Arquivo para novembro, 2009

Val do Frade

Posted in viños on novembro 30th, 2009

ribeira do sil I

Segundo contan algúns autores os monxes cistercienses do mosteiro de Montederramo en Ourense almacenaban en Vilachá o viño que conseguían dos viñedos da zona coñecida coma Val do Frade. Esta aldea do concello de Pobra do Brollón en Lugo conta cun singular grupo de construccións realizadas en pedra granítica e lasas adicadas á producción e almacenamento de viño que son das máis antigas da península. Alí no mes de maio celebrase unha animada, coma se pode apreciar no video, feira do viño de Vilacha. Para non faltar o ano que ven.

AS ADEGAS

bodegasdevilacha_21

A SAT Os Emitaños elabora en Vilachá de Salvadur, na ribeira do Sil, alonxada de Quiroga e do Bibei pero pertencente a subzona de Quiroga – Bibei da Ribeira Sacra, o Val do Frade, este 2008 ten conseguido a medalla de ouro na última edición da Cata dos viños da Ribeira Sacra.

val do fradeO seu gusto… ou cando nin un grolo nin dous son suficientes porque o suave frescor que acariña o padal deixa en nos o pracer e as ganas de repetilos sen acumular o cansazo doutros viños, do mesmo xeito que a súa imaxe abrillantada polo atlántico é tan diferente á concentración apagada deses mesmos viños. Atrae a nosa vista e nos perde a claridade que ulimos: a limpa luz das fruitas vermellas e negras, a flor que se resiste a ser tapada por este fino manancial, polo xardín sobrecollido de fruita, pola andaina entre os pequenos matos, pola breve sensación das especias… O seu paso é un paseo dos que non cansan, adornado cos recordos que algún dia vivimos nas tardes luminosas do estío.

Para non esquecer foi a súa conversa coa paella mariña de calamares, ameixas e gambas que dona Laura nos preparou.

Branco da Ribeira

Posted in viños on novembro 26th, 2009

A impresionante progresión que desde hai uns anos levan experimentando os viños tintados da Ribeira Sacra non debería significar deixar atrás aos seús brancos porque, deseguro, poderían convertirse no futuro noutro potencial destas ribeiras sacras como xa anuncian a maioria dos poucos que se elaboran.

Lapola, o 2006 tomado supera en todos os aspectos ao 05, é un dos viños brancos que elabora a adega Dominio do Bibei no concello de Manzaneda das Terras de Trives. Nesta bisbarra da subzona de Quiroga – Bibei hai pouquiñas adegas e que eu saiba ningunha, agás este dominio, elabora viños brancos. O Dominio do Bibei elabora este seu branco con cepas de godello, nun 60%, e de treixadura, torrontés e dona branca, no 40% restante, de viñas entre 15 e 50 años sobre solos de esquistos e de xisto situadas a unha altura entre os 400 e os 700 metros. O mosto destas castes fermentou en barricas de 600 litros de carballo francés de primeiro, segundo e terceiro uso. Rematada a fermentación o viño criou coas suas lías en barricas de carballo francés de 600 litros e un 15% en depósitos de cemento en forma de ovo de 750 litros durante 15 meses. Antes de ser comercializado permaneceu en botella outros 15 meses.

dominio do bibei

Collidos da man, xuntiños, van os aromas durante todo o seu percorrido polas sucesivas incursiones olfactivas que, deste xeito, semellan un cadro no que os tonos cremosos e especiados da madeira enmarcan, envolvendo sen ocultalos, o pálido amarelo das froitas e o branco fondo floral da sua paisaxe aromática. No gusto o cuadro deixa a sensación dun paso saboroso de tacto graxo infiltrado por unha fina capa ácida. Foi acompañado na mesa, como nos gusta que un prato o faga, por un Bacallao á Gómez de Sá.

Terra Minei

Posted in viños on novembro 23rd, 2009

Castrelo de Miño non é a zona do Ribeiro que acumule máis piropos adicados aos seus viños e ao seu viñedo, xa que entre outros motivos alí fora onde máis se estendera nesta denominación o Jerez ou palomino, e xa sabemos todos que viños brancos orixina esta variedade nestas terriñas, así a todo, coma en todas as cousas da vida, esta tamén ten as suas excepcións e unha delas é este viño branco de treixadura elaborado por Adegas Francisco Fernández, viño que nestes últimos anos foi acumulando diferentes galardóns coma algún acio na Cata Oficial dos viños de Galicia, distincións da asociación de sumilleres Gallaecia e premios na Feira do Viño do Ribeiro.

As veces, so as veces, un monovarietal de treixadura resulta máis complexo e agradecido que os tradicionais, e que así sigan sendo, plurivarietais do Ribeiro, como aconteceu con este Terra do Minei do 2008 probado na mesa que a denominación de orixe tiña cunha ducia de mostras de diferentas adegas nunhas xornadas de sumilleria en Valladolid. Máis logo degustado en casa.

terraminei1

Semella unha leira branca, luminosa, relucente polo sol, na que as flores e as froitas brancas reflicten, coma nunha procesión aromática inmaculada, a pura expresión da treixadura.

Suave, sedoso pero fresco e con carácter, equilibrado polo final lixeiramente amargoso que lle aporta a longura necesaria para que o seu gusto resulte en pracer de nos.

Saes

Posted in viños on novembro 20th, 2009

Frescura, suavidade, elegancia, son as características asociadas aos vinhos do Dao que neste Saes, expresión da fruita vermella, das especiarias finas e das herbas atlánticas, me fan recordar a certos ribeiros, ou as mesmas sensacions que sinto cando os bebo, o que me leva a pensar, e desexar, o camiño que puderan tomar ou o que seguirán os seus tintos no futuro. Claro que este Saes ven sendo o vinho máis novo de Alvaro Castro, sen a lonxevidade e a profunda intensidade aveludada dos Pape, Carrusel ou Quinta da Pellada.

P1010284

Alvaro Castro é un viticologo que vai máis alá, non hai dúbida, da igual con que vinho, algo tocache na pel para erizala, algunha imaxen ou un pensamento, un aroma ou a luz da sua cor, e sobre todos eles o recordo que deixa en nos. Os aburridos sentidos son despertados tras dias de letargo, adormilados pola sucesión de xornadas outonais entre viños que non son que de arrancar do lapiceiro catro verbas seguidas cun mínimo de emoción, por non caer nos manidos adxectivos, na sucesión soponífera de descriptores que me levan a encher os copos deambulando entre pintas, rones e demais augas de vida.

Hoxe non ven a conto ou simplesmente non me apetece falar do seu vinhedo, de non sei que idade e non ma acorda que solos, a orientación deseguro que é a ideal e a vendima manual… o bosque atlántico que alí deixa espazos para as cepas co fondo aserrado da Estrela supoño que algo terá que dicir ao respecto.

Alvaro Castro é o instinto, a simbiose ou a metamorfose home -vinha e despois o artesán que da forma a uns bagos que piden ser transformados assim. Obrigado por este e polos outros seus vinhos.

Alma de branco

Posted in viños on novembro 13th, 2009

Impedir que as nosas castes máis nobres estendan a súa presenza a outras zonas que buscan suplementar con elas as carencias das súas variedades, sen os atributos das nosas, ou a súa ausencia, ou simplesmente aproveitarse da sua sona, non significa nin implica a excelencia dos viños con elas elaborados eiqui, como é natural, así podemos atopar moitos viños que expresan con máis ou menos acertos as características destas castes pero que as veces sérvennos para imaxinar eses posíbeis viños de alén das nosas denominacións.

O godello é a variedade considerada como principal para unha maioría das adegas de Monterrei que deste xeito elaboran viños monovarietais con ela, outras adegas prefiren buscar máis complexidade e seguir a tradición mesturándoa co resto das castes da zona: dona branca, verdello louro (treixadura), incluso coa monstruosa.

Este godello elaborado pola adega Pazo das Tapias en Pazos (Verín) representa fielmente todo o dito, por 5€

 pazo das tapiasalma de branco

Limpo e brillante, por suposto, con aromas frutais e florais amarelos, piña e mimosa, co tempo atenuase este primeiro impacto máis entusiasta para deixar paso a algo menos brioso como a froita branca acompañada do fiuncho e das herbas secas. Acercase guloso, pasa redondo e despídese co amargor característico desta variedade.

As nosas?

Posted in viñodinámica on novembro 6th, 2009

Agora que o Mundoviño anda con salacoff na testa, calza panama jacks e viste de explorador rastrexando por denominacións esquecidas, tamén as máis famosas e recoñecidas sofren esta febre de paleoenólogos, por bisbarras escondidas, por vales perdidos no tempo, por viñas ailladas… buscando castes autóctonas que so coñecían, ate o momento de seren descubertas, eses espazos ou territorios limítrofes semellantes.

Agora que a vangarda do Mundoviño: periodistas, críticos, sommeliers, internautas varios, pescudan nos andeis das viñotecas o máis descoñecido do vello mundo vitivinícola: denominacións portuguesas de toda a vida, zonas españolas rexurdidas, apelacións francesas de acusada personalidade pero ensombrecidas polas grandes catedrais dos seus viños, a inmensidade da vitis e do vini da Italia toda, a Galiza das castes e dos microclimas inimitábeis, e nas adegas, cando antes so se interesaban polo seu viño estandarte, agora preguntan polo viño desa caste que nunca elaboraron en solitario porque ou non había a cantidade suficiente ou porque representaba un papel secundario so reservado para formar parte dun minoritario tanto por cento na ensamblaxe do seu viño principal, ese tanto por cento que lle aportaba o selo persoal á adega e a diferenciaba das veciñas, ou simplemente porque non era comercial sacar unha marca dunha variedade que non se coñecía e na maioría das ocasións tiña mala fama.

acios

Agora en calquera das nosas denominacións de orixe que renden preitesia ao néctar de Baco e Dionisio podemos atopar cando menos unha adega que nos permitirá disfrutar dun viño dalgunha destas castes, que sempre tivemos, que foron a menos, que xa nos gustaría non ter arrincado de moitos dos nosos lares porque nestes momentos son un valor, castes coas que practicamente nunca se elaboraba un viño monovarietal. Así, agora é posíbel cheirar, paladear e admirar as cores brillantes de caíños, mouratóns, merenzaos – bastardos, loureiras brancas e tintas, donas brancas, brancellaos ou da foránea garnacha tintureira.

Houbo un tempo no que se dispuxeramos dunha variña máxica capaz de facer desaparecer algunhas das nosas castes tradicionais, tan nosas, tan acaídas a estas terriñas, ós seus climas, á brisa mariña, ás ladeiras e costeiras dos seus vales dos mil rios, ben viticolamente falando algún menos, tan acaídas a nos mesmos, non dubidariamos, agás os irreductíbeis de sempre, en tela empregado no nome da sacrosanta razón comercial. Razón que ó final sairíanos do revés. E pasado mañá que faremos cando as modas den outro caneo, seguiremos fielmente esas novas tendencias.

Os grandes viños do mundo, as zonas seguras de si mesmo, do viño de seu, froito dunhas castes si, pero en igual rango froito dun sitio concreto cun microclima xunguido a uns solos cunhas determinadas condicións e unha tradición, no noso caso perdida, que os fan especiais. As variedades por si mesmo non definen o resultado da ecuación dun viño auténtico, irreproducibel.

Os que abriron o camiño, frotaron a lámpada máxica, destaparon o xerro das esencias das nosas castes, foron viticultores solitarios, monxes de viñas, pastores de cepas, a miúdo coa incomprensión dos veciños e as pedras no camiño, cando non a intolerancia dos organismos reguladores, sen recibir ningún tipo de axuda nin sequera apoio ou alento por parte del aparatage público ou semipúblico. 

É agora cando o senador galego, Xosé Manuel Perez Bouza, ven de propoñer regular a exclusión das variedades de uva máis emblemáticas das nosas d.o. coa finalidade de evitar a súa utilización para contraetiquetar viños doutras zonas do estado e da Unión Europea. Desde algúns consellos reguladores aplauden a iniciativa afirmando que do contrario rematarían por aproveitarse do traballo desenvolvido de recuperación e de estudio das nosas castes. Por suposto, pero quen senón nos mesmos debemos facer este labor de investigación, e ademais que unha variedade sexa asociada cunha d.o., coa seguinte confusión para os consumidores, de quen é culpa?. Muitas dúbidas orixina esta proposta.

A Nosa Terra nº 1380