TiNtoS

O que é agora non é o que foi e tampouco o que será. Seguindo esta perogrullada os brancos galegos van queimando etapas, asentando piares, alicerces que garanten a súa estabilidade e permiten experimentar nos vieiros que fican por liberar das dúbidas que aínda provocan, coma por exemplo os preconceptos sobre a súa lonxevidade, ou o que é o mesmo pasar de o viño do ano á posibilidade de poder pedir en calquera tempo e lugar un branco entrado en anos, brancos que son grandes por iso mesmo, polo paso do tempo. Fica tamén o camiño de concretar nas distintas personalidades que a micro orixe dos viños deste Pais provoca.

No caso dos tintos galegos o percorrido é máis lento e non tan evidente, con moitas máis dificultades, co vento dalgunhas opinións teoricamente publicadas e da maioría dos consumidores propios durante demasiado tempo a favor dunha inercia que nos levaba por outros derroteiros, xa comentados por aquí, derivada tamén da falta de autoestima, do que outras zonas desexarían para nos polo seu ben, e do que a razón comercial impugnaba. Así seguiriamos cos viños sen identidade, aínda que algúns pensen que o que había era a súa identidade, viños sen alma, sen espírito, incapaces de emocionar, zume fermentado que cubría as necesidades fisiolóxicas de beber un tinto de aquí. A falta de comunicadores do viño, entre eles os sumilleres, fai que a inercia sexa máis longa, a cultura do viño menos extensa e a proliferación dos nosos tintos polos nosos sentidos, ou o que é o mesmo as súas vendas, menos habituais.

Temos tantas castes tintas como brancas, pero non todas coa benzón dos que deciden, dos que opinan, dos que elaboran ou dos que cultivan, ademais os seus espacios ou dominios non están tan definidos como si o estaban os das castes brancas, e a maiores existe a supremacía dunha delas (a mencía) sobre as outras, así a todo cubrirán as mesmas etapas que as brancas, de momento ten comezado para elas unha fase xa superada para as outras como é a recuperación das castes máis tradicionais en desuso, deste xeito empeza a estenderse por todas as nosas denominacións de orixe o cultivo de brancellaos, caíños, merenzaos, sousóns, etc, conténdose así a expansión da mencía. O mesmo tempo que se están recuperando váiselles buscando os lares máis acaídos a cada unha delas en función dos seus solos e dos microclimas dos diferentes vales e ribeiras. E nesas andamos, ou nesa están os nosos viticultores con máis cultura, apego á terriña e visión de futuro, metidos polo ben do noso viño vermello e das nosas gorxas, nun auténtico e custoso traballo de I+D+i sen estar a soldo de ningunha administración e sen axudas.

Recuperaremos as nosas castes tintas, beberemos con pracer os seus viños brillantes e máis adiante falaremos da súa lonxevidade e das súas terriñas.

Os comentarios están pechados.