Península de Setúbal

Entre o Atlántico e os rios Tejo e Sado está o itsmo de Setubal, coa Serra da Arrábida inserida no seu sudoeste. Entre Lisboa e o Alentejo esta península posue as indicacions DOC de Setúbal para os Moscateis de seu, viños xenerosos elaborados con Moscatel de bago gordo o branco e con Moscatel roxo o tintado, e de Palmela e a indicación de Vinhos regionais Terras do Sado.

cvrps_mapa-doc

Atopei en Valença o Quinta do Camarate 1993 da adega Jose Maria da Fonseca, na actualidade propiedade da familia Soares Franco, que ademais elabora tamén no Douro, no Alentejo e no Dao. A  JMF é o máis antigo productor de viño de mesa e de Moscatel de Setúbal, desde o ano 1834. 

A quinta do camarate está situada en Azeitao, nas ladeiras da Serra da Arrábida, con 40 hectáreas de viña das 110 que a compoñen, parte importante do resto é para o pasto das ovellas que dan orixen ó Queixo de Azeitao DOP. Destaca a sua colección ampelográfica composta por máis de 500 castes.

Daquela, cando foi elaborado este Quinta do Camarate a finais do século pasado, o 95% do encepamento tinto nesta península era castelao ou periquita, o resto era espadeiro (trincadeira preta no Alentejo e tinta amarela no Douro) mesturado nas viñas de periquita. Asi na anada do 93 este viño fora elaborado maioritariamente con castelao acompañado de espadeiro e cabernet sauvignon, plantado a finais dos 70 nas zonas de máis relevo próximas á Arrabida. Nas últimas anadas o quinta do Camarate está elaborado con touriga nacional, aragonez e castelao.

serra-da-arrabida

A JMF trouxera o castelao desde a Estremadura a unha propiedade de seu en Azeitao denominada Cova da Periquita. A fama do viño alí elaborado acabou por suplantar o nome da caste polo de periquita.

Entre as castes tradicionais de Setúbal, entre elas as brancas galego e galego de natura, tiña muita difusión o bastardo, incluso era o culpabel dun, outrora famoso, viño licoroso: o “Bastardinho de Azeitao” que pasaba trinta anos de envellecemento. A JMF debe ser o posuidor das últimas reservas deste tipo de viño gardadas en barril, a espera das novas plantacions de bastardo, e de trinta anos a maiores.

serrarrabid

Salón acastañado dun Pazo antigo na aldea envolto en madeiras nobles, embalsamado con trufa (tartufo bianco?), decorado cun xarrón de flores murchas. Na grande mesa uns copos de licor especiado macerado con fruitas. A trufa vaise estimulando o padal, asi a estancia tornase máis seca aromatizada polo pao de regaliz e a canela en rama, coas follas de tabaco esquecidas enriba dun pano de seda.

p1000984

A nobreza dun Portu-Gal paciente, alonxado de problemas de identidade, de marulos acomplexados, mirando o futuro coa inercia pesada do inamovibel, co eco dun fado resoando desde o Atlántico Arrábida abaixo. Saudade de todo e de nada… cun queixo tetilla e outro do Azeitao.

historia-3

2 ResponsesPenínsula de Setúbal to “”

  1. Teño para min que a Península da Arrábida é un dos secretos ben gardados de Portugal: paisaxes incribles, algúns dos mellores queixos do país, excelentes queixos e mariscos, monumentos como o castelo de Palmela ou o convento da Arrábida, unha das baías máis bonitas de Europa, o moscatel roxo e Setubal e unha certa tranquilidade, cando menos fora dos centros turísticos, sorprendente por estar apenas a 40 Km. de Lisboa.

    Un dos meus lugares preferidos de Portugal, sen dúbida.

  2. Concordo contigo, so podo engadir ás tuas impresions algunhas paredes para trepar a beira do mar e das praias.