castes e terriñas

Si, chegamos a esquecer as nosas castes tradicionais, aquelas que fluían polas gorxas inundando o noso espírito de recordos acariñados polos seus aromas, evocando ás vivencias da nosa infancia e a compaña e as ensinanzas dos nosos antepasados.

Esquecemos o valor das nosas terriñas, aquilo que aportaba a esencia dos seus froitos e os diferenciaba dos da outra viña, val ou parroquia.

Cos nosos microclimas, castes e terriñas tiñamos todo para avanzar no sendeiro dos grandes viños do mundo, os que nos levan máis alá, os que non dependen de modas fugaces, nin do capricho ou os prexuízos de distribuidores, hostaleiros ou consumidores alienados, sempre co gusto alén nos.

Pero foise polo vieiro da técnica que garante un gusto sen identidade, técnica enolóxica que non deixa rasquizo ao natural e viñedo martirizado con innumerábeis tratamentos, excesos que tarde ou cedo terminaremos pagando, na pobreza dos solos e do ecosistema que aportan a esencia e a defensa natural das cepas e por suposto do seu froito, os bagos.

Meaño

Fallou e segue a facer augas o factor humán e non valen as xustificacións, emigración e pragas non as houbo so en Galicia, evidentemente a nosa realidade colonial, ou como se lle queira chamar, determinou non sei cantos desastres: por exemplo a desaparición das oliveiras que agora volven a ser un cultivo cun enorme futuro no noso pais, esperemos que as persoas metidas nesta interesantísima faena respecten as características diferenciais das nosas terras e non nos inunden de arbequinas e demais olivas famosas na meseta e no Mediterráneo, tirando pola contra das nosas propias variedades, porque outros non as teñen, porque son diferentes e auténticas, ademais se imitamos o de fora, será coa mesma calidade? co noso insignificante número de hectáreas fronte ás miles dos outros, seria ao mesmo prezo?

A Falcoeira (Val do Bibei)

Un desastre que outros non compartiron foi a real e monárquica decisión de rematar a fructífera relación comercial vitivinícola de Ribadavia co Reino da Grande Bretaña, agora din que foi o bispo de Tui o culpábel de tal, de ser así, seguirían os seus arruinados fregueses comulgando coa mesma devoción?

Arnoia

As modas as veces fan o labor que desenvolvida polos iluminados ou vanguardistas de turno ficaría coma unha excentricidade fora de lugar, desfasada e contraria ao (seu) progreso.

Benvida sexa polo tanto a onda recuperadora de castes esquecidas e de respecto aos distintos “terroir” que asola ao mundoviño, moda que prescrita pola súa vangarda seguirán fielmente os consumidores.

viña do Dominio do Bibei en Langulló (Manzaneda)

Como afirmaba esta semana o crítico e adegueiro Victor de la Serna despois de asistiren á Internacional Wine Challenge desenvolvida en Londres, onde foron catados máis de 10.0000 viños de todas as partes imaxinábeis do mundo, “quenes busquen a orixinalidade e a expresión local teñen unha enorme vantaxe hoxe en calquera ámbito vinícola culto, sensíbel e con capacidade de influencia no mercado”

Onde pon orixinalidade fai referencia ao gusto auténtico e diferenciado que aportan as castes autóctonas, propias, tradicionais ou como se lles queira denominar e onde expresión local lease o carácter das terriñas reflectido no viño o que significa recoñecer nel a orixe e a personalidade de seu.

e senón que fan eses sousons, brancellaos, bastardos… infiltrados na lista, en fin… os descreidos no propio falarán, escribirán e subiranse ó carro e os do gusto alén nos probarán.

sousón e albarello na Quinta da Muradella

Os comentarios están pechados.