Ekam

Os monxes hospitalarios estiveron no Castell d´Encus desde o lonxano ano de 1151 ate o 1752. Nesta zona prepirenaica da veguería do Pallars Jussá plantaron o seu viñedo entre os 850 e os 1000 metros de altura e vinificaron os seus bagos en grandes lagares escarbados na rocha. O viñedo e o viño volveron a esas terras grazas a Raúl Bobet, ex-director técnico do grupo Torres e actualmente socio de Sergi Ferrer no proxecto Ferrer-Bobet (Priorat), que chegou alí buscando o frescor fronte á evolución do clima ou cambio climático que avanza por algunhas zonas. A búsqueda non estivo mal xa que ademais das condicións desexadas atopou este pouso histórico.

A recuperación dunha zona, a implantación dun viñedo e a construcción dunha adega de raiz é costosa e se a maiores falamos dun lugar con condicións extremas, o que supón que como mínimo tres de cada dez anadas non haxa colleita, fará que esta aventura de Raúl Bobet nunca sexa un modelo, un exemplo nen unha referencia nas escolas de enxeñeiria desde logo, pero tampouco nos lugares onde se estuda isto do viño: facultades, institutos, masteres, etc, onde o parámetro rendabilidade é unha constante que atravesa coma un coitelo xeado todas e cada unha das materias, cortando calquer impulso e latexo de emoción ou aventura, ignorandose, nen se menciona, a opción de arriscarse e embarcarse nun sono, é coma se nas facultades de filoloxía so ensinaran a versión literaria dos best-seller.

Entre os viños que Josep Roca levou ó Forum para acompañar o seu relato, titulado “Brillante Inmadurez”, había unha mostra de barrica do syrah máis inmaduro ou fresco ou verde desta adega prepeirenaica, que podia ter pasado por un viño da Ribeira Sacra pola sua agarimosa frutalidade vermella, limpa e nítida, de altura, acompañada por un suave especiado. Os outros foron un borgoña Givry primer cru do 2008 de Domaine Joblot, un Trentino do 2001 de teroldego rotaliano da adega Foradori e un Mosel riesling spatlese do 1996  de Reichsgraf Von Kesselstatt.

Castell d ´Encus conta con vintetantas hectáreas de viñedo orientado cara o SO con variadas cepas brancas e tintas cultivadas en agricultura orgánica, proximamente sacarán un negre elaborado nos antigos lagares de pedra.

Teño tomado recentemente os dous brancos da primeira anada que elaboran, o Ekam 08 de riesling e albariño e o Taleia 08 de semillon e sauvignon blanc. Quédome co primeiro deles, aínda que  J. Roca comentoume que na última anada o Taleia está cando menos ó mesmo nivel. 

Ekam 08

Comezamos a ascensión co sol aínda noutros lares, atravesando o frescor acumulado da noite, pisando as herbas apagadas e a madeira durmida, mesturados no aire frío que pecha o nariz. O sol chegou acentuándose coa altura e con el as herbas aromáticas de montaña, o verde cargado das altas pradeiras, a flor sobrecollida por este vértigo e as especias brancas, a froita carnosa e a sensación cremosa infiltradas polo aire das rochas. Entra suave, enchendo a boca con máis froita que no nariz, rematando nun longo final fresco e amargoso de regusto amoscatelado.

Os comentarios están pechados.