identidade

A máxima expresión ou a conxugación máxica, cecais a ecuación perfecta, dun territorio, unhas castes, un clima e o seu viticologo-vigneron, conxugase, igualase ou se representa polo que respeita as variedades con aquelas que a experiencia de xeneracions de viticultores teñen xunguido coa súa parcela, cun microclima propio, un solo característico e nun contorno determinado.

Está particular comunión que co paso dos tempos ten sido o xermen das diferentes denominacións de orixen do vello mundo, máis claramente o que se pretendía defender e preservar era o gusto dun viño particular e diferenciado dos viños do resto do mundo, ligado a un territorio no que se formulaba a ecuación anterior, cos seus factores invariábeis.

As diferentes pragas do século XIX que asolaron o viñedo europeo, como foron o oídio, o mildiu e a filoxera provocaron a introducción, e por esta orden, dos híbridos de producción directa (HPD), dos patróns americanos para enxertar as variedades europeas, e máis adiante das variedades máis productivas e resistentes ás doenzas e de cultivo máis doado, pero de calidade inferior como foron o Alacante e o Xerez.

Dera comezo o arrinconamento das variedades autóctonas, no noso caso máis nobles pero tamén máis delicadas, e con elo o gusto dos nosos viños foi trocando, o caso do Ribeiro foi paradigmático chegandose a asociar o seu viño cun tipo de bebida común, plana e incluso turbia.

Antes de que fora evidente a necesidade de recuperación das variedades propias, algunha delas coma o godello reducida a unhas poucas hectáreas de extensión, e actualmente avalados polas tendencias de mercado máis en boga que miran cara os viños elaborados coas variedades autóctonas, algunhas delas realmente descoñecidas, raras ou mui minoritarias, de comarcas con historia vitivinícola perdida no tempo, antes desta realidade que sinala o sentido común e que na actualidade coincide co que marcan as vangardas internacionais e polo tanto o mercado no futuro, tuvemos unha fase na que moita xente viuse afectada pola febre das denominadas variedades mellorantes, tendencia claramente desfasada en zonas con personalidade propia e diferenciada coma as nosas, pero que ten algún defensor trasnoitado nalgunha das nosas D.O. Que tería pasado se como definía o gusto internacional no seu momento tiveramos inundado os nosos viñedos de cabernets, chardonnais, merlots, tempranillos ou sauvignons, pois que voltaria a collernos de traspés, con todo o que supoñen estos de perda de tempo, esforzos e investimentos.

A moda dos monovarietais que fora importada do novo mundo vitivinícola, non posuen D.O., ainda, era unha magnífica ferramenta comercial que fai máis doado para os consumidores dos seus países, desexosos de identificar o producto, ter a referencia do gusto arquetípico da variedade coa que se elaboran estos viños, será a mesma razón que gardan os treixaduras cento por cento que dende hai un anaco surden no Ribeiro?.

Manter a propia identidade e os sinais que a definen é a mellor ferramenta para competir con seguridade neste mundo  no presente e sobre todo no futuro.

12/09/08

One Responseidentidade to “”

  1. […] nun argumento xa tratado neste caderno en entradas coma viticólogos, voltar á orixe, terriña, identidade, arquitectura da viña, os mellores bagos, os que virán, novos-vellos viños, e acompañada de […]