Corullón, vendima do 2005. Plantei a tenda de campaña nun lateral do camping El Brejeo, puiden ter elixido outra parcela, alí so habitaba un grupo de romaneses na outra banda deste micromundo deshabitado e aillado de todo, mas o mulido do solo e a axeitada combinación de sol e sombra terminaron por convencerme. Orientei a porta cara ó noroeste enfilando San Martín, esporón encepado que asoma enriba de Corullón. O sol marchaba nese remate de verán adelgazando as temperaturas, atenuando a luz e alongando as noites. Mirábao fuxir cara ó máis alá que o Atlántico esconde fronte a nosa casiña á beira do mar de Vigo, íase polo cordal que garda no seu mediodía Las Lamas e nas pendentes que se abren para recibir as últimas luces do atardecer Moncerbal.
Amañece no Bierzo desde Castela deixando atrás outras castes, outros solos e outro clima para empezar a iluminar desde a Cruz de Ferro os espacios atlánticos coas súas castes, microclimas e terriñas temperadas e abrazadas agarimosamente por este sol e polo mar que sentimos preto, alí onde remata o camiño de Santiago despois da aperta compostelán cumpridora de promesas, camiño que atravesa chan e ladeiras bercianas coma un regueiro multicor facendo slalom entre o verde mar ondulado das viñas ao sol, espolvoreando os pernís de vermello arxiloso, achegándose pausadamente a Villafranca desde Camponayara e Cacabelos, pero antes de chegar, cando un pasa por Valtuille, Castro Ventosa, Bergidum Flavium, sinte a sensación do calor do berce, de sumerxirse nun lugar fora do espacio e do tempo que na vendima se enche coma un pequeno circo dos muchachos, alegre e cálido, ocupado por xentes de todas partes.
Os días sucedianse entre o xisto cuarteado das pendentes, os sendeiros perfumados de esteva e retama, os cereixos ás beiras das viñas e os máis alonxados soutos de castiñeiros, paisanos falando e cantando no mesmo idioma que escribe estas liñas, probando bagos, recollendo mostras… Aínda recordo o zume dos bagos que medraron en La Faraona, ela, co seu mirar asentado alí enriba, ten outro ritmo e o seu néctar outra dimensión. Trocaría toda a miña adega por unha copa dos bagos daquela anada daquela viña xa viño.
E os días seguían avanzando entre o nerviosismo dos viticultores, xa pasara a festa da vila que era a data sinalada nos seus ritmos de vida para recoller os bagos, e sen embargo non daba chegado o momento de comezar o agotador bulir non stop da viña á adega de homes e bagos, por iso Ricardo era asaltado coa mesma pregunta en cada carreiro, nas rúas da vila, na barra do bar ou o través da fiestra da pick up.
Un domingo libre e solitario, despois de correr a parte do Camiño que vai desde Castro Ventosa a Villafranca, topeime con Álvaro Palacios na porta da adega… falta chicha, díxome.
E a chicha chegou, e con ela as xornadas intensas, as brigadas de vendimadores, a selección de bagos, a incesante limpeza de caixas, os bazuqueos nos depósitos… e todo foi pasando, coma os pelegrins que todos os días se asomaban á porta da adega entre as descargas dos acios, xente de todo o mundo como Steve, que traballaba nas viñas de Colomé en Salta (Arxentina), as máis altas do mundo, contandonos entre bagos desde a outra banda da mesa de selección historias das alturas biodinámicas do novo mundo.
Como di Raúl Pérez: o Bierzo esta feito con retallos tecidos coas condicións das grandes zonas vitivinícolas do mundo, ás que os monxes foron conformando para que hai dez anos xente coma él, Ricardo Palacios e outros que non coñezo persoalmente foran quen de convertela na realidade actual.
Haberá máis vendimas, noutras viñas, outros menceres e outra luz, o sol marchará por outros lares despois de acariñar bagos con outros nomes… pero seguirei botando de menos aqueles… ate cando volvo, cunha copa na man, a vivir os seus recordos, cheiros, sabores e cores daquelas terriñas e da súa xente.
participante no “I Premio Vinos y Blogs del III Concurso de Vinos del Noroeste”



Comments (2)
Noraboa pola nominación!
O viño da para moito, incluso para escribir e faelo ben.
Moitas gracias,
o mesmo digo do teu blog.
Trackback/Pingback (1)
[...] sin gluten – ¡Gracias por educarme alrededor de la cultura del vino! O viticólogo dos bagos – Vendima, 2006, bagos, corullón El Pingue – [...]