Trivento

O/A merlot é unha variedade lixeiramente denostada, tivo o seu tempo fugaz, non durou muito baixo os focos como protagonista da vaga mediática que lle tocara no seu momento, a sombra do cabernet sauvignon era mui longa e o ofrecido monovarietalmente máis alá da sua terra non chegaba mui lonxe. Muita terra enriba botaronlle os exemplares saidos dos seus bagos fora do seu habitat natural borledés, maioritariamente adscritos á tendencia cargante sección pastosista, logo resumida na pose do activista militante enófilo protagonista do filme Entre Copas. En fin esta ala partidaria sempre acaparaba a representación da variedade. As voces críticas á liña ofical do partido no exterior poucas veces fan escoitar a sua voz.

A miña compañeira de traballo Eva trouxome da sua estadia no norte de Italia o Trivento que é un merlot do Ticino, denominazione de origine controllata, un canton da Suiza italiana na mesma fronteira. O pricipio non sabia mui ben como conxugaria unha historia viníca de merlot na Suiza, pero tampouco di tempo ós prexuizos. No Ticino o cultivo da vide procede da época romana pero é a partires do 1906, despois de muitos estudios e como resposta ó efecto da filoxera no viñedo desta zona, cando é introducida a merlot, agora de xeito abrumadoramente maioritario nun 82% xunto coa presenza simbólica da autóctona bondola. Polo tanto no Ticino a sua introdución, que xa ten superado a centuria, non ten nada que ver coas modas vitivinícolas.

O Trivento é un merlot elaborado pola casa vinícola Cantine Latine de Tremona, a idade das cepas é de 30 anos e un 70% do viño ten pasado entre 12 e 18 meses en barricas novas francesas e un 30% nunhas de segundo e terceiro uso. Merlot fresco, prealpino, cunha acidez que envolve a sua estructura rugosilla  e longa, polo tanto fresco, saborosiño e persistente. Muito antes apareceu escondendo a sua auténtica personalidade, coma imitando a face menos atractiva da sua estirpe, ese caracter que non soporta unha conversación prolongada por momotemática, pero esperei, e asi, co tempo e un aire non alpino precisamente, acomodouse no diálogo cunha linguaxe equilibrada para mantelo deste xeito ate que as copas fiquen valeiras, envolto nun aire balsámico entre fruitos negros e baias silvestres, zarzal, regaliz negro e o aporte da crianza en forma de café e torrefactos.

Os comentarios están pechados.