o tinto de O Rosal

Baixo Minho

O único tinto de O Rosal era o Torroxal, estaba elaborado por Viñedos do Rosal coas castes tradicionais do Baixo Miño (caiño, brancellao, sousón, castañal) no seu caso dun viñedo dividido entre as parroquias de Figueiró e Estás en Tomiño. O proxecto desta adega significou unha aposta pola elaboración de tintos nesta subzona das Rías Baixas nun tempo menos doado para elo, ademais dunha recuperación das castes autóctonas coma o caiño, o brancellao, o sousón, o pedral e o castañal nesas parroquías.

Pero vai facer un ano que Adegas Valmiñor, tamén de O Rosal, comprou Torroxal facendo unha gran inversión e reestructuración do viñedo que levou a reducir en máis de quince as hectáreas que estaban adicadas ás castes tintas. O motivo foi que unha parte do terreo no que se atopaba, balcón aireado, orientado ao sur e de apreciabel mineralidade, é ideal para o albariño, supoño que as mesmas condicións polas que devecen as tintadas, é difícil de entender que as castes tintas sexan as que perdan extensión cando os tintos destas bisbarras atlánticas cóntanse cos dedos da man. Desde a pasada anada o froito do viñedo que fica con antocianos da orixe ao novo tinto denominado Valmiñor e a un rosado.

torroxal 2005

Envolve e penetra cos seus aires da terra, aroma de onde as súas raizames, dos matos verdes, das especias negras, da froita lonxana e da flor esquecida. Punzante mineral, cremoso café e cacao, fresco vexetal balsámico, ou mineral, ou ambos.

Que ben se bebe!, entra suave, como nos gusta, sinto o seu paso fresco e o cálido agarimo que me deixa, coma un bico na tua pel salina, desexei que nunca marchara do padal, por iso non me separei da copa… e logo do seu recordo.

fotos de Adegas Valmiñor, as duas primeiras, e de galiciaenfotos.com a última

Os comentarios están pechados.