do Val do Salnés un Martín Codax

Da un pouco de reparo falar neste caderno dunha adega que acumula o 45% da producción de viño da D.O. Rías Baixas, controlando a impresionante, para a nosa realidade, cifra de 440 hectáreas, e que ven sendo a maior empresa exportadora deste sector e unha marca dabondo coñecida para todos os consumidores en case que todos os mercados do mundo. Con estes precedentes resulta evidente que hai ducias de adegas máis necesitadas de facer escoitar a voz dos seus viños nestas humildes liñas, ademais con este tipo de adegas non nos imaxinamos as elaboracións máis naturais que defendemos, pero… non son quen de resistirme cando os sentidos recoñecen nun viño que pon Val do Salnés na súa etiqueta as sensacións que asocio a algunhas das terriñas dese Val coma son os recordos do mar da súa ría, das súas praias, peiraos e rompentes, asi un non pode máis que renderse e deixarse levar polo seu aire mariño e salgado, recoñecendo as súas calidades chámese a adega como se chame.

O Martín Codax Lías (07) está elaborado con bagos seleccionados da finca “ Pe Redondo”, durante dous meses após da fermentación pasou unha crianza en depósito de aceiro con remexido das súas lías finas e máis logo outros dez meses de repouso coas mesmas lías no mesmo depósito.

O lixeiro dourado da súa cor reflexase no salino mariño dos aromas, na beiramar das algas enriba da area, no solo do val cos recordos do talco, a froita escarchada, as especias brancas e a madreselva.

O corpo untuoso e a fresca acidez marchan equilibrados no seu paso coa sensación salina e frutal dos seus aromas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os comentarios están pechados.