Quinta do Ramo

Atopar viños tintos en O Rosal non é unha tarefa doada. O representante máis famoso desta zona, o da etiqueta coa flor vermella, parece que pasou a mellor vida, pior para os seguidores de Baco. Polo menos na apariencia antes descrita.

Nesta pobre historia que xungue O Rosal cos viños tintados hai ben pouco que descubrín outra personaxe. Tratase do Quinta do Ramo, viño tinto elaborado cos bagos das castes tintas tradicionais nestas terriñas da d.o. Rias Baixas que miran cara ó sul no tramo final do Miño, ás portas do Atlántico (sur-Miño-Atlántico) e que non son outras que o caiño, o sousón, a recuperada castañal e a engadida mencia. Bagos do pequeno viñedo rodeado de arboredas centenarias que posue a casa de turismo rural, do mesmo nome co viño, na parroquia de Forcadela do concello de Tomiño. Elaborado para esta casa rural nunha adega próxima.

Seguramente a sua distribución non alcance máis alá das bisbarras do sur da provincia de Pontevedra. Foi descuberto no restaurante Don Pelayo de Tui, un dos muitos locais desta histórica vila nos que se pode combiñar bo xantar e bo viño.

p1000793O Quinta do Ramo do 2007 (non sei cantas anadas levan) ensinounos a finais do inverno a primavera que xa está.

Primeiro coa fruita vermella e a negra máis radiante, seguidas dunhas pingas florais sobresaindo do seu atractivo trasfondo especiado, mestura dos recordos do azafrán cos do pao de regaliz.

Máis adiante o floral apoderase da primavera.

Aquela prácida, agarimosa e envolvente face aromática transformase na boca nun vento fresco, do que penetra no corpo se nos pilla sen o gore tex dalgún bocado sólido.

No padal ensinase cun corpo sedoso sustentado nunha firme acidez, facendo que a boca se impregne de saliva cargada de froita.

Outra vez aquel bico fresco e goloso que nos fai chegar ás estrelas nunha noite que precisa do abrigo dunha aperta cálida.

Os comentarios están pechados.