Archive for decembro, 2008

Volve! Baco

Posted in viñodinámica on decembro 30th, 2008

A gripe ou o virus que sexa fixome perder varios encontros habituais cos amigos nestas datas, por esto recupero algún apunte de cando non existia este blog dos bagos que fai referencia á cea que os da agasu realizaramos no 2006 no restaurante Maruja LImón, por falar de pratos e viños nestos dias de abstención vitícola obrigada entre o traballo e a cama, coas obrigadas ceas e comidas familiares polo medio. Boto de menos unha carreiriña, algunha trepada polo monte e claro os aromas limpos e o gusto fresco e elegante dalgun súdbito de Dionisos, e unha cea como aquela. Feliz saida e mellor entrada dos respectivos anos …  

Empezamos degustando nos momentos previos e namentras agardabamos aos máis rezagados un champagne de Andre Clouet, casa familiar especialista na elaboración de blanc de noirs baseados na casta tinta por excelencia dos champagnes a pinot noir. Champagne mui frutal e sobre todas as fruitas a manzá verde, cunha acidez mui marcada que asi de entrada pedía a gritos, perdón un champanoise faría unha elegante suxerencia, algunha vianda que contrarrestara a sensación acídula nas encías.
Deixamos o mundo dos viños de segunda fermentación e xa con pratos na mesa nos adentramos no microcosmos dos Riesling, primeiro cun Joseph Shofer do 2004 curiosamente elaborado por un moañés que leva tempo en Alemaña, acompañado por unha Sardiña salgada e afumada, deseguido, e compartindo o padal cunha Tarriña de foie de parrulo, manzá e ensalada de piñons, degustamos o Von Othegraven de 1993. Os dous representan fidelmente as duas caras dos riesling: o Joseph Shofer ensinounos a intensidade xuvenil dos aromas florais e frutais mui nítidos con caracteres melosos, que en  boca nos deixa unha sensación de amplitude equilibrada e persistente, pola sua banda o Von Othegraven presentanos a madurez do riesling, os alemáns din que nestos momentos o riesling petrolea, eu coma vigués que vai do Berbes a Bouzas varias veces por semana diria que recorda a un estaleiro, xa que ese traxecto no que están ubicados os estaleiros vigueses ule a riesling maduro, ou viceversa.

Do Mosel-Saar-Ruwer alemán, e antes de viaxar á próxima Borgoña, pegamos un chimpo no mapa máis ao oeste e nos servimos na copa, ó mesmo tempo que unha Vieira con touciño confitado con cabazo e laranxas ocupa o prato, un Loira de Sannvenieres, recoñezo que levaba muito tempo esperando este momento, por isto asolaronme uns instantes de ansiedade e certo nervosismo, por fin estaba a punto de aspirar os aromas do Clos de la Culeé de Serrant de Nicolas Joly, baluarte da práctica máis profunda da biodinámica no mundo vitivinícola, pero … en fin, parece que non foi o dia propicio, estos viños especiais levan dentro o imprevisibel da natureza, o extremo oposto a calquera lóxica programada das elaboracións industrializadas. Gardo unha dose natural de ansiedade para a próxima ocasión. 

Do Loira biodinámico á Borgoña reserva material e espiritual da expresión do terroir e de respeto pola tradición e pola práctica vitícola máis natural, na maioria dos viños, coma neste Leroy do 97, tamén biodinámica. A diferenza dos Chardonnays de calquera parte do mundo, a miudo con excesos de algo, este Leroy é puro equilibrio de fruita, de cremosidade, de madeira, de graxa, de acidez  … algo parecido ao equilibrio de sensacions e a plenitude que a Molleja de tenreira, uvas e queixo de San Simón ten producido en nos.

A continuación tocoulle o turno ao Redoma 2003 de Niepoort, este Douro con estilo borgoñón está considerado un dos mellores viños brancos de Portugal. Se caemos na inevitabel tentación de facer unha comparación co Leroy apreciamos no Redoma máis vitalidade con maior potencia, estructura e presencia da madeira, ainda que as veces cando a madeira é deste calibre convertese nun pracer. Polos nosos sentidos mesturamos as sensacions deste gran branco coas da Palometa vermella, gambón e aceite suave con allo e cayena.

No cambio de terzo, e coa chegada do Lomo de corzo con setas, piñons e tofu asado á mesa, abrimos a serie dos red ou negres, para nos tintos, cun Dao da Quinta da Pellada do 2003 de nariz mui intenso, igual que a sua cor, con fruita vermella e unha boca marcada por abundantes taninos rugosos mais saborosos.

Nestas alturas chegamos ao que nunha maratón denominase “o muro” e que acontece aproximadamente no kilómetro 35, quen o supera afronta con seguridade o tramo final, e quen non o supera ou fica polo camiño ou chega ao remate bastante perxudicado.

Nesta cea o papel de muro tocoulle ao Latour 2000 do Chateau Latour, un Bordeus de Paulliac que representou con muita altura e elegancia o seu papel deixandonos a presencia dun cabernet con sensacions de luvas de seda na pegada.

O mundo da dozura chegou cun Chateau Villefranche 2001 e unha tarta de queixo.  Neste Sauternes as sensacions melosas da dozura e o tacto graxo vense graciosamente sacudidas por unha sutil acidez que a sua vez equilibra a redondez do glicerol, todo envolto en aromas de mel, fruitas secas e marmelada. Para o punto final e acompañando ao Buñuelo de chocolate, mandarina, touciño e xelado de cardamomo confiamos na seguridade que dá un Vintage, neste caso o Quinta de Brunheda Vintage 2000, seguridade de sensacions plenas e duradeiras, incluso despois de muito tempo ainda están ahí … no recordo … e no padal

Castro de Limés

Posted in viños on decembro 26th, 2008

O Castro de Limes é un viño adicado ao carrasquin, á sua memoria e sobre todo ao seu futuro, creación da factoria ou obrador de David MarcosBodegas e Viñedos Obanca

que ten coma obxectivo recuperar a viticultura desta bisbarra e levala máis alá, unha mostra delo son as 2000 botellas deste viño, única expresión do Carrasquin en solitario, tamén o é ter como asesores a Luis Buitrón, enólogo entre outras adegas de Guímaro, e á experimentación viticola en persoa como é Raúl Perez.

O Carrasquin é unha das variedades propias do viñedo das beiras do Narcea, nas estribacions da vertente astur da cordilleira Cantábrica ou o que é o mesmo viticultura de alta montaña na zona con menor pluviometria e máis horas de sol de Asturies.

Expresa unha paisaxe silvestre salpicada dos fruitiños máis frescos da campiña e das flores máis suaves co chan cuberto de herbas balsámicas i especias finas, despois do sol deixarse notar no ambiente aparecen os aromas máis doces e quentes, so un chisco, da retama e o seu mato e da fruita doce en licor envolta en pao de regaliz, o tempo trouxo unha profunda veta minero-medicinal.

O seu gusto é fresco, entre os cítricos e as fruitas ácedas, cun amargor goloso intensamente frutal con todas as baias do campo no final. Antes deixou un tacto suave e redondo, sedosidade que non anestesia á sáliva, a estimula.

Viño cun carácter mui personal, diferente e atractivo, dificilmente clasificabel, cunha aromática adornada de fruitiños, flores, sotobosque e unha pincelada mineral no final.

Alcouce 06

Posted in viños on decembro 20th, 2008

O Bibei foi durante muito tempo un rio esquecido entre montañas, as máis altas de Galiza, surcando terriñas estremas das suas respectivas denominacions: dunha beira as parroquias valdeorresas de O Bolo e da outra a esquiña menos coñecida da Ribeira Sacra como son as terras de Trives e Manzaneda. Pero no caneo destas montañas o Bibei deixa vales con ladeiras e socalcos de viñedos cunha longa historia dos que na actualidade saen alguns dos mellores godellos, da banda de Valdeorras, e o mellor tinto da Ribeira Sacra que probavelmente teña probado, coma é este Alcouce.

Recordo unha conversa con Luis Anxo Rodriguez, actual presidente do Consello Regulador do Ribeiro, haberá uns dez anos, na que falabamos destas terriñas de Trives e aventurabamos que delas sairian alguns dos mellores tintos do Pais.

ALCOUCE 2006

Elaborado pola adega Chao do Couso nas Terras de Trives-O Caneiro-Val do Bibei con mencia. Podese atopar en viñotecas a uns 20 €.

A cor brillante da sua imaxen é o a da cereixa ben intensa. Os seus aires mesturan a esencia mineral coa fruita negra e os recordos da flor e as follas secas entre a terra húmida, con sutilidade van aparecendo un especiado fino en negro e a aromática das herbas e dos matos, para o final un café suave coa lixeira cremosidade da madeira. Se os seus aromas compracen dabondo o seu gusto é deliciosamente saboroso, fresco, longo e cálido.

Acompañeino dunha cacheira mercada en A Cañiza, con chourizos varios dalgunha parte de Lugo e uns impresionantes grelos que nos trouxeron de Santiago.

Quinta Sardonia 05

Posted in viños on decembro 18th, 2008

En Sardon de Duero (Valladolid) coa direción enolóxica de Peter Siseck e a técnica de Jerome Bougnaud Viñas de la Vega del Duero elabora este viño único, 21.000 botellas, das suas 20 h. de viñedo de tendencia biodinámica, diversas en solos e variedades, nas que se mesturan nun 51%  tinto fino, 29 % cabernet sauvignon, 8% merlot, 4% petit verdot, 4% syrah, 4 % malbec e  2%  cabernet franc, que pasaron 20 mesesen barrica nova francesa.15´5º

Despois de servinos unha copa, apreciar a sua imaxen e, sen mover a copa, ulir os seus primeiros aromas, deixame, cando lle aplico o primeiro movimento rotacional, durante uns intrigantes segundos, cecais minutos, coa boca aberta e a respiración cortada … non, non se parara o tempo o noso redor, non nos perderamos nunha ilusión óptica no espazo tempo … si, parece que empeza a moverse, hai vida, unha especie de bágoa levitante comeza o descenso, tan lento que semella un ascenso himaláyico por enriba dos 8000 metros nos que o intervalo entre un paso e o seguinte dura … seguramente o seguinte grolo será antes de que teña chegado ás beiras amoratadas do profundo picota. A seguinte sorpresa é a sua ampla gama de matices aromáticos, desde o incisivo filo mineral, de pedra, aos máis golosos coma o pan de figo ás fruitas de xeito escarchado pasando pola aromática das herbas e chegar a un final de fina madereiria, regaliz e toffe. No recorrido pola boca a solpresa reside no seu paso redondo e longo menos pesado e lento do que supoñia. Viño potente e concentrado pero que non se arrastra na sua travesía, incluso semella equilibrado. 48 € supón esta viaxe.

Castellanos de Castilla

Posted in viños on decembro 16th, 2008

Das Castelas, novas e vellas, manchadas ou aleonadas, con denominación de orixen ou como viños da terra, e algun pago con direito a d.o.

El Perro Verde 07 

Despois dun tempo con certo medo no momento de prantar os sentidos diante dun viño de Rueda, sobre todo polo mal rollo que supón abandonar ás primeiras de cambio o que debia ser un momento pracenteiro, cheguei a un deles que ofrece a posibilidade de sucesivas incursions nos seus aromas e pasos polo padal. Un verdejo equilibrado que desde a sua esructura media deixa unha sensación fresca que se bebe con facilidade cos recordos dos aromas frutais de albaricoque, os herbáceos húmidos e os pallizos que tamén é a tonalidade da sua cor. Sobre 7 €

Viña 105 2007

Ven sendo a peza que corresponde a Cigales no mapa vitivinícola que abarca a Compañia de Telmo Rodriguez. Tempranillo e garnacha de viñedos de 15 anos a 700 m. de altura. Ten o atractivo da mocidade, a expresión directa da fruita vermella envolta pola zarza e un incisivo especiado, despois pementa negra. A sua boca é saborosa coma un bico xuvenil, pero tamén persistente. Gustoume o conxunto de sensacions que leva, por 7 €. 

Atalayas de Golban 04

E a representación ribereña neste paseo polas castelas. Da adega propiedade de Dominio de Atauta en San Esteban de Gormaz (Soria), pero neste caso co viñedo máis xoven en chan pobre e a gran altura de tinta fina logo criada en barricas de segundo uso procedentes do Chateaux Haut Brion. Aparece coa cor da cereixa picota envolta con tonos amoratados e aromas que mesturan a fruita negra madura cos torrados e cacaos da crianza en un aire mineral que recorda a mina dun lapiceiro. O seu gusto é saboroso cun tacto sedoso e un final no que os recordos da fruita madura superan aos da madeira. 13€

Mas de Leda 04

Da Bodega Leda Viñas Viejas situada en Tudela de Duero e como Vino de la tierra de Castilla León un tinto fino de parcelas arrendadas de viñas vellas con máis de 50 anos con 18 meses de crianza en barricas de carballo francés e americano . Un picota ben cuberto con compota, especias doces, torrados e un balsámico que limpa toda esta carga. Típico viño de transición cun carácter que no seu caso mestura un algo de Toro con poses ribereñas.  Resulta goloso coma para acompañar unha carne con salsa doce, de frambuesa por exemplo. Aproximadamente 11 €

Finca Coronado 05 

En Argamasilla de Calatrava (Ciudad Real) ten Miguel Angel de Gregorio esta Finca Coronado onde elabora o viño do seu mesmo nome, Vino de la Tierra de Castilla, con cabernet sauvignon, syrah, tempranillo, merlot e petit verdot, ainda que non participa neste viño, de momento, tamén ten graciano nas suas 50 hectáreas de viñedo. A crianza é de 14 meses. Picota cortado no seu redor por uns tonos que tirán cara o acastañado. Ten fruita mui madura i especies doces, tamén cacao e a madeira integrada neste todo que resulta saboroso e de paso equilibrado coma para unha carne con salsa branca. Sobre os 15€

Vetus 05 Do grupo Artevino (Izadi, Finca Villacreces) un Toro que recordo un pouco deslabazado, algo por eiqui e un outro por alá, polo medio recordos de carne e champiñon, nun paso de boca con pouco carácter e un tanto desequilibrado.

Caliza 05 En Malpica de Tajo (Toledo) está o Dominio de Valdepusa D.O. Novo viño desta casa elaborado con syrah e petit verdot que tarda en abrirse para aparecer profundo na cor, potente na boca, deixando no final unha sensación que impregna o padal coma de yeso, con aromas especiados e de mineral seco. 10 €

Fotos sacadas en varias paxinas de venta de viños.

Trivento

Posted in viños on decembro 14th, 2008

O/A merlot é unha variedade lixeiramente denostada, tivo o seu tempo fugaz, non durou muito baixo os focos como protagonista da vaga mediática que lle tocara no seu momento, a sombra do cabernet sauvignon era mui longa e o ofrecido monovarietalmente máis alá da sua terra non chegaba mui lonxe. Muita terra enriba botaronlle os exemplares saidos dos seus bagos fora do seu habitat natural borledés, maioritariamente adscritos á tendencia cargante sección pastosista, logo resumida na pose do activista militante enófilo protagonista do filme Entre Copas. En fin esta ala partidaria sempre acaparaba a representación da variedade. As voces críticas á liña ofical do partido no exterior poucas veces fan escoitar a sua voz.

A miña compañeira de traballo Eva trouxome da sua estadia no norte de Italia o Trivento que é un merlot do Ticino, denominazione de origine controllata, un canton da Suiza italiana na mesma fronteira. O pricipio non sabia mui ben como conxugaria unha historia viníca de merlot na Suiza, pero tampouco di tempo ós prexuizos. No Ticino o cultivo da vide procede da época romana pero é a partires do 1906, despois de muitos estudios e como resposta ó efecto da filoxera no viñedo desta zona, cando é introducida a merlot, agora de xeito abrumadoramente maioritario nun 82% xunto coa presenza simbólica da autóctona bondola. Polo tanto no Ticino a sua introdución, que xa ten superado a centuria, non ten nada que ver coas modas vitivinícolas.

O Trivento é un merlot elaborado pola casa vinícola Cantine Latine de Tremona, a idade das cepas é de 30 anos e un 70% do viño ten pasado entre 12 e 18 meses en barricas novas francesas e un 30% nunhas de segundo e terceiro uso. Merlot fresco, prealpino, cunha acidez que envolve a sua estructura rugosilla  e longa, polo tanto fresco, saborosiño e persistente. Muito antes apareceu escondendo a sua auténtica personalidade, coma imitando a face menos atractiva da sua estirpe, ese caracter que non soporta unha conversación prolongada por momotemática, pero esperei, e asi, co tempo e un aire non alpino precisamente, acomodouse no diálogo cunha linguaxe equilibrada para mantelo deste xeito ate que as copas fiquen valeiras, envolto nun aire balsámico entre fruitos negros e baias silvestres, zarzal, regaliz negro e o aporte da crianza en forma de café e torrefactos.

Poema 05 de Alvarinho

Posted in viños on decembro 10th, 2008

Cando no ambiente circunda unha flor branquecina xunto a uns frutais ambiguos, as veces de pel amarela noutras pintando cores máis brillantes e alonxadas de nos e algunhas menos co frescor dos cítricos, cando polo medio deixase notar o aire das herbas e do herbáceo máis perfumado, se hai algo que chega a abrirnos o nariz coma unha infusión entre a menta e a herbaboa, se despois de todo isto e do que non demos apreciado algo nos recorda a dozura dos cabelos dos anxos … se pasan os dias e segue a devolvernos os recordos de antano, de xornadas de festa e compaña o redor dos manxares destas terriñas de rias e rios, de mares e prados …

Cando a boca, e despois o espirito, sintese agradecida pola satisfacción de ter chegado con cada grolo onde queriamos grazas ás sensacións dun corpo que enche, dunha acidez que fai o que ten que facer e dun amargor que equlibra e lle da lonxitude nun slalom final, xusto antes de ficar pracidamente cos recordos do que foi viño e agora son historias retroalimentadas polo pouso dun albariño-alvarinho do Minho, cos anos que decantan e cos dias de espera botella aberta que fagan falta.

Este foi o Poema, prometo non terme suxestionado co seu nome, bon cecais un chisco, máis si polas suas esencias, botella número 2059 de 4000, producido e embotellado por Maria de Fátima Teixeira C. de Silva en Melgaço no 2005. Quinta do Louridal.

Alvaro Castro

Posted in viñodinámica, viños on decembro 6th, 2008

O rasto de homes que se metarfosean cun lugar, que se extenden polas suas raigames, que pululan a certa altura oteando a evolución dos seus elementos, controlando coma en carne propia a influencia de calquera factor que extraia todavia máis as esencias da terriña, e que ademáis deixe en libertade o seu instinto creador, sensación libertaria de ir un paso por diante da propia natureza do teu lar, nunha especie de sprint que tenta adiantarse aos acontecimentos, estado o que so chegan alguns e despois de sufrir unha especie de simbiose co entorno. E todo desde a simplicidade máis transparente, alonxada de malabarismos estéticos ou filosóficos. Homens que probavelmente fan de chispa activadora, estimuladora de novos camiños nunha zona. Por exemplo Alvaro Castro, no Dao.

Aos pés da Serra da Estrela, Parque Nacional, entre Gouveia e Seia está Pinhanços, neses contornos atopanse as Quintas de Saes e da Pellada, con 35 ha. de viñedo a 400 m. en solos graníticos e arxilo-calcáreos coas castes tradicionais do Dao: Touriga Nacional, alí tourigo, Jaen, para muitos a Mencia da Gallaecia, Tinta Roriz, Alfrocheiro preto, Tinta Pinheira e Negro Mouro (camarate), todas tintas e nas brancas a especial e emblemática Encruzado e a Bical ou Borrado das Moscas. Pellada, Saes e Passrela

Para él, coma para os máis lúcidos, o máis importante son os bagos, por iso leo que non ten obsesión cos graos alcoólicos, coas temperaturas, ou coa marca de barricas, de feito estas son mercadas a toneleirias portuguesas empregando madeiras francesas e americanas.

Desde o xa mítico Quinta da Pellada Touriga Nacional 100% do 1996, do que se embotellaron so 1000 botellas e que foi un éxito de críticas, ao actual Carrocel, un dos estandartes do Dao, pasando polo Pape, nome que ven de Passarela e Pellada, viñas das que sae este viño, ou o Dado fruito dunha parceria con Dirk Nieport no que mesturan procedencias de bagos, Dao e Douro. En calquera deles a pegada do seu autor e destas terriñas.

Quinta de Saes 2002 Estagio Prolongado

Elaborado con touriga nacional, alfrocheiro preto, jaen e tina roriz que ten pasado, en vez dos habituais 8 meses de crianza nos seus viños, 14, de ahí o de estagio prolongado. Non me acordo con exactitude do seu prezo, o máis seguro é que estuvera entre 11 e 15€.

Aparece cunha vestimenta outonal, deseguido presentase máis primaveral a modo dun sendeiro aromático que atravesara un bosque atlántico, balsámico e lixeiramente resinoso, entre ervas con aromas e fruitos negros arrastrando un fondo de cacao e leves torrados. O verán atlántico, agarimoso e saboroso, coa suavidade do sol e o frescor aceánico, aparece cando unha densidade flotante nos surca a boca deixando o seu rasto sen agarrarse, con fluidez, cun porte elegante que desde a sua entrada ate o final se fai denotar sen resultar pesado.

6/12/08

The last glass II

Posted in viños on decembro 4th, 2008

O segundo dos albariños que pasou pola última copa foi o Triskel do 2007 que é un dos viños que elaboran os Viñateiros 3 no Pazo Casa Grande de Almuiña en Arbo. Os Viñateiros son a asociación de Alfredo,  Juanma e Olegario, que forman un tridente no que cada un deles desempeña o seu papel e aporta a sua experiencia como sumiller, enólogo e viticultor respectivamente.

Alfredo Alvarez foi o fundador, patriarca, impulsor, formador e propagador da sumilleria en Galiza a través da Asociación Galega de Sumilleres (AGASU), da que foi o seu primeiro e único presidente ate hai catro anos cando colleu o seu  relevo Xoan Cannas. O seu restaurante Casa Alfredo situado no concello de Mos sempre foi un referente gastronómico nas Rias Baixas e desde hai un par de anos tamén xestiona o restaurante El Navegante no porto deportivo Punta Lagoa de Vigo. Juan Manuel Burgos é ademáis enólogo, viticultor e propietario dunha adega en Ribera del Duero onde elabora os viños de terruño AVAN.

Os Viñateiros elaboran tres viños: o Almuiña, condado de albariño e treixadura,

 o Ovo, que quere ser a historia dun viño que durme entre lias no interior dun ovo xigante,  unha parte 12 meses en depósito oval e outra en barricas de carballo francés, cunha boca que é pura seda ate a sua despedida con mel e pel de laranxa, e o Triskel, símbolo celta da vida que so podian levar os druidas.

O Pazo conta con 6 ha. e está acondicionado para o enoturismo con 10 habitacions, restaurante, xardins …  Elaboran cada variedade por separado para proceder despois á sua ensamblaxe, momento no que o olfacto e o gusto vínico de Alfredo Alvarez deseguro ten a última palabra para definir o seu perfil definitivo.

O Triskel do 2007, albariño do Condado, leva dentro un entorno aromático en forma de xardín entre tilos e acacias co matorral, que nutre o panal que define este ambiente, rodeado de frutais nos que o amarelo se impón ao branco. Como camiñar á sombra destos frutais co cheiro da fruita madura, a erva seca e o omnipresente panal. No seu paso pola boca sigue o mesmo fio argumental, historia fresca e melosa cos recordos do paseo.

4/12/08

I

Posted in Sen clasificar on decembro 2nd, 2008

Este caderno dos bagos acaba de cumprir un ano. O desexo era escribir sobre viños e algunha cousa máis polo medio, o de viticólogo dos bagos ven a conto da miña vocación de campo-viña e da devoción polos bagos, pero sobre todo habia un aburrimento provocado por certos mundos que rodean ao viño. Habia anos que tentaba fuxir da expresión - descripción dun viño, e sobre todo nun que vai ou chega máis alá, coma unha fria e protocolaria sucesión de descriptores, contrariamente ó que se pensa un descriptor ríxido impide compartir experiencias nembargantes un que de lugar a varias interpretacions sempre será máis doado de partillar. Ainda que poucas veces o consiga. Entendo un caderno coma este máis coa sencillez dunha folla enrugada e agarabateada que coma o que ” recoñezo” deberia ser: un medio cargado de ofertas visuais, posibilidades de enlaces e lecturas múltiples, contadores de non sei que álxebras lineais e espaciais, profusión de contidos no que o que se escriba, verbum, sexa o de menos, coma certos marketings visuais deseñados para que o viño entre polos ollos cos demáis sentidos adormilados ou suxestionados pola densidade de informacions alleas a sua verdadeira alma.

A idea non era lanzar á rede unha ringleira de viños provados e muito menos puntualos, de feito non creo nas puntuacions e como nunca lles fixen muito caso non iba a caer agora no mesmo. O que realmente me interesaba é a emoción que un viño, que por iso vai máis alá, provoca-orixina-fai surdir, todo o que se atopa entre ese final e os bagos e a sua terriña, orixen de toda esta historia, interesame menos.

Experimentar sobre o que un viño reflexa e a forma de expresalo, de onde ven, onde están inseridas as suas raigames, que apelidos de bagos lle dan as suas esencias, como miran pasar o sol, que vida natural comparte as suas existencias, que xeografia lles rodea e acompaña diariamente, que muller ou home pisa o seu solo estación tras estación

Se chego a todo elo ou non dou chegado, se os meus sentidos son capaces de dar coa chave que abra o seu mundo e conectalo co dos meus recordos, e pensar noutros mundos de desexos, teria chegado daquela, co viño, máis alá.

Graciñas aos que algunha vez tedes pasado por estas liñas, e ate que os bagos sigan rematando en zume fermentado.

foto de vinography

2/12/08