viticólogos

Debémoslle todo o mellor que temos no viño a uns cantos viticultores, fieis labradores de viñas, auténticos visionarios do potencial das súas cepas, iluminados pola esencia das súas terriñas, que guiados na adega por algúns enólogos, menos ca eles, con maneiras naturais e limpas, respectando os bagos que estes heroes viticólogos acunaron, e por suposto con creatividade, descobren a auténtica faciana de seu, lonxe dos acomplexados empregadores de formularios protocolarios, de guións precociñados que esconden as diferencias.

Eles son quen de nos regalar o que esqueceramos do viño, o que non dabamos atopado, de devolvernos a forza, o carácter, a personalidade perdida, a identidade que esperta os nosos sentidos para o pracer, a emoción, a cultura de nos, e, sobre todo, para o futuro.

Desafiando a inercia que nos convertía inexorabelmente en produtores de tintos rápidos, coma un burka que ocultaba a profunda beleza que atesouraban os nosos solos, as nosas castes e os nosos microclimas. Desde o frescor marítimo impregnado da brisa e do sol das rías á espectacular conxunción natural das ribeiras dos mil ríos vitícolas. A búsqueda dun viño mellor, coma dun mundo mellor, merece encher estas liñas, máis alá da publicidade fácil e da etiqueta edulcorada de adxectivos ocos.

Que fariamos sen estas lumeiras que co seu exemplo, os resultados convencen aos máis incrédulos, marcan o camiño dos seus veciños, eses que nunca lles deran unha palabra de apoio senón todo o contrario. Os políticos tampouco teñen aportado nada ao mundo do viño galego, nin o entramado técnico funcionarial. Moito antes a historia trouxera desastres varios (emigración e pragas) para que a cousa se estragara sen remedio.

Os hostaleiros e demais prescriptores que deciden nun elevadísimo tanto por cento o consumo do viño viven desde hai décadas co gusto tintado noutros lares, aceptando coma leis universais a maraña de prexuízos e ideas preconcibidas que alimentan a outros viños. Cos de rostro pálido téñeno moi doado, o esforzo é mínimo porque poucas alternativas hai. Así a todo os consumidores desbordan a estes supostos profesionais cunha cultura cada vez máis extensa e libre.

Cantas veces tivemos que escoitar que o albariño ou os brancos galegos non duran, que as castes tintas idem, que non podían pasar pola madeira, que non daban cor, que se oxidaban, que non tiñan máis posibilidades que a de seren fugaces substitutos doutros. Pero todas estas lasas van caendo unha tras outra gracias a estes sacrificados pola viña e aos seus enólogos máis comprometidos, aínda que algúns seguen sen darse conta.

Os mellores viños son os destes viticultores, eles foron destapando as esencias das castes esquecidas, así en pouco tempo gozar imos de máis brancellaos, caíños, sousóns, merenzaos – bastardos, espadeiros, de viñas únicas, de vilas diferentes, de vales especiais, de pendentes perfectas, que deseguro nos traerán os recordos máis limpos de outrora, dos nosos devanceiros, e as novas sensacións que neles so imanixabamos.

One Responseviticólogos to “”

  1. […] o futuro do viño neste Pais, baseada nun argumento xa tratado neste caderno en entradas coma viticólogos, voltar á orixe, terriña, identidade, arquitectura da viña, os mellores bagos, os que virán, […]