Conceito Bastardo

Sergio Pereira. Sumiller. Escançao. Coñecín a Sergio na Cata de Vinhos Transfronteirizos celebrada a principios de ano no restaurante do Chef Rivera, daquela traballaba no restaurante Degusto da Vinhoteca Viños & Coisas de Matosinhos, eiqui referido por Manuel Gago, agora que volvemos a coincidir este restaurante e a viñoteca teñen pechado, mágoa porque eran unha referencia na zona do Porto. Hai uns meses que ten emprendido unha nova andaina no restaurante Bulhe situado privilexiadamente na Foz do Douro, cun deseño arquitectónico que lle valeu un premio internacional, ademais no pouco tempo que Sergio oficia nel xa ten conseguido o premio á mellor carta de viños de Portugal que se concede bianualmente. Tamén dirixe aos sumilleres das impresionantes catas que Dirk Van Niepoort celebra na súa Quinta de Nápoles.

Desta vez compartimos mesa no Pepe Vieira Camiño da Serpe o domingo da pasada ponte. Grandes pratos e excelentes viños para acompañalos: Leirana a Esclusa 08, albariño que a cegas situaba nalgunha das ribeiras vitícolas dos ríos xermanos, o Lusco 08 coma sempre mantendo alto o estandarte do Condado tantas veces arrastrado por outros e o Pedralonga, tamén do cero oito, que foi motivo de controversia nunha mesa dividida en dous bandos, dunha banda, non direi os seus nomes, os que non deixaban de reafirmarse no convencemento da imposibilidade de que fora certamente un albariño do cero oito ademais dalgúns outros engadidos sobre a súa falta de tipicidade, e da outra banda o Sergio e máis eu a quen nos pareceu un viño que entre unha certa evolución, cecais prematura, e as súas características diferenciadas, que non vou citar porque non tomei notas nin tirei fotos, convérteno nun becho raro para os acostumados á uniformidade varietal.

Coñecedor da devoción que proceso polos viños do noso sur Sergio trouxo algún máis: o Dáo Quinta do Penedo 07, o vinho regional duriense Conceito bastardo 07 e o vintage do 2007 da Kopke. Ficou sen descortizar o Po de Poeira Douro branco de alvarinho.

CountrSymbolNET

Conceito Bastardo 07. Conceito Vinhos elabora das viñas que moran espazos nomeados Quinta da Veiga, Quinta do Cabido e Chao – do – Pereiro no Vale da Teja, zona “fresca” do quente Douro Superior, os viños que teñen detrás á enóloga Rita Marqués e o deseño nas etiquetas do artista Joao Noutel

Denantes das tourigas o Douro vinhateiro era maioritariamente do Brancellao-Alvarelhao e do Bastardo–Merenzao e iso ate mediados do século pasado. Imaxinemos como puideron ter chegado alí estas castes da Gallaecia vitícola, serían aqueles viticultores galegos que coma canteiros moldearon as pendentes dese val?, pero todavia denantes de que chegaran as tourigas, buscando máis concentración e cor, xa coñecemos que cores pintan o brancellao ou o bastardo, levaron a intensidade cromática do Sousao – Sousón desde a regiao dos vinhos verdes.

Conceito recupera esta caste tradicional duriense e elabora o 2007 a primeira anada do Bastardo que foi vendimado prematuramente a finais de xullo principios de agosto, vinificado con raspón e pisado a pé en lagar, máis logo permaneceu dez meses en barricas de acacia e de carballo francés de segundo uso.

O resultado rosa escura, exultante de baias silvestres, especiarias, líquido de gelaia e do  fresco verdor da herba. Na boca a mesma historia, entre o frescor e o corpo afiado, resaltada por un final amargoso.

Sushi, comida exótica … cos que Sergio nos aconsellaria este conceito, ou viceversa.

P1010289

Deixa unha resposta