Vino de Piedra

Outra vez Yuri Bilbatua establece a conexión mexicana e abreme aos sentidos un viño da Baja California, nesta ocasión o Vino de Piedra 2006 de Viticultores Casa de Piedra no Valle de Guadalupe, Ensenada, unha mestura de cabernet sauvignon e tempranillo con 14 meses de madeira, 13.6º.

O nariz sorprende por un impacto que descoloca e fai perder o equilibrio, suplica uns minutos de toma de aire para poder volver a sumerxirnos e non perder a conciencia, e alá vamos outra vez: nesta vaga aromática a prepotencia da fruita amarmelada, incluso caramelizada, vai co especiado da man, pero as vagas se suceden e a evidente pegada rochosa mesturada con aires medicinais e neumático novo toma o relevo, despois chocolate e noz moscada. Este relatorio de corrido supuso varias incursions odoríferas coas suas respectivas tomas de O2. A submersión bucal foi outra historia ou como a “tanicidade” da rocha ganalle a partida á da madeira e sobre todo á dos bagos maduros cunha xogada de imposibel equilibrio, nunha sorte de sensación adociada na entrada aos poucos superada nas alturas do padal por unha clara salinidade (mineral ?) que ocupa a maior parte do seu recorrido, logo os recordos das sucesivas incursions cun retrogusto confitado o suficientemente denso como para retrasar novas submersions.

Despedinme coa mosca na orella pensando no que ofreceria o dia seguinte, era tarde e xa tiña dosis dabondo para acompañar unha cea frugal e os comezos do filme que me levaria ó soño.

Tralo soño, á diaria xornada laboral, un café diante do ecrá, unha reunión da que saio como provabel vicepresidente de algo e outro dia sen poder ir a correr, sentome a cear unhas croquetas feitas cos restos do último cocido acompañadas dunha copa do Vino de Piedra - Pedra de Viño. Apareceu menos estrambótico dentro da mesma xogada, unha aromática máis integrada cun gusto de tanicidades todas a unha e o toque salino menos estridente pero evidente.

Deixa unha resposta