Colares Chitas

Hoxe o aire non corre no pequeno viñedo cercado polo bosque atlántico, aprisionado entre os areais abaneados polo atlantismo, areas infiltradas na sua pel, entre o noso océano e o melancólico bullicio da grande Lisboa. Este recuncho onde o verde aromático, o solo granulado e a resina fresca impoñense cando o sol non é máis ca un pequeno anuncio do que será dentro dunhas horas. O primeiro movimento da copa levanta unha leve brisa balsámica, con ela a froita fresca silvestre e o vexetal da horta, co penúltimo abaneo rezuma o calor da area acumulado no cumio do sol, no último o aire do oeste levouse todo deixando os graos entre as especias exóticas e as plantas aromáticas.

Co primeiro grolo o frescor na entrada anuncia unha acidez clara enmarcando un corpiño que se deixa querer, que deixa o seu recordo no padal, namentras, entre o seu recordo sigo disfrutando dese corpiño fino pero vibrante, de formas estilizadas pero de longas sensacións, con aromas que nos levan polo areal onde ficamos deitados.

Colares Chitas 2000, elaborado polo viti-vinicultor Antonio Bernardino en Azenhas do Mar

Colares, no absoluto Atlántico, sobre a terra areosa, baixo o ceo azul intenso, remexido polas refagas dos ventos, as néboas e o solo pobre e rigoroso, ascético, coma o cercano Mosteiro dos Capuchos, rústico e primitivo, adaptado ás formas da natureza sobre o que se asenta, coma o ramisco, cepa sen prótese, inmune á filoxera.

de baixo alcool (neste viño 11º), elevada acidez e taninos dabondo, madura tarde. As cepas asentanse no solo de barro remontandose ate que medran o suficiente, despois de tres anos, para ser cubertas de area.

“Proclamo isto bem alto e bem no auge, na barra do Tejo, de costas para Europa, braços erguidos fitando o Atlántico e saudando abstractamente o infinito” 

 Alvaro de Campos

foto da viña de slotovino.blogspot e da botella de wineanorak.com

Os comentarios están pechados.