O néctar do Ribeiro

Se me poño eiqui a falar do Ribeiro todos imaxinan deseguido unha copa relucente de pálidos reflexos, esquecidos outros tempos máis escuros, cecais algún avanzado terá na recámara a posíbel opción da dourada tonalidade dun tostado, xa en boca de todos, ou máis ben na imaxinación polo seu escaso número, como alternativa aos brancos nas elucubracións que faga polas seguintes liñas. Mais non acertarían en ningún dos casos, porque o que de verdade me namora do Ribeiro é cando pousa na copa o seu mirar tintado intenso e brillante, cando envolve o padal deixando a cálida sedosidade das súas caricias e a sutil sensación dunha eira fresca pintada coas fragancias dos seus froitos, flores e especias.

Certo é que cos brancos do Ribeiro somos quen de chegaren máis alá en numerosas ocasións, no meu caso soe acontecer cando comezo a viaxe cun “Encostas de Xisto” de Gomariz ou cos arnoianos “Viña de Martín” e “Lagar do Merens”, cos que me asolaría unha dúbida sen solución se tivera que elixir entre eles e os seus parentes tintos. No resto das adegas nas que esa elección houbera lugar optaría polos vermellos.

Os tintos do Ribeiro están chamados a recuperar o seu antigo esplendor, aquel que os colocaba nas mellores mesas de Europa. Pero xa o 7 de setembro de 1887, antes das sucesivas pragas que unha tras outra foran asolando as súas viñas (filoxera, oidiun e mildiu) e moito antes de comezar a época das variedades “desmellorantes” e aínda antes da intensa sangría da emigración o semanario “El Avia” de Ribadavía preguntábase porque “prevalecían os viños franceses nos mellores paladares do continente e os ribeiros so se consumían nas catro provincias galegas, cando nos séculos XVI e XVII o néctar do Ribeiro figuraba en todos os banquetes” que nese momento xa ocupaban outros. A contestación que se daba era que os viticultores franceses se aplicaran nos modernos procesos de elaboración empregando so as súas castes finas.

¿E cales eran estas finas castes no Ribeiro?, pois se nos fiamos das crónicas as tintas das que se obtiñan os mellores viños, ordenadas según calidade destos, eran o caíño sousón, o caíño, a tinta femia, o ferrol e o brancellao. Esas mesmas que hoxe en día falan nos mellores viños da zona, viños que seguindo esa tradición non escoitan no seu interior á mencia.

Os tintos do Ribeiro teñen a posibilidade de converterse na próxima revelación do mundoviño, este que anda agora coa lupa pola Ribeira Sacra pero que deseguro terá a súa seguinte parada nas terriñas do Avia, do Miño e do Arnoia.

v2

Largado o lastre do verdor coas súas punzantes acideces e os perfumes menos limpos renovarán os ecos de outrora, xa posúen a elegancia dos Dao e a sutilidade borgoñona, algún deambula polo Douro máis atlántico, coa finura das castes tradicionais e aplicando o sentido común nas elaboracións alcanzarán o que esperamos dun viño: que refresque, que se beba con sede, que sexa acompañado nas comidas e sobre todo que nos satisfaga e, iso esperamos, emocione.

A Nosa Terra 1389

2 ResponsesO néctar do Ribeiro to “”

  1. Coincidimos nesa valoración do futuro, e nese anhelo… que o tinto do Ribeiro, das castes autóctonas desta terra volte o lugar que non debeu abandoar. De feito, aos nomes que adiantas no teu post eu engadería o de Manuel Formigo que ofrece un tinto básico a base de Caiño e Souson que senón é do nivel dos A Torna e compañía (que ainda falta un pouquiño) si vai en camiño…

    Novos horizontes para os tintos galegos…

  2. No caso dos viños de M. Formigo tamén elexiria o vermello