Archive for outubro, 2008

Pays d´Oc

Posted in viños on outubro 29th, 2008

O Languedoc é a maior superficie vitícola francesa e onde se concentran a maioria dos seus viños da terra ou vins de Pays. Alí xunto as variedades máis tradicionais podense atopar o resto das variedades brancas e tintas, desde monovarietais de viognier e pinot noir a calquera das outras máis famosas e non tanto.

Claudeval Blanc 2007   Viño branco elaborado polo Domaine Paul Mas en Pezenas, preto de Montpellier, con viñedos situados en Limoux e Carcassone (Minervois). Este Domaine elabora unha extensa gama de viños de practicamente todas as variedades francesas. Os Claudeval blanc, rouge ou rosé son os máis asequibeis, 4´5 € nas viñotecas Vinus & Brindis. O blanc ademáis do seu atractivo prezo, e por suposto das suas calidades, paga a pena pola lista de variedades que leva dentro, obrigandonos a investigar a orixen dalgunha delas. A maioritaria é a tradicional grenache blanc, logo ven a ugni blanc que é a variedade máis prantada en Franza con, entre outros destinos, ser a base dos Cognacs ou Armagnacs, a sauvignon blanc, o vermentino sardo e ligur que se extendeu polo Languedoc, a terret blanc, autóctona do Midi que tamén está nos mega coupaxes dos Chateauneuf du Pape e a chasan que é un cruce entre a chardonnay e o listán desenvolvida pola Universidade de Montpellier.

A intensidade ven marcada pola piña e as fruitas brancas e a sutilidade pola herba mollada e a flor branca, no fondo o meloso. Entra lixeiramente abocado, suave e fruital con cítricos e tropicais.

29/10/08

Garnacha de Fuego

Posted in viños on outubro 27th, 2008

Adoita pasar, cando asoma a beleza sen artificios, aquel diamante en bruto xa citado nalgunha liña, con fundamentos e potencial, ou cando a conxunción dos elementos sinalan o nacemento dun posibel máis alá dionisiaco, que o amaneramento neste caso cunha garnacha de altura, adornase para desfilar pola pasarela apta para todos os públicos e para que por 6 € podamos pasarnos un serán copa após copa de tacto amabel, co carácter de seu, e un nariz directo que nos dan pistas sobre o potencial que noutras condicions teria esta garnacha vella asentada nestas terriñas xistosas de altura. En definitiva garnacha de deseño baixada de escalafón para chegaren a máis copas. Elaborado por Bodegas Atteca, do grupo Orowines, en Calatayud. Tiña atopado con máis alma, máis auténticas, as de Viñedos del Jalón

A fruita negra ten neste viño un pequeno verxel, unha sorte de estado no que aparece na sua escuriade máis luminosa perfumada de azul, co mineral contaxiandose do refresco da altura, e polo medio especias brancas e regaliz. Tacto redondo cunha acidez que se nota, non mui denso nin mui longo pero adornado dun gusto equilibrado.

27/10/08

bago de baga

Posted in viñodinámica on outubro 23rd, 2008

                                                                          

Caeume ben este bairradino de apelido baga como os máis antigos e numerosos da sua pequena rexión, certo é que como a maioria dos seus paisanos e coma querendo certificar o estereotipo que levan ás costas nos primeiros roces mostrouse co carácter recio de seu, polo que é coñecido e calificado,rústico afirmarian sen deixar lugar ó diálogo os de clasismo innato, pero debido á miña sempre positiva predisposición co noso sur, funciona máis ben coma un vínculo interno que foi ficando atrofiado ó longo dos séculos, pero non amputado, que desde as entranas e como un eco nos recorda que ese era o camiño natural e non o que foi, sei destos prexuizos.

Quinta da Rigodeira 2004 Baga. D.O.C. Bairrada     Maneiras firmes e recias, robusto e con garra, que según nos ibamos coñecendo foi adornando de frescura deixando paso a unha escondida elegancia no trato pero sen máscaras que disimularan a sua auténtica personalidade, a que fixo acercarme a él.

Desde a esencia do propio bago de baga, de abondosa tanicidade e acidez, que nos fai pensar en viños duros pero que cunha viticultura e enoloxia axeitada, tradicionalmente non se despalillaban os acios para atenuar esa carga, ademáis do selo que deixan os solos arxilosos das suas terriñas (barro-bairrada) proporcionanlle a sua autenticidade e tipicidade e as condicions para unha longa vida.

Outras sinonomias da baga son: alvarinho tinto, a verdade é que de existir un albariño vermello, negro ou tinto poderia ser algo parecido a este bago, outra sinonimia é poeirinha e incluso dozal e pedral, as que temos no Condado e no Rosal.

O cristal da copa cubrese de pingas descendentes á velocidade dos seus 14.5º, coma os que pintan de outono a miña ventana distorsionando desde este areal de Vigo o Xa-Xan e Domaio na outra banda da ria. Cor pechada coma o dia de hoxe, foi antes de onte, que nos mete de cheo no outono.

Os aromas transitan entre unha densidade que parece pecharse no peso e na escuridade e un balsámico que abre o horizonte e o nariz, despois deste confronto que marca o ambiente aprecianse, aderindose cadanseu a un dos dous bandos, a fruita negra, as ameixas, as ervas aromáticas, o afumado, o regaliz, o eucalipto e os tonos licorosos.

Con vigor e garra, denso pero fresco, textura de gravilla que acompaña o seu paso, para rodar e non derrapar. Custou 6 €.

Imprescindibeis bairradinos son: Luis Pato, alguns dos seus coma Beiras, Campolargo co seu laberíntico collage de viños, Quinta do Encontro, Quinta das Bageiras, Quinta de Baixo, ou Filipa Pato, quen fora bago de baga a ser despalillado e logo estrullado en mans coma estas …

23/10/08

Moraima

Posted in viñodinámica on outubro 20th, 2008

Amarelo pallizo lanzando luminarias de ouro fino, evolución na cor que coa luz natural  lle confire unha presenza na copa máis elegante

Aromas que van enchendo e transformandose desde que os deixamos sair. O que máis gañas tiña de voar foi a froita lixeiramente amarela, despois as herbas aromáticas, o fiuncho, a herba ó sol nun xardín con flores brancas detrás dun gran mato de madreselva … un aire trouxo da eira o feno máis quente o rato que tardou o pomelo en volver a refrescar o ambiente.

Moraima é sedosa, grasa no seu punto, golosa, cun amargor que equilibra antes do normal porque non vai o final, este é para un frescor cítrico que deixa un longo recordo saboroso enchido de sensacions golosas e cítricas. Xa na distanza a pavia.

Algo pasa con Moraima que copa após copa descubre novos matices, muller que che leva onde quere, sempre ó mesmo paraiso pero de sesentaenove maneiras distintas.

O albariño dos mil matices ou os mil matices nun viño, une posgusto co seguinte grolo e asi a mestura de recordos multiplicase.

Albariño … Moraima … dicir moraima, beber moraima, coma o seu musical e agarimoso nome04-moraima-xaneiro-197221

Albariño elaborado en Barro por Viña Moraima, S. Cooperativa Galega.

 

 

Merqueino sobre os 10 € na viñoteca-taperia que Fernando Filgueira, gran coñecedor e amante dos viños deste País, e máis alá, ten na Praza da Leña en Pontevedra,“Casa Filgueira´´ , boas tapas para uns magníficos viños nun entorno que motiva.

20/10/08

Lyngrove

Posted in viñodinámica on outubro 17th, 2008

Aparece decolorido cara os tonos aloirados desde un cereixa vestido de media capa nun ambiente dominado polos afumados e coiros acompañados dalgunha especia que cando lle arrancamos un baile circular á copa se abren para os lados dandolle o paso a unha tímida, pese a sua negritude, fruita, un pouco sobrecollida ó verse rodeada no baile de tal prepotencia terciaria. En boca resulta saboroso cos taninos pulidos rematados pola mesma impronta aromática pero cun fruital máis extrovertido.

Reserve (?) de Shiraz -Pinotage do 2004 elaborado por Lyngrove Wine Estate en Stellenbosch; na sua universidade fora creada en 1925 esta variedade sulafricana na busca de xunguir a finura da pinot noir coa resistencia da cinsault. Provabelmente conseguiron tal, nalgures. O que si cubriron foi a cuota chouvinista de ir polo mundo cunha variedade adoptada como propia actualmente extendida por varias zonas dos Estados Unidos e sobre todo en Nova Celanda. Non é doado atopalos por estos lares. Simplesmente para rachar a monotonía de cando en vez.

17/10/0

Lei e Viño

Posted in viñodinámica on outubro 15th, 2008

O viño é un pracer para os sentidos e un xeito de disfrutar da vida pero tamén é un medio efectivo para a conservación da nosa saude asi como de previr múltiples doencias.

Efectos positivos do consumo moderado de viño na nosa saude como son os coñecidos efectos cardiovasculares,os  relacionados co colesterol e de potenciación dos efectos positivos da dieta mediterránea e atlántica, reducción dos efectos negativos das dietas ricas en graxas, ou a sua incidencia no retraso do envellecemento ademais da sua acción anticancerixena. Viño & Saude . Os resultados dunha metanálise publicada en decembro do 2006 nos Archives of Internal Medicine que agregaba datos de máis de un millón de persoas, integrando os referidos non so a enfemidades cardiovasculares, onde as evidencias son enormes, senón que recopilaba e sistematizaba resultados de 34 estudios sobre homes e mulleres publicados ate 2005, poden resumirse en duas afirmacions:

-         O consumo moderado de bebidas alcoólicas mellora as espectativas de lonxevidade das persoas, o excesivo as empiora.

-         A abstinencia absoluta é enemiga da saude. As persoas que non beben nen unha pinga de viño viven menos tempo que as que beben con moderación.

A diferenza de sustancias intrinsicamente tóxicas das que unha dose pequena causa pouco dano mentres que unha dose alta causa muito dano, no caso do viño dase a paradoxa de que a moderación no seu consumo é mellor para a saude das persoas que a sua radical abstención. Coma todo aquelo que temos a nosa disposición para consumir o viño tamén é susceptibel de uso virtuoso, embriaguez dos sentidos, ou de uso abusivo, perda dos sentidos, para este último a mellor vacina é a aprendizaxe social da cultura do viño.

E que dicir das razons polas que o viño vai xunguido á historia das civilizacions e á cultura da humanidade, nas que ten sido desde sempre algo máis que unha simples bebida con significados culturais máis profundos: sagrados, místicos, emocionais, …, sendo ó mesmo tempo medio de inspiración e suxeito das diferentes artes; poesia, pintura, música, … O viño ten formado parte da vida cotián dos habitantes do sul de Europa e da cunca do Mediterráneo ao longo da sua historia: ahí están os frescos exipcios que reproducen o pisado da uva, ou as esculturas e pinturas gregas que representan esceas de recolección, imaxenes pompeianas de Dionisios, os mosaicos de épocas varias, retablos góticos, cuadros barrocos, pinturas impresionistas ou cubistas …. Desde a mesma Biblia que o cita en máis de 600 ocasións, o famoso árbore sagrado seria unha vide, ate hoxe mesmo na eucaristia, deberia ser regulada tamén esta función relixiosa.

Toda está relación de bondades (bondade, non mera ausencia de maldade) do consumo moderado de viño ven outra vez a conto das propostas da Conselleria de Sanidade coa sua lei de drogas. Onde os argumentos máis favorabeis a estas políticas son os aportados polos alcólicos rehabilitados, xa non anónimos.

Seguirán coa regulación do enoturismo, nestos momentos que parece querer arrancar un pouco máis en serio, e de toda a bibliografia relacionada coa antopoloxia do viño, coas denominacions de orixen, coa enoloxia, coa viticultura, as revistas, etc.

E máis barata a abolición que a educación. Máis cultura do viño

15/10/08

La Fleur de Boüard

Posted in viñodinámica on outubro 12th, 2008

Elaborado por Hubert de Broüard, copropietario do 1º Gran Cru Classe Chateau Angelus de Saint-Emilion, a Fleur del mesmo ven das 19 hectáreas que posue en Lalande-Pomerol, comarca situada ó norte da máis famosa Pomerol,  divididas a partes iguais nos concellos de Lalande e Neac e fundamentadas na merlot, coma toda a beira dereita, acompañada neste caso das cabernets, franc e sauvignon, de solos entre arxilo areosos uns e con gravas outros. Despois de vinificaren as parcelas por separado en pequenos depósitos de aceiro inoxidabel pasa unha crianza que dura entre 18 e 24 meses.

As impresions sobre este viño bordelés da dereita do Garona foron escuetas, a situación non daba para elucubrar máis alá, tampouco o viño é, nestos momentos, dos que me inspiren máis lonxe, en resumen (tampouco escribin muito máis): aparece picota con borde tirando aos tonos rubís con aromas mui familiares entre eles, todos do mesmo ADN, como chocolate, café, torrados, afumados, evidente madeira nova, e un tacto bucal estructurado, de esquelete tánico musculado, desde logo longo. Da anada do 2006.

12/10/08

Corias

Posted in viñodinámica on outubro 8th, 2008

O mosteiro de Corias, situado a un par de kilómetros do centro de Cangas, foi fundado coma cenobio benedictino polos condes Piniolo Xemeniz e Ildoncia Muniosis no ano 1.032. Alí estuveron entre outros menesteres tamén elaborando viño ate o ano 1832 no que morreu o último seu abade,  tres anos despois foron sustituidos por unha comunidade de dominicos. O máis importante que se conserva da antiga obra é un Cristo romano nunha capela lateral, o resto desapareceu na reconstrucción do s. XVIII. Fora no 1714 cando Ferro Caaveiro, mestre de obras en Compostela, comenzou a construir o edificio neoclásico que agora é, 8.000 metros cuadrados de inspiración herreriana polo que se lle ten chamado o Escorial asturiano.

“O Guilfa é no asturiano ancestral o vento xélido que procede a nevada que sana o solo no que se aferran, retorcidas, as cepas de verdejo tinto, mencia e carrasquin´´

Guilfa, Corias, é un tinto da anda 2006 con 12.5% que ten pasado seis meses en barrricas de carballo francés. Elaborado por Vinos Cangas S.L. no entorno do mosteiro de Corias, onde foi criado, cos bagos das castes antes citadas de cepas cunha idade superior ós 80 anos de viñas en solos xistosos.

Brillo na pel da granada. Deliciosa boca, atractivo que se degusta, fina acidez que tapiza nas alturas o padal, con suavidade golosa, fresca por suposto, e un amargor que enche e da volumen no final. Especiado agradavelmente fino, condimento que reluce por enriba do coro frutal, voces en vermello-amarelo-negro e para rematar a presenza floral que faltaba no escenario. Asi a todo antes de nada, o primeiro que descubriu o telón foi o aire da terra.

 

Monasterio de Corias. Viña Grandiella 2007. Branco fermentado en barrica no que a autóctona albarín branco vai acompañada do moscatel de bago miudo e da abillo, con 11.5%.

Pálido na sua imaxen e parco tamén na sua fragancia, o primeiro dia, cando lle tirei a rolla para primeiro cear uns petiscos e logo para que me acompañara diante da pantalla, dominaba con moderación a tendencia amoscatelada seguida preto dos recordos que o carballo deixou e, no fondo, non sei se do albillo ou do albarin, co que non tuven muitos tratos, grolos, estamonos a coñecer, unha fruita maduriña. O mesmo carácter no pasar pola boca: entra lixeiro, polo seu porte delgado,  con maneiras untuosas rodeadas dunha acidez que o acompaña e non o abandona ate un final que devolve o moscatel máis intenso.  O seguinte dia, sen a frialdade do primeiro saudo, aparece co seu caracter suavemente cremoso, agarimosamente almibarado e herbas aromáticas e flor branca, sedosidade tendida o aire abaneada de tal maneira por unha acidez tan punzante que por momentos non deixa mirala … a seda.

8/10/08

Douro

Posted in viñodinámica on outubro 6th, 2008

Declarado no ano 2000 como Patrimonio Universal da Humanidade pola UNESCO o Douro vitícola naceu hai 250 anos convertindose na primeira denominación de orixen delimitada xeograficamente do mundo, cumpreanos que ven de celebrar hai dous anos. Como muitas das zonas vitivinícolas do vello mundo a orixen do cultivo da vide nestas terras remontase á época romana, ainda que esta rexión portuguesa posue vestixios culturais máis antigos posilbelmente tamén relacionados coa vide, nembargantes a sua transformación veu por causas en principio alleas ás suas xentes e terras. Este nacemento no ano 1756 ven sendo o froito dunha decisión política do rei español de turno, nesas alturas Felipe II, que, por liortas entre o seu reino e o dos ingleses decidiu poñer fin á fructífera relación económica e comercial entre O Ribeiro, daquela Ribadavia, e os comerciantes británicos. A versión, bastante extendida por foros e revistas españolas, que relaciona este feito, que acabou por afundir aquela prospera relación comercial e destruir o seu progreso vitícola, coa decisión do bispo de Tui de romper estas relacions cos herexes protestantes, condeando deste xeito aos seus feligreses a un futuro máis escuro, semella tan increibel coma penosa, como dicir que foi tamén él o culpabel da desaparición das oliveiras ó norte do Miño. En definitiva o Douro debe a sua descuberta para o mundo e para o mercado europeo do viño, daquela como agora marcado polos anglosaxons, á necesidade británica de atopar espazos axeitados para o cultivo da vide con acceso portuario e fluvial, condicions semellantes ás que gozaban no Ribeiro. Para desenvolver está nova rexión valeronse de viticultores galegos dos vales do Bibei que estaban acostumados ó traballo en bancais ou socalcos, que foron os facedores de todo aquel espectáculo da arquitectura vitícola.

O Douro DOC dividese en tres zonas con características xeoclimáticas diferentes: o Baixo Corgo con Pesso de Regua como centro é a zona máis occidental e polo tanto de influenza máis atlántica, Cima Corgo coa vila de Pinhao coma referente é considerada tradicionalmente como a zona con maior aptitude para a producción de viñoas de calidade por iso conta co maior número de viñas de clasificación superior, e o Douro Superior con Vila Nova de Foz Coa como vila máis importante, é a zona máis quente e de carácter occidental, con menos bancais, que chega ate a fronteira española.

A dinámica productora desta denominación, ate hai ben denominada dos Vinhos do Porto e actualmente dos Vinhos do Douro  do Porto, centrabase na elaboración dos grandes viños xenerosos do Porto envellecidos no máis axeitado clima de Gaia e procedentes das viñas situadas nas tres zonas nas que se divide e que nunha distanza de 150 km vai desde Pesso de Regua ate a fronteira. As quintas posuen as suas viñas nos distintos vales e ladeiras que caen cara o rio Douro e os seus afluentes formando os coñecidos socalcos que adoitan o debuxo das curvas de nivel con unha ou duas ringleiras por altura, esta fora tradicional de cultivo é acompañada recentemente polos patamares que veñen sendo socalcos máis anchos e polotanto con máis ringleiras de cepas e tamén polas vinhas en alto, ou viñas estabelecidas no alto das ladeiras coas liñas de cepas perpendiculares ás curvas de nivel. Da totalidad da superficie de viñas so 26.000 h. están autorizadas para a producción de vinhos de Porto estando clasificadas segundo unha escala cualitativa que vai da A á F seguindo un sistema de pontuación baseado, entre outros parámetros, na sua localización, exposición, altitude, encepamento, idade destas e no seu rendemento. A riqueza varietal do Douro é enorme con nomes coma: Touriga Franca, Touriga Nacional (carabuñenta no Rosal ou Touredo en Monterrei ?), Tinta Amarela, Tinta Cao (cunha posibel realción co espadeiro), Tinta Roriz, Tinta Barroca, Tinta Francisca, e tamén Bastardo e Sousao. Unha vez que chegan á adega os bagos son introducidos en lagares de granito onde son pisados pola“roga´´, grupo de persoas que fan a pisada. Os sistemas mecánicos que sustituen á roga human van en aumento.

Toda a viticultura estaba enfocada para a producción do vinho de Porto nas suas diferentes categorias, fundamentalmente os exclusivos Vintage, estos somente nos anos excepcionais asi declarados, pero tamén os Latte Botle Vintage (LBV), Ruby, Tawny ou os Colheitas e os distintos brancos clasificados segundo o seu envellecemente e grado de dozura. Son asimesmo recoñecidos os Moscateis do Douro elaborados co Moscatel Galego fundamentalmente en Favaios e Alijó. O mesmo tempo que este elenco de viños xenerosos tamén elaboraban viño tranquilo para o consumo familiar e dos traballadores das quintas, e tamén existian grandes viños coma o mítico Barca Velha, o Vega Sicilia portugués, pero baixo a abrumadora sombra ds Portos.

 

Esta dinámica tense transformado nos últimos dez anos, entre outros grazas a unha gran visión de futuro xunguido á un bo facer enolóxico e unha axeitada  visión comercial, mesturando o tradicional co moderno, do grupo de productores  denominados“Douro Boys´´, que teñen dado un pulo  á elaboracion dos viños tintos secos, acadando unha gran repercusión mundial e ainda cun enorme marxen de progreso debido á cultura da excelencia, que busca sempre a máxima calidade, herdada dos vintage, e ao potencial das suas castes, dos seus solos, das posibilidades que proporciona a sua xeografia, diferentes alturas e orientacions, e sobre todo tendo en conta que a viticultura tradicional estaba enfocada para a producción de viños xenerosos e non para os viños tranquilos, a estos destinaban as uvas máis pobres da vendima; este conxunto de condicions os diferencian claramente das denominacions de orixen castellanas da conca do Duero (Ribera del Duero, Toro e Cigales), cunha sola variedade maioritaria, o tempranillo, que en ocasions incluso necesita o aporte do Cabernet Sauvignon, ademáis das evidentes diferenzas nas características xeográficas.

A avalancha de grandes tintos ten chegado a tal nivel que ate as grandes casas de vinho do Porto se uniron a este movimento, de feito só a Fladgate (coas marcas Taylor´s e Fonseca) mantense na producción exclusiva de viños do Porto.

Nos últimos anos os galegos estamos dando unha volta á historia xa que actualmente casi un terzo do volume producido de vinho de Porto está xerido por mans galegas: Sogevinus, Quinta de Ventozelo, …

Quinta do Crasto 2003. Crasto, do castrum romano, é unha quinta situada nun penedo colgado sobre o Douro entre Pesso de Regua e Pinhao, propiedade da familia Roquette tuvo ate hai ben pouco coma unha das suas enólogas á galega Susana Esteban, agora traballando polo Alentejo. Aromas cheos de fruita e especias con aires de esteva que na boca mostra boa dote e gran volumen mantendo o equilibrio gracias a unha certeira acidez cun final longo que envolve. 

Meandro 2003. Olazabal e filhos. Os viños que elabora a Quinta do Vale Meao, os Olazabal, proveñen da mítica quinta que fora propiedade de Dona Antonia Adelaida Ferreira, situada nun meandro do rio no seu tramo superior, con características non habituais no Douro como ter as castes separadas e terreos con partes xistosas, graníticas ou de aluvión. Escuro, cuase opaco, con meandros amoratados de aires docemente especiados, mineralmente balsámicos e recordando ó monte máis baixo. Na boca é saboroso mesturando sensación fresca e tanino doce con fruita.

06/10/08

Pas Curtei

Posted in viñodinámica on outubro 2nd, 2008

Do 2006. Como atravesar unha horta enfundado nunha cor escura pero viva e brillante, a ritmo de carreira, correndo, así a horta aparece coma un conxunto aromático integrado, unha horta san e natural, so cando me agocho para atarme os cordons surde a presenza diferenciadada do pemento vermello entre a horta toda, unha vez recuperado o ritmo de carreira, o pemento, xa atrás, tranformase coa distanza nun doce recordo a pimentón, primeiro o acompañante do polbo e segundo voume alonxando, a ritmo de carreira, o da allada. Como non din voltas o redor da horta, a ritmo de carreira, os seus recordos deron paso, primeiro entremesturados nos da horta e a sua individualidade pementon após pemento, a unha vaga de fruitiños silvestres e frores azuis que por eiqui e acolá adornan o sendeiro que despois da horta vai cara á lonxe carballeira. Agora recordo que un destacabel cardo inseriuse polo nariz na transición horta/pementón-sendeiro, a ritmo de carreira. Boca saborosa con pequeniños pero golosos taninos que se arrastran coma un leve pouso e deixan no tempo o seu rasto.

A parella de enólogos Laurent Corrió e Irene Alemany elaboran este viño e o Sot Lefriec, o seu irmán maior, cos bagos das 8 h. do seu viñedo situado en Lavern, Subirats (Penedés), con carinyena de 60 anos e cabernet sauvignon e merlot de 20 de baixos rendementos, vinificados nunha pequena adega de xeito case artesanal para, sen filtrar nen clarificar e despois de pasaren por carballo novo e de tres usos de torrado medio, producir unhas 5.000 botellas de cada un deles.

2/10/08