Barcelona/Alemanys/Fórum

Barcelona é unha cidade agradavel, cómoda, fácil de patear, activa pero non estresante, con ese aire mediterráneo que se nota limpo de prexuizos e de tantas caralladas que outros aires nos fan chegar. A maiores dos grandes atractivos que ten, que fan de catro dias unha simples incursión que demanda outra volta, os que en cada viaxe temos sempre unha cita co mundo do viño atopamos un paraiso de viñotecas con diferentes filosofias e tamaños: El Celler de Gelida, L´Anima del vi, Vila Viniteca, Vinus & Brindis, Petit Verdot, Enoteca D´Italia, Monvinic e outras que descoñezo, nas que mergullarse en miles de posibilidades para atopar o que se busca ou descubrir novas opcions. Coa disculpa de saudar e charlar con Cesar Cánovas tuven o pracer de sumerxirme no espazo cultural de Monvinic. Desde xullo do ano pasado van perfilando paso a paso, con muito fundamento, un escenario que todo amante da cultura do viño desexaria ter ben preto: unha biblioteca con todos os contidos que rodean ó viño, guias e revistas de todo o mundo, acceso a internet, unha sala de catas que soñariamos calquera dos que damos cursos, increibel oferta de viños por copas de todo o mundo que se pode consultar facilmente mediante unha pantalla con toda a información, foto incluida, de todos os viños disponibeis e a uns prezos increibeis. Un restaurante espacio culinario cunha cociña tradicional para todos os gustos e unha adega con 3000 referencias que coa cadencia dos pasos medidos, como todo o que fan, situarán nas 4000 que teñen coma obxectivo. Falounos por suposto de Sergi Ferret Salat, extraordinario coñecedor do mundo do viño e artífice deste centro. Sempre baixo o son de John Coltrane

O luns acerqueime a Girona para asistir, de dez da mañan ás catro da tarde, á cata presentación da anada do 2007 de Vins Alemanys que se celebrou en Mas Marroch, espazo habilitado para eventos deste tipo polos irmans Roca. Acompañando a Xoan Cannas e a Jorge de Maria Fechoria fun quen de rematar esta auténtica maratón, basicamente porque Jorge fixo de lebre e grazas a él non baixamos o ritmo ate o final, eu teria recuado a medio camiño, e non polos viños xa que é unha oportunidade única de acercarse aos viños de adegas tan atractivas como as que alí estaban, senón polo alto ritmo necesario para poder probalos todos. Ainda sen ter integrado toda a información daquelas horas e viños e adegas, as primeiras impresions, que son as máis puras, levanme á elegancia, frescura e limpeza dos Nahe en xeneral e de Hermann Dönnhoff especialmente coma un diamante brillante en todos os diferentes momentos que nos acercamos á sua mesa, noutro rexistro unha pinga máis goloso pero co mesmo trasfondo de finura os Mosel – Saar – Ruwer de Fritz Haag e Grans – Fassian e o caracter diferenciado dos viños de Joh. Jos. Prüm e os máis doces de Maximin Grünhaus. Os que sempre satisfacen e que con so mentar o seu nome os nosos sentidos xa imaxinan os estimulos que os van a impregnar, son os viños de Bürklin – Wolf (Pfalz) e de Georg Breuer (Rheingau). Como sorpresas recordo os de Geheimer Rat Dr. Von Bassermann – Jordan (do nome evidentemente non recordaba nin a primeira palabra, eran os da esquiña) e os de Wittmann de Rheinhessen. Durante esta xornada tuven a ocasión de saudar a Joan Pallarés e compartir un viño con Manuel Gago e Sole e claro perguntarlles pola xornada do sábado no Fórum á que non puiden asistir.

Despois acercamonos ó Fórum Gastronomic de Girona onde, tras un primeiro tour polas suas laberinticas salas, tomamos uns pinchos que nos ofreceu Marta de Lagar de Pintos, atopamos no espazo que tiña a Xunta de Galicia a Jorge Maceiras do CRDO de Valdeorras e a Miguel Vila e, xa na zona do vi, estuvemos un bo rato, eu xa coma remate antes de coller o tren de volta a Barcelona e Xoan e Jorge antes de entrar na cata guiada sobre o Empordá, con Gregory Perez e os seus prietos picudos e os bierzos da sua adega Mengoba: un impresionante branco de godello e dona branca e un agarimoso e profundo tinto de mencia que, ademáis das suas elaboracions en Ribeira Sacra e según nos contou desde o ano pasado na zona de Irias en Cangas de Narcea, merecen unha parola máis detenida e detallada.

En fin citas que son para repetir todos os anos como a Essencia do Vinho da semana que ven en Porto ou as máis habituais Xantanzas, a próxima este domingo no restaurante Galileo de Pereiro de Aguiar.

2 ResponsesBarcelona/Alemanys/Fórum to “”

  1. Magoa non ternos visto por alá, pero ti chegabas ás 10 á cata e eu saía ás 12 para o aeroporto.

  2. Esperaba verte por alí, pensei que marchabas máis tarde.