As outras Valdeorras

Transitando entre A Rua – Petin e as Terras de Trives, despois de deixaren nas costas o Sil e a esquerda a via que na senda do sur atravesa as viñas acomodadas plácidamente na Portela de Portomouriscos e as primeiras costas que desde Outar de Pregos nos fan ir gañando altura para situarmonos no pequeno universo de O Bolo: primeiro Lentellais e á sua dereita ou mirando ó oeste o bastión de Chandoiro asomando cara a Manzaneda, deseguido Santa Cruz, nome que anuncia un espazo para transcender máis alá no vitícola e no espiritual, onde se agochan para máis inri As Ermitas. A xeografia física destos contornos, a outra seria unha historia diferente, esta enchida de pedazos de chan-terriñas con viñas, algunha delas xa so un recordo, en cada un das curvas e dos vales que o Bibei vai perfilando, socalcos perdidos e abandonados nos colgantes que penduran sobre o rio, ladeiras encepadas cara a cara, a tiro de pedra, que separadas polo Bibei son case o mesmo viño pero con diferentes apelidos: Valdeorras ou Ribeira Sacra.

No camiño do oeste, deixando atrás o Sil e á esquerda aquela subida a O Bolo, pasamos atravesando os núcleos de Freixido, o de abaixo primeiro, e o de Larouco pola estrada que non hai muito, ou si, era o traxecto obrigatorio para os que partindo das Rias Baixas e Ourense nos dirixiamos a Valdeorras, ó Bierzo ou máis alá. Larouco foi via de paso e espazo fronteirizo entre denominacions cun viñedo desaproveitado enfocado para o volume, a única adega importante do concello é a cooperativa Santa Maria dos Remedios, ideada no ano 1959 polo párroco Bienvenido contando con 47 viticultores que os anos teñen aumentado ate os case trescentos, algo habitual na sua época pero que desde hai polo menos un decenio deu paso a outra na que este tipo de mega adegas se reconverteron, renovaron, transformaron, desapareceron ou coma en Larouco ficaron co carácter residual do pasado. O paso do tempo trouxo decepción en muitos viticultores, aburrimento e irelevancia nos viños alí elaborados e o envellecemento dunha parte importante da poboación. Certo que A Rua e O Barco teñen tamén as suas cooperativas, Nosa Señora das viñas e Xesús Nazareno respectivamente, coa mesma orixen temporal pero con máis socios e ademais compartindo territorio con adegas preocupadas en maior ou menor medida pola calidade e incluso pola excelencia, e algo se contaxia. Para chegar a estas últimas en vez de deixar nas costas o Sil deberiamos acompañar o seu curso ó revés, levandolle a contraria, desde que se abre ao Val de Orras todo despois ou antes, asegún, das estreitas e empinadas Terras de Quiroga. Tomariamos primeiro de esguello Petin, cruzariamos A Rua, atravesariamos Vilamartín e deixariamos á dereita O Barco, ou pasariamos pola sua arteria central se quixesemos ir cara a Carballeda e apreciar o seu pequeno e xistoso viñedo situado nun val que garda algunhas marabillas, se esquecemos as canteiras, coma o Teixedal de Casaio e uns centos de metros máis arriba Trevinca, a cota onde o Pais máis se achega ó ceo.

E antes do Bierzo Rubiá e o pequeno espazo aberto e limpo de Biobra nas faldras do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.

Nos viños de Valdeorras pontifica a godello, por iso van por diante, e muito, os brancos, nos tintos, case desaparecido no combate contra a filoxera e as progresivas andanadas de invasions varietais o tradicional Albarello, decidiron que o seu icono era a mencia o mesmo tempo que esperaban a sua maioria de edade primeiro co auxilio das francesas, logo da máis española e finalmente esperando á última en sumarse, neste caso co aval regulamentario, da galega sousón. A falta de confirmar esta derradeira opción, máis prometedora e máis nosa, foise descubrindo a versión esplendorosamente saborosa e sorprendente dunha caste que entrando pola porta de atrás foi acaparando numerosas hectáreas de viñedo pero sempre denostada con sanbenitos varios, a maioria certos, e destinada para os viños máis básicos e de maior producción. Esta atractiva versión da Garnacha Tintoreira, parente mui próximo, senon a mesma variedade, do Alicante Bouschet que no Alentejo esta na orixen dos seus máis grandes viños, require viñas vellas en boas ubicacions para apurar a sua maduración en anos soleados. De dar con ela, os exemplares son escasos e a maioria non se atopan nas tendas, non perdades a ocasión de probalos e disfrutalos.

Carballeda, fria e afogada polas canteiras, O Bolo-Bibei, magnetismo especial dun ambiente confirmado cos viños de máis futuro, Larouco, falto dunha adega que extraia o carácter diferenciado das suas viñas, Biobra, natural nos viños e no seu Parque da Serra.

2 ResponsesAs outras Valdeorras to “”

  1. Magnífica reportaxe. Concordo co das viñas vellas de Tintorera, do que xa non estou tan seguro, é da idionedade da Sousón que esta a ser mui gabada por ser unha casta clásica do Douro e pola cor que posue, ainda sen restarlle méritos, acho que hai outras castas na Galiza coma a Brancellao (Albarello) que simplemente por no ter cor é apartada; embora está e a miña opinión, é importante que se aposte polas castas dos país. Saúdos

  2. Seguramente os mellores viños que algunha vez se elaboraran en Valdeorras, máis auténticos e diferentes, foran os de albarello.
    Son duas castes complementarias, o sousón como a versión galega da opulencia e o albarello de valdeorras debeu ser o enlace, non xeográfico, co frescor das máis atlánticas coma o caiño.