Alcouce 06

O Bibei foi durante muito tempo un rio esquecido entre montañas, as máis altas de Galiza, surcando terriñas estremas das suas respectivas denominacions: dunha beira as parroquias valdeorresas de O Bolo e da outra a esquiña menos coñecida da Ribeira Sacra como son as terras de Trives e Manzaneda. Pero no caneo destas montañas o Bibei deixa vales con ladeiras e socalcos de viñedos cunha longa historia dos que na actualidade saen alguns dos mellores godellos, da banda de Valdeorras, e o mellor tinto da Ribeira Sacra que probavelmente teña probado, coma é este Alcouce.

Recordo unha conversa con Luis Anxo Rodriguez, actual presidente do Consello Regulador do Ribeiro, haberá uns dez anos, na que falabamos destas terriñas de Trives e aventurabamos que delas sairian alguns dos mellores tintos do Pais.

ALCOUCE 2006

Elaborado pola adega Chao do Couso nas Terras de Trives-O Caneiro-Val do Bibei con mencia. Podese atopar en viñotecas a uns 20 €.

A cor brillante da sua imaxen é o a da cereixa ben intensa. Os seus aires mesturan a esencia mineral coa fruita negra e os recordos da flor e as follas secas entre a terra húmida, con sutilidade van aparecendo un especiado fino en negro e a aromática das herbas e dos matos, para o final un café suave coa lixeira cremosidade da madeira. Se os seus aromas compracen dabondo o seu gusto é deliciosamente saboroso, fresco, longo e cálido.

Acompañeino dunha cacheira mercada en A Cañiza, con chourizos varios dalgunha parte de Lugo e uns impresionantes grelos que nos trouxeron de Santiago.

Os comentarios están pechados.