As nosas?

Agora que o Mundoviño anda con salacoff na testa, calza panama jacks e viste de explorador rastrexando por denominacións esquecidas, tamén as máis famosas e recoñecidas sofren esta febre de paleoenólogos, por bisbarras escondidas, por vales perdidos no tempo, por viñas ailladas… buscando castes autóctonas que so coñecían, ate o momento de seren descubertas, eses espazos ou territorios limítrofes semellantes.

Agora que a vangarda do Mundoviño: periodistas, críticos, sommeliers, internautas varios, pescudan nos andeis das viñotecas o máis descoñecido do vello mundo vitivinícola: denominacións portuguesas de toda a vida, zonas españolas rexurdidas, apelacións francesas de acusada personalidade pero ensombrecidas polas grandes catedrais dos seus viños, a inmensidade da vitis e do vini da Italia toda, a Galiza das castes e dos microclimas inimitábeis, e nas adegas, cando antes so se interesaban polo seu viño estandarte, agora preguntan polo viño desa caste que nunca elaboraron en solitario porque ou non había a cantidade suficiente ou porque representaba un papel secundario so reservado para formar parte dun minoritario tanto por cento na ensamblaxe do seu viño principal, ese tanto por cento que lle aportaba o selo persoal á adega e a diferenciaba das veciñas, ou simplemente porque non era comercial sacar unha marca dunha variedade que non se coñecía e na maioría das ocasións tiña mala fama.

acios

Agora en calquera das nosas denominacións de orixe que renden preitesia ao néctar de Baco e Dionisio podemos atopar cando menos unha adega que nos permitirá disfrutar dun viño dalgunha destas castes, que sempre tivemos, que foron a menos, que xa nos gustaría non ter arrincado de moitos dos nosos lares porque nestes momentos son un valor, castes coas que practicamente nunca se elaboraba un viño monovarietal. Así, agora é posíbel cheirar, paladear e admirar as cores brillantes de caíños, mouratóns, merenzaos – bastardos, loureiras brancas e tintas, donas brancas, brancellaos ou da foránea garnacha tintureira.

Houbo un tempo no que se dispuxeramos dunha variña máxica capaz de facer desaparecer algunhas das nosas castes tradicionais, tan nosas, tan acaídas a estas terriñas, ós seus climas, á brisa mariña, ás ladeiras e costeiras dos seus vales dos mil rios, ben viticolamente falando algún menos, tan acaídas a nos mesmos, non dubidariamos, agás os irreductíbeis de sempre, en tela empregado no nome da sacrosanta razón comercial. Razón que ó final sairíanos do revés. E pasado mañá que faremos cando as modas den outro caneo, seguiremos fielmente esas novas tendencias.

Os grandes viños do mundo, as zonas seguras de si mesmo, do viño de seu, froito dunhas castes si, pero en igual rango froito dun sitio concreto cun microclima xunguido a uns solos cunhas determinadas condicións e unha tradición, no noso caso perdida, que os fan especiais. As variedades por si mesmo non definen o resultado da ecuación dun viño auténtico, irreproducibel.

Os que abriron o camiño, frotaron a lámpada máxica, destaparon o xerro das esencias das nosas castes, foron viticultores solitarios, monxes de viñas, pastores de cepas, a miúdo coa incomprensión dos veciños e as pedras no camiño, cando non a intolerancia dos organismos reguladores, sen recibir ningún tipo de axuda nin sequera apoio ou alento por parte del aparatage público ou semipúblico. 

É agora cando o senador galego, Xosé Manuel Perez Bouza, ven de propoñer regular a exclusión das variedades de uva máis emblemáticas das nosas d.o. coa finalidade de evitar a súa utilización para contraetiquetar viños doutras zonas do estado e da Unión Europea. Desde algúns consellos reguladores aplauden a iniciativa afirmando que do contrario rematarían por aproveitarse do traballo desenvolvido de recuperación e de estudio das nosas castes. Por suposto, pero quen senón nos mesmos debemos facer este labor de investigación, e ademais que unha variedade sexa asociada cunha d.o., coa seguinte confusión para os consumidores, de quen é culpa?. Muitas dúbidas orixina esta proposta.

A Nosa Terra nº 1380

2 ResponsesAs nosas? to “”

  1. Interesante reflexión. Aínda me lembro da que se montou cando comezaron sacar monovarietales con uva albariña na D.O. Ribeiro… como se as castes foran unha patente…

  2. imos dando tombos…