Volve! Baco
A gripe ou o virus que sexa fixome perder varios encontros habituais cos amigos nestas datas, por esto recupero algún apunte de cando non existia este blog dos bagos que fai referencia á cea que os da agasu realizaramos no 2006 no restaurante Maruja LImón, por falar de pratos e viños nestos dias de abstención vitícola obrigada entre o traballo e a cama, coas obrigadas ceas e comidas familiares polo medio. Boto de menos unha carreiriña, algunha trepada polo monte e claro os aromas limpos e o gusto fresco e elegante dalgun súdbito de Dionisos, e unha cea como aquela. Feliz saida e mellor entrada dos respectivos anos …
Do Loira biodinámico á Borgoña reserva material e espiritual da expresión do terroir e de respeto pola tradición e pola práctica vitícola máis natural, na maioria dos viños, coma neste Leroy do 97, tamén biodinámica. A diferenza dos Chardonnays de calquera parte do mundo, a miudo con excesos de algo, este Leroy é puro equilibrio de fruita, de cremosidade, de madeira, de graxa, de acidez … algo parecido ao equilibrio de sensacions e a plenitude que a Molleja de tenreira, uvas e queixo de San Simón ten producido en nos.
A continuación tocoulle o turno ao Redoma 2003 de Niepoort, este Douro con estilo borgoñón está considerado un dos mellores viños brancos de Portugal. Se caemos na inevitabel tentación de facer unha comparación co Leroy apreciamos no Redoma máis vitalidade con maior potencia, estructura e presencia da madeira, ainda que as veces cando a madeira é deste calibre convertese nun pracer. Polos nosos sentidos mesturamos as sensacions deste gran branco coas da Palometa vermella, gambón e aceite suave con allo e cayena.
No cambio de terzo, e coa chegada do Lomo de corzo con setas, piñons e tofu asado á mesa, abrimos a serie dos red ou negres, para nos tintos, cun Dao da Quinta da Pellada do 2003 de nariz mui intenso, igual que a sua cor, con fruita vermella e unha boca marcada por abundantes taninos rugosos mais saborosos.
Nestas alturas chegamos ao que nunha maratón denominase “o muro” e que acontece aproximadamente no kilómetro 35, quen o supera afronta con seguridade o tramo final, e quen non o supera ou fica polo camiño ou chega ao remate bastante perxudicado.
Nesta cea o papel de muro tocoulle ao Latour 2000 do Chateau Latour, un Bordeus de Paulliac que representou con muita altura e elegancia o seu papel deixandonos a presencia dun cabernet con sensacions de luvas de seda na pegada.
O mundo da dozura chegou cun Chateau Villefranche 2001 e unha tarta de queixo. Neste Sauternes as sensacions melosas da dozura e o tacto graxo vense graciosamente sacudidas por unha sutil acidez que a sua vez equilibra a redondez do glicerol, todo envolto en aromas de mel, fruitas secas e marmelada. Para o punto final e acompañando ao Buñuelo de chocolate, mandarina, touciño e xelado de cardamomo confiamos na seguridade que dá un Vintage, neste caso o Quinta de Brunheda Vintage 2000, seguridade de sensacions plenas e duradeiras, incluso despois de muito tempo ainda están ahí … no recordo … e no padal