Este ano A viña do avó ten acadado o premio ó mellor tinto na Feira do Ribeiro

Recorda aos ribeiros de hai nada pero pasados polo verniz  das boas maneiras, pulidos os excesos conferindolle un paso educado, presentandose coa corrección da suavidade rodeada dunha fresca acidez, cun porte que non resulta nin pesado nin agreste, con finas maneiras, estas tamén sintense nos aromas o través das especias como o azafrán, as flores leves como a lila, os fruitiños negros e o café. O limpo e sutil dos aromas, o fresco da boca, cos seus 11.5º, e o axeitado do seu prezo, sobre os 5 €, fan que de atopalo, mellor con sede, non haxa dúbidas.

18/09/08

Embruix

Posted in viñodinámica on setembro 15th, 2008

Pensaba seguir un tempo pola ruta do frescor pero coma nun embruix cruzouseme no camiño este Priorat que elabora Vall Llach en Porrera, ambolosdous, Lluis Llach e o Priorat, ben merecen este desvio circunstancial.

Dun magnum do 2005 que unhas horas antes compartiron no xantar parte da familia servinme un par de copas cando cheguei a casa na tardiña de onte.

Xa a piques de marcharse o sol nun impresionante dia de entre verán e outono, dos que faltaron estos meses pasados, sorprende a claridade intensa dos seus aromas, coma a do cenit do dia, que por sucesivas capas e a modo van surdindo da cor profunda e intensa que ten o Embruix na copa, mirese por onde se mire, primeiro un aire balsámico para abrir o nariz, deseguido e por este orden o matorral mediterráneo e o bosque tamén dalí, en terceiro lugar e un chisco retrasada a fruita presentase coa madurez da compota, xa no fondo pero non no final aposentase o mineral que remite o chan dalí, logo coma sen querer molestar un toque iodado. Coma se nos transformaramos nunha cámara fixa no medio deste ambiente aromático e filmaramos durante 24 horas o seu desenrolo para pasalo logo a velocidade, a copa nos iria mostrando primeiro na mañanciña coa inercia aletargada da noite os primeiros raios e o despertar dos aromas máis madrugadores, a punta de calor do mediodia para os máis intensos, o solpor da tardiña cos máis pesados e as primeiras sombras escondendo os máis sutiles.

Saborease marcando o paso, ou o tanino denso, coa cadencia dun desenrolo potente, dos que das poucas pedaladas ou grolos pero avanzas lonxe con cada unha delas, dominando en todas elas o carácter mineral acompañado de fruitas negras. Un Priorat que non esconde nen disfraza o seu orixen.

15/09/08

identidade

Posted in viñodinámica on setembro 12th, 2008

A máxima expresión ou a conxugación máxica, cecais a ecuación perfecta, dun territorio, unhas castes, un clima e o seu viticologo-vigneron, conxugase, igualase ou se representa polo que respeita as variedades con aquelas que a experiencia de xeneracions de viticultores teñen xunguido coa súa parcela, cun microclima propio, un solo característico e nun contorno determinado.

Está particular comunión que co paso dos tempos ten sido o xermen das diferentes denominacións de orixen do vello mundo, máis claramente o que se pretendía defender e preservar era o gusto dun viño particular e diferenciado dos viños do resto do mundo, ligado a un territorio no que se formulaba a ecuación anterior, cos seus factores invariábeis.

As diferentes pragas do século XIX que asolaron o viñedo europeo, como foron o oídio, o mildiu e a filoxera provocaron a introducción, e por esta orden, dos híbridos de producción directa (HPD), dos patróns americanos para enxertar as variedades europeas, e máis adiante das variedades máis productivas e resistentes ás doenzas e de cultivo máis doado, pero de calidade inferior como foron o Alacante e o Xerez.

Dera comezo o arrinconamento das variedades autóctonas, no noso caso máis nobles pero tamén máis delicadas, e con elo o gusto dos nosos viños foi trocando, o caso do Ribeiro foi paradigmático chegandose a asociar o seu viño cun tipo de bebida común, plana e incluso turbia.

Antes de que fora evidente a necesidade de recuperación das variedades propias, algunha delas coma o godello reducida a unhas poucas hectáreas de extensión, e actualmente avalados polas tendencias de mercado máis en boga que miran cara os viños elaborados coas variedades autóctonas, algunhas delas realmente descoñecidas, raras ou mui minoritarias, de comarcas con historia vitivinícola perdida no tempo, antes desta realidade que sinala o sentido común e que na actualidade coincide co que marcan as vangardas internacionais e polo tanto o mercado no futuro, tuvemos unha fase na que moita xente viuse afectada pola febre das denominadas variedades mellorantes, tendencia claramente desfasada en zonas con personalidade propia e diferenciada coma as nosas, pero que ten algún defensor trasnoitado nalgunha das nosas D.O. Que tería pasado se como definía o gusto internacional no seu momento tiveramos inundado os nosos viñedos de cabernets, chardonnais, merlots, tempranillos ou sauvignons, pois que voltaria a collernos de traspés, con todo o que supoñen estos de perda de tempo, esforzos e investimentos.

A moda dos monovarietais que fora importada do novo mundo vitivinícola, non posuen D.O., ainda, era unha magnífica ferramenta comercial que fai máis doado para os consumidores dos seus países, desexosos de identificar o producto, ter a referencia do gusto arquetípico da variedade coa que se elaboran estos viños, será a mesma razón que gardan os treixaduras cento por cento que dende hai un anaco surden no Ribeiro?.

Manter a propia identidade e os sinais que a definen é a mellor ferramenta para competir con seguridade neste mundo  no presente e sobre todo no futuro.

12/09/08

Viños do Cantábrico, cordilleira & mar

Posted in viñodinámica on setembro 10th, 2008

Do Bierzo e atravesando polo seu fleco occidental a bisbarra da Laciana, saia que cae na vertente sul da cordilleira Cantábrica, chegase en pouco máis dunha hora a Cangas de Narcea despois de deixaren nas costas o porto de Leitariegos. A estas terriñas achegamonos impregnados co frescor das alturas e a humidade das fragas cheirando o mar que se adiviña o lonxe cando lenvantamos a mirada das viñas, colgadas por aqui e acolá, espalladas polas ladeiras sen continuidade. Entramos nun pequeno microuniverso, para un galego do sul co verdor e as pendentes acentuadas, centrado nunha vila cos desmans urbanísticos tan comuns a nos, no que o frescor atlántico transformase en frescura cantábrica, cecais un punto máis vibrante pero menos iluminada, coma botando de menos o solpor. Microespazo con nomes propios incontaminados: Carrasquin, Albarin branco e negro, Verdejo negro.

Alí a indicación dos Vinos de la Tierra de Cangas extendese polos concellos de Cangas de Narcea, Allande, Grandas de Salime, Illano, Pesoz e Ibias contando na actualidade con seis adegas elaboradoras, a maioria en Cangas. Dos sete viños tintos que están comercializados conseguin seis, e destes o primeiro sobre o que divagar-degustar foi o Muriella na sua versión do ano climático 2005 que levaba no seu interior o mosto fermentado do carrasquin, o alvarín negro e a mencia, elaborado en Vega de Rengos pola Bodega La Muriella.

Aparece coa cor da cereixa e a profundidade dun manancial cristalino. Se non abandonamos o curso deste manancial o primeiro que atopamos ás suas beiras é o aroma da herba suave e o fruital surdindo coa nitidez das baias vermellas frescas e o vibrante dos cítricos atravesados polo aire limpo que baixa desde os altos cantábricos atravesando bosques e fragas para sentirse outra vez fresco na boca, xa como brisa que chega do mar e impregna a fruita fresca  e persistente, cos recordos da sidrina sen escanciar, e que pasa pola boca vertical, como diria Josep Roca, descendendo nun rápel rectilíneo, sen vai e ven, que se repite sen medo nen cansanzo. Para disfrutar e para beber con sede, como a de subir pendentes.

Nos próximos dias irán surdindo novas divagacions co degusto destos viños cantábricos, de Cangas e da Liébana, dos que espero a mesma esencia, como a sorprendente viveza deste 2005 sen crianza. Todos foron comprados nunha pequena tenda de productos da zona dos que como non recordo os prezos de cada un e o tikect non especifica o nome dos distintos viños so podo dicir que están entre os 6 e os 12 €.

10/09/08

Do máis alá ó máis acá

Posted in viñodinámica on setembro 2nd, 2008

Esto empeza alá, na D.O. Bullas coa variedade monastrell de viñas de 30 a 40 anos, no seu óptimo ou cenit, para aquelas latitudes suponse que con maior motivo, situadas na Cañada de Siscar, dalí o seu nome, de mostos fermentados en depòsitos de aceiro de 9.000 l. sen contacto coa madeira, elaborado pola Bodega El Madroñal sita no casco vello de Bullas cunha producción total para as duas marcas que elabora de 25.000 botellas, ou é como dicir as condicions das que derivan viños con algo máis, entre outros matices o máis importante dos reflexos cal é o da terriña. O viño chamase Siscar da anada do 2006

Esta historia vai, ou fica, o redor da densidade, unha viaxe con cargamento envoltos na calor, entre outros “matices´´ dos seus 15º, toda esta ruta ten a sua tarxeta de presentación, case de identidade, no debuxo das bágoas pegadas ó copo/a tentando case inutilmente achegarse ás beiras do negro que da medo, escuro coma o jou negru que parece querer botar para atrás a todo o que se achega a él, alí escondido no macizo dos Urrieles entre o Pico de los Cabrones e o Torrecerredo. Emanan deste jou copeiro efluvios que teñen na vangarda algo de familia co alquitrán e na segunda liña a clara pesadez da pedra-metal, (?), xa no grosso da avanzada vai a fruita pero macerada en licor e o que lle fica de fruita ao figo pasificado, e antes da retaguardia mesturada de químicos, esto é da escola portuguesa, cacao e resina aparece un aire de matorral concentrado na hora punta do dia, con herbas en licor.

Esta receita aromática repitese no degusto, ou suplicio, para as papilas gustativas e para a pituitaria pola porta de atrás. A cadencia de grolos, de haber un segundo tralo primeiro, é necesariamente reducida por demáis. Os devotos da calor, a concentración e a densidade, magoa non ter sequer un chisco de taboleiro, daquela seria o seu  summun, teñen neste monastrel, santo de muitas devocions, outro escapulario vitícola.

Pola miña banda mañan marcho ás terras de sempre, desde que nos asiste o recordo vitícola, excomulgadas por estos beatos monoteistas que coas suas voces taninosas aleccionaban dos pecados (cargaspolifenólicas-incompatibilidades coa madeira-verdor-etc) de castes e terriñas non aptas para o Deus Tinto a la sua maniera.

En fin pasarei por Trives-Manzaneda-O Bolo-Corullón-Cangas de Narcea-Liébana. A comunidade dos bagos, ou o máis acá cara onde fuxen dos prexuizos os crentes no frescor, na terriña e máis alá … ou algo asi. Ate a próxima semana.

2/09/08