Fiano de Avellino

Un viño francés, na sua máxima expresion, evoca un terroir e un vigneron nun contorno especial para os bagos. O viño italiano en idéntica expresión o que transmite é cultura, coma se as cores reflectir foran un mosaico con mil historias, de aromas perfumados coas vivencias de familias, vilas e culturas e o gusto que deixa o pouso da vida que as pedras sentiron pasar.

Juancho Asenjo fala dos viños de esa península coma se falara das flores do seu xardín, asi sucedense nomes de indicacions, de castes, das máis de 1.500 que por ali vexetan, de vilas, paraxes, penedos, vales, sistemas de elaboración, cunha naturalidade pasmosa. As tebras que nos rodeaban cando falabamos dalgun viño daquelas terriñas deixan paso a un chisco da luz do Mediterráneo, do Tirreno ó Adriático, e da nitida luz alpina que baixa dos Dolomitas e dos Alpes varios surcando Apeninos e volcans. A disculpa ideal para traer a este caderno dos bagos unha miniserie a eles adicada.

Esta pequena travesia itálica comeza por un branco da Campania, que para os gregos era Enotria ou terra do viño. Con centro en Nápoles a Campania extende ás suas beiras ó carón do Tirreno, con puntos xeográficos recoñecibeis como as illas de Ischia e de Capri, a península de Sorrento ou o mítico Vesubio que sepultou Pompeia e con ela a Plinio o Vello, o gran relator da vitivinicultura do primeiro século da nosa historia. Campania é unha terra de penedos e montañas que se caracterizaba por unha elevada producción vinícola, da que so unha pequena parte estaba amparada por algunha D.O., pero coma  moitas outras zonas sufriu unha evolución desde o dominio das cooperativas ate os productores que buscan  a calidade preocupandose polo terruño, pola viña e polas variedades locais. Campania é a terra do aglianico (nome que remite ó helénico), co que se elabora o mítico Taurasi que é o viño máis importante do sur de Italia. Da Campania tamén é o Falermo do Massico. Os brancos máis senlleiros son o Greco di Tufo e o Fiano de Avellino. Algunhas das variedades tintas son a guarnaccia, o piedirosso ou o primitivo (o famoso zinfandel californiano) e as brancas biancolella, coda di volpe, fiano, greco ou verdeca.

campania

Tomamos o Fiano de  Avellino DOCG da anada do 2007 dei  Feudi de San Gregorio, elaborado en Sorbo Serpico na provincia de Avellino. Este Fiano presenta a sua orixen volcánica cunha apariencia dominada polos aires minerais, entre os que aprecimos con máis claridade o silex. Deseguido, unha vez disipados os primeiros efluvios, aparecen por debaixo os herbáceos frescos e os máis aromáticos, como o hinojo, tamén as fruitas, pero estas reservandose para aparecer con máis nitidez no paso de boca, que asi resulta fresco e saboroso marcado polo caracter cítrico do pomelo.

fiano

Os comentarios están pechados.