The last glass I
Posted in viños on novembro 29th, 2008Estos dias invernais pasaron pola mesma copa, a única que aturou a selección natural que impón o ecosistema do meu piso para un exemplar da sua especie, albariños de duas adegas que mostran personalidades mui diferentes entre elas, como marcando os extremos da xeografia sensorial dos albariños das Rias Baixas, á beira do mar e á beira do Miño. A primeira que deixou os recordos da sua peculiar personalidade, e que nesta ocasión si remitian á sua terriña, foi a de Benito Santos. No seguinte capítulo tocaralle o turno á dos Viñateiros 3.
Congruenter Naturae Vivere
Vivir en conxunto coa natureza. Baixo esta máxima acubillase adega, viños, tarxetas de presentación e suponse que tamén a praxis do seu quefacer vitivinícola. A adega leva o nome do seu fundador e alma mater Benito Santos, cunha historia que está reflexada na sua web sucesoresdebenitosantos. Estamos falando do Salnés, de Curras-Vilanova de Arousa, dalgunhas viñas literalmente á beira do mar e doutras terriñas con solos e ubicacions especias. Na actualidade detrás dos seus viños atopase o asesoramento de Todd Blomberg, que despois de pasar por Zarate ten recalado nesta adega. O dia 3 de decembro fai unha presentación maridaxe dos viños na viñoteca do Casco Vello de Vigo Cabernet.
Terra de Cálago 2007 aparece coma unha brisa mariña que che deixa a cara, neste caso o padal, coa sensación salina do mar, detrás a fruita e a ortiga, fresco, non podia ser doutro xeito, saboroso e para o final un claro amargor. No nariz esta bocanada de aire salino enriba dunha praia cuberta de cunchas deixa paso, xa no interior, à terra cos frutais: albaricoque, manza e cítricos e as prantas. Co paso das horas e os dias quedanos a sensación de que cada dia adentrase unha legua máis mar adentro.
O Pago de Xoan da anada do 2007, dunha botella sen etiquetar, semella coma un charco mariño deixado polo descenso da marea entre as rochas, neste caso seria co recordo da caliza, flores muchas, mambrelo, infusión, ambiente outonal á beiriña do mar. Na boca é seco e salino, amargoso no final con fruitos secos, coma un albariño de albariza ou un fino albariñado.
Outros viños desta adega que esperan o seu momento son o Igrexario de Saiar 04 e o Pago de Bemil 05. Dos que espero unha personalidade semellante.














