Arquivo para maio, 2009

Brunello

Posted in viños on maio 30th, 2009

Toscana … e deseguido imaxinar paisaxe, cultura… Montañas e praias ó norte, os bosques de Mugello e Cosentino no leste, Siena no medio, e por todas partes lombos ondulantes coma unha caricia con oliveiras, frutais e cipreses … e ondas de viñedos. Ou inundarse do humanismo e do renacemento que agromaron nas suas vilas. Se o número de castes é interminabel a lista de personaxes que deu esta terra semella tamén sen fin: Dante, Petrarca, Boccacio, Giotto, Donatello, Brunelleschi, Verrocchio, Botticelli, Miguel Angel, Leonardo da Vinci, Piero della Francesca, Galileo, Maquiavelo … máis logo as vinganzas, o mecenazgo, os Borgia, os Medici … Algún pouso arrecendoso e escintileante ficará entre as pingas que no copo deixan os viños destas terriñas.

Neste escenario Toscano de raigames etruscas, a historia do viño remóntase á edade media ainda que o seu viñedo empeza a delimitarse cos Medici no 1430. As denominacións que destacan, entre as máis de 50 que  posue, son o Brunello de Montalcino, o Vino Nobile de Montepulciano, o Bolgheri, Vernaccia de San Gemignano e o Chianti Clásico co resto de Chiantis: Colli Aretini, etc. Ademais da IGT Toscana baixo a que aparecen a maioria dos supertoscanos.

A diversidade climática da Toscana permite a adaptación, á par das locais sangiovese, canaiolo, colorino, mammolo, cesanese, trebbiano … das variedades máis internacionais, de todas elas.

Di a tradición que o sangue de Xúpiter  remontase á civilización etrusca (séculos VIII a II a. C.), pero as mencions históricas á sangiovese datan do século XVIII. As cen mil hectáreas desta variedade plantadas por toda Italia representan o 10% do seu viñedo. Os clons do sangue de Xúpiter son o sangiovese grosso (Brunello Prugnolo Gentile ou sangiovese di Lande en Greve in Chianti) e o sangiovese piccolo noutras zonas da Toscana. Outros seus nomes son: sangioveto no Chianti, prugnolo gentile en Montalcino, calabrese no Aretino ou maglioppa en Chieti. 

La Poderina é un Brunello de Montalcino elaborado pola Tenuta La Poderina, pertencente ó grupo Saiagricola. Esta Tenuta dispón de 10 h. adicadas ó Brunello situadas en Castelnuovo dell´Abate.  Combinan sistemas tradicionais con innovacions máis modernas, asi seguen empregando os Botti, grandes toneis de carballo de Eslavonia, xunto ás máis pequenas bordelesas. Neste Brunello o 60% da massa afinase nos botti e o 40% en barrica, estos últimos durante os primeiros doce meses, os segundos doce meses toda a massa estadia nos botti, despois unha breve pasaxe en aceiro e finalmente 18 meses en garrafa. La Poderina está elaborado con  brunello (sangiovese grosso).

Equilibrio e elegancia, e lonxitude, mui longo … e saboroso, densidade de tanino sedoso… e xusto frescor (acidez)… De lonxe un bosque, tapado por un aire de acetona (grandes toneis) e o coiro que nos cubre, despois do bosque os recordos da trufa e o cheiro das fruitas: casis, grosella e outros fruitiños vermellos con regaliz negro…ó final, como no principio, os ecos da madeira volven  a escoitarse a modo de caixa de charutos e torrefactos.p1000802

Ladeira Vella

Posted in viños on maio 25th, 2009

Hai cinco anos, durante unha visita por varias adegas de Valdeorras, comimos en A Coroa, adega situada no barrio do mesmo nome da vila de A Rua. Tuven a sorte de sentarme preto do seu propietario xa que, despois dos aperitivos e logo de ausentarse uns minutos, trouxo á parte da mesa onde nos sentabamos, o resto nin se enterou, unha única botella sen etiquetar, coma se un tesouro fora, dun tinto de bagoa densa e colororeada, gusto carnoso e complexos aromas que nunca imaxinara en Valdeorras. No posterior percorrido pola adega percateime dun pequeno depósito de 2000 litros onde bagos de garnacha tintureira, estruendosamente violetas, transformabanse no xugo que cinco anos despois degustaria grazas a Manuel Gago, convertidos neste viño xa etiquetado e comercializado nun número non superior ás 2.500 botellas. Etiqueta que na sua contra ven sendo unha acumulación de despropósitos, o primeiro deles por titular o viño de Tinto Roble e deseguido non facer ningun tipo de referencia á variedade, á localización das viñas ou a sua edade, limitandose a citar a coletilla manida esta pero, xa postos, sen especificar o tempo de roble ou o seu tipo. Nembargantes si fala do outro despropósito cal é o de estar a adega levantada sobre un antigo castro romano catalogado por Patrimonio.

 

p1000816

Esta adega tivo o acerto de descubrir o resultado da versión das viñas vellas e perfectamente madurecidas da deostada garnacha tintureira.

 

Ladeira Vella A Coroa 2005

A densidade coloreada de cereixa picota traslada esta profundidade a unha boca pola que pasa cun tacto redondo e denso, contrapunteado pola impronta da fresca acidez e a tanicidade da tintureira, con aromas que viaxan tamén entre a calidez dun dia de vendima coa sensación de andar entre a fruita negra e vermella madura, a herba seca e os matos, o cacao e o terroso que se vai abrindo a unha punta mineral máis fresca e balsámica, cando paramos a refrescarnos e repoñer folgos.

 

Barolo Bussia

Posted in viños on maio 19th, 2009

le-langhe

De nebbia – néboa nebiolo. Fenómeno natural que acontece habitualmente na vendima de Las Langas, colinas de ladeiras escarpadas entre os 250 e os 500 metros no mundo do Barolo Piamontés. A questa caste non lle valen as zonas baixas pola sua inherente humidade, nen as altas polo vento, non menos inherente a elas.

Enigmático, desequilibrado … son alguns dos adxectivos a él adicados. Datos máis empíricos son o seu cedo agromado e a sua serodia maduración (ciclo longo), ou o seu alto grado alcoólico, altura á que tamén chega na acidez tartárica, os seus poucos antocianos e o seu poderoso taninagem … factores que obrigan a unha espera de anos para se conxuntaren. Despois desa espera os adxectivos ó seu viño tornan para falaren de finura, elegancia e longo apos gusto sen abandonar a sua tanicidade e marcada acidez, inherente a si mesmo. É polo tanto un dos viños máis lonxevos pero que manten os seus complexos aromas na sua extensa vida.

O territorio Barolo extendese ó longo de 11 concellos, cinco grandes e seis máis pequenos, cadanseu divididos en pagos-terriñas ou viñedos de calidade pertencentes á sua vez a varios propietarios: sistema de municipios-microparcelación-climats

romirasco

Aldo Conterno elabora en Monforte d´Alba, Bussia DOCG, no corazón do Barolo, con nebiolo das 25 hectáreas de viñas con máis de 25 anos a unha media de 400 m. de altura, con exposición sur – oeste e solos con estratos de area de cor gris parda alternandose con margas calcáreas brancas e azulastras, este Barolo de 14´5º no 2004. Despois da fermentación permanece durante cinco meses coa curtimenta nos depósitos de aceiro, posteriormente envellece outros 26 – 28 meses en grandes depósitos de carballo de Slavonia.

p1000805

Ven enlacado, coa cor atenuada, fino, elegante pero incisivo e directo, acompañado de fruitos vermellos, pementa, canela … deixando un final de sensacions balsámicas extendendose no tempo nun eterno retorno de aromas. Na boca “tanino de bigote”, fundente, marcado de preto pola evidente acidez.

Ladairo

Posted in viños on maio 17th, 2009

Monterrei é a única d.o. galega non debedora do Miño, as augas que regan as suas terriñas rematan, despois de atravesar Tras os Montes, no Douro máis galego. Este feito xunguido a posuir o clima máis seco do Pais define o estilo dos seus viños, sobre todo nos tintos. O carácter máis atlántico dos viños da vertente miñota permite trazar un fio argumental entre elas que ó falar de Monterrei transformase nuns aires durienses cargados dun atlántico mediterraneizado.

Entre os viños que elabora a adega Ladairo na parroquia de O Rosal en Oimbra este é o de elaboración máis seleccionada: as viñas máis antigas de mencia, arauxa e bastardo, que pasan unha crianza de oito meses en barricas novas, de un e de dous usos de carballo francés.

É lóxico poñer a procedencia e orixen do viño, determina o seu carácter, incluso o nome dos bagos que nel interveñen, indica a sua personalidade, pero resaltar do xeito que o fai este viño o recipiente no que pasou oito meses é sobrevalorar, case por enriba dos anteriores, a sua importancia.

p1000814

Denso pero agarimoso, abraza o padal co cálido frescor da seda … galega. Acereixado con fruita e flor rodeados da cremosidade e o ambiente especiado do carballo, daquelas carballeiras que se extenden envolvendo as leiras coas fruitas vermellas e as flores azuis e as corredoiras pedregosas.

Quinta do Ramo

Posted in viños on maio 12th, 2009

Atopar viños tintos en O Rosal non é unha tarefa doada. O representante máis famoso desta zona, o da etiqueta coa flor vermella, parece que pasou a mellor vida, pior para os seguidores de Baco. Polo menos na apariencia antes descrita.

Nesta pobre historia que xungue O Rosal cos viños tintados hai ben pouco que descubrín outra personaxe. Tratase do Quinta do Ramo, viño tinto elaborado cos bagos das castes tintas tradicionais nestas terriñas da d.o. Rias Baixas que miran cara ó sul no tramo final do Miño, ás portas do Atlántico (sur-Miño-Atlántico) e que non son outras que o caiño, o sousón, a recuperada castañal e a engadida mencia. Bagos do pequeno viñedo rodeado de arboredas centenarias que posue a casa de turismo rural, do mesmo nome co viño, na parroquia de Forcadela do concello de Tomiño. Elaborado para esta casa rural nunha adega próxima.

Seguramente a sua distribución non alcance máis alá das bisbarras do sur da provincia de Pontevedra. Foi descuberto no restaurante Don Pelayo de Tui, un dos muitos locais desta histórica vila nos que se pode combiñar bo xantar e bo viño.

p1000793O Quinta do Ramo do 2007 (non sei cantas anadas levan) ensinounos a finais do inverno a primavera que xa está.

Primeiro coa fruita vermella e a negra máis radiante, seguidas dunhas pingas florais sobresaindo do seu atractivo trasfondo especiado, mestura dos recordos do azafrán cos do pao de regaliz.

Máis adiante o floral apoderase da primavera.

Aquela prácida, agarimosa e envolvente face aromática transformase na boca nun vento fresco, do que penetra no corpo se nos pilla sen o gore tex dalgún bocado sólido.

No padal ensinase cun corpo sedoso sustentado nunha firme acidez, facendo que a boca se impregne de saliva cargada de froita.

Outra vez aquel bico fresco e goloso que nos fai chegar ás estrelas nunha noite que precisa do abrigo dunha aperta cálida.

Aglianico del Vulture

Posted in viños on maio 10th, 2009

vulture1

Aglianico e Vulture. Unha caste e un Monte (Volcán). Unha unión para iren máis alá, come altro della vitadella mia e della tua

Basilicata é unha terra inserida no corazón do triángulo que forman o Tirreno, o Adriático e o golfo de Tarento, seguramente das zonas menos visitadas de Italia. Alí o vello volcán do Monte Vulture (1326 m.) deixou as suas pegadas nos solos e na bioloxia do seu contorno antes de morrer. Asi definiu o selo dos viños que no futuro se elaborarian nas suas terriñas. O froito desta impronta volcánica e a do seu clima, caracterizado pola gran diferenza térmica entre o dia e a noite, xunguidos ao Aglianico, para o común ellenico que refire á sua antiga orixen grega (hellenicus), son xugos báquicos de forte, diferente, acusada personalidade.

O Aglianico del Vulture é o único viño con denominazione de origine controllata da Basilicata. Solo son admitidos nesta d.o. os viñedos ubicados sobre penedos de orixen volcánico, 1.437 hectáreas para 1192 viticoltores.

Da Cantina do Notario,  situada en Rionero in Vulture, que como os nomes dos seus viños fai referenza á profesión do seu propietario Gerardo Giuratraboccetti, degustamos o seu aglianico del Vulture “La Firma” 2005 , criado durante doce meses en barricas francesas novas e de varios usos en antigas grutas de tufo volcánico.

p1000807Aroma de peso, pesado, escuro, do que sae como da boca dun volcán a esencia mineral, pola sua negrura volcánica, deseguido, cando o tridente mariño Tirreno-Adriático-Tarento levanta estos aires nebulosos, aparece a fruita negra, para non desentonaren, e na mesma tonalidade as especiarias. No final fica o sándalo e o pao de aromas apagado pero ainda fumeante.

A granatosa e apicotada cor brillante entra na boca cálida e corpulenta, deixando antes do seu apos gusto mineralizado a rusticidade do seu tanino rugoso rodeado dunha clara acidez.

Fiano de Avellino

Posted in viñodinámica, viños on maio 4th, 2009

Un viño francés, na sua máxima expresion, evoca un terroir e un vigneron nun contorno especial para os bagos. O viño italiano en idéntica expresión o que transmite é cultura, coma se as cores reflectir foran un mosaico con mil historias, de aromas perfumados coas vivencias de familias, vilas e culturas e o gusto que deixa o pouso da vida que as pedras sentiron pasar.

Juancho Asenjo fala dos viños de esa península coma se falara das flores do seu xardín, asi sucedense nomes de indicacions, de castes, das máis de 1.500 que por ali vexetan, de vilas, paraxes, penedos, vales, sistemas de elaboración, cunha naturalidade pasmosa. As tebras que nos rodeaban cando falabamos dalgun viño daquelas terriñas deixan paso a un chisco da luz do Mediterráneo, do Tirreno ó Adriático, e da nitida luz alpina que baixa dos Dolomitas e dos Alpes varios surcando Apeninos e volcans. A disculpa ideal para traer a este caderno dos bagos unha miniserie a eles adicada.

Esta pequena travesia itálica comeza por un branco da Campania, que para os gregos era Enotria ou terra do viño. Con centro en Nápoles a Campania extende ás suas beiras ó carón do Tirreno, con puntos xeográficos recoñecibeis como as illas de Ischia e de Capri, a península de Sorrento ou o mítico Vesubio que sepultou Pompeia e con ela a Plinio o Vello, o gran relator da vitivinicultura do primeiro século da nosa historia. Campania é unha terra de penedos e montañas que se caracterizaba por unha elevada producción vinícola, da que so unha pequena parte estaba amparada por algunha D.O., pero coma  moitas outras zonas sufriu unha evolución desde o dominio das cooperativas ate os productores que buscan  a calidade preocupandose polo terruño, pola viña e polas variedades locais. Campania é a terra do aglianico (nome que remite ó helénico), co que se elabora o mítico Taurasi que é o viño máis importante do sur de Italia. Da Campania tamén é o Falermo do Massico. Os brancos máis senlleiros son o Greco di Tufo e o Fiano de Avellino. Algunhas das variedades tintas son a guarnaccia, o piedirosso ou o primitivo (o famoso zinfandel californiano) e as brancas biancolella, coda di volpe, fiano, greco ou verdeca.

campania

Tomamos o Fiano de  Avellino DOCG da anada do 2007 dei  Feudi de San Gregorio, elaborado en Sorbo Serpico na provincia de Avellino. Este Fiano presenta a sua orixen volcánica cunha apariencia dominada polos aires minerais, entre os que aprecimos con máis claridade o silex. Deseguido, unha vez disipados os primeiros efluvios, aparecen por debaixo os herbáceos frescos e os máis aromáticos, como o hinojo, tamén as fruitas, pero estas reservandose para aparecer con máis nitidez no paso de boca, que asi resulta fresco e saboroso marcado polo caracter cítrico do pomelo.

fiano