A Granxa

Si, no territorio coñecido coma Galicia vexetan videiras de calidade recoñecida, de castes dificilmente imitábeis noutros territorios, e é así porque as terriñas deste Pais teñen unhas características especiais que fan que so eiqui este patrimonio vitícola exprese a súa autentica personalidade. Resulta que o mundo do viño cos seus viticultores, adegueiros, e todos os traballadores e empresas auxiliares a el asociadas teñen unha importancia considerábel. En moitas das súas zonas é o único sector que mantén unha dinámica social e económica que as faga sustentábel, de mantenemento do medio ambiente e de fixación de poboación.

Hai outras actividades que ven compensadas a súa influencia económica e social, e non fai falta enumeralas, cos medios necesarios para mantelas, ademais das axudas institucionais pertinentes resulta imprescindíbel unha formación axeitada e de calidade, incluída a ensinanza superior.

O sector vitivinícola ten coma centro de referencia o CIFP A Granxa en Ponteareas, humilde no seu coñecemento polos mass media e en recoñecementos que desde logo merecería pola calidade do seu profesorado e da formación impartida. Así a maioría dos mellores profesionais que traballan nas adegas galegas estudiaron alí.

En A Granxa elabóran viños cos bagos do seu viñedo, localizado igual que a escola na parroquia de Areas, zona non precisamente das mais axeitadas para o cultivo da vide, e sabemos que SO as boas viñas dan os mellores viños, así a todo gracias aos magníficos coñecementos dos seus profesores (Antía, Carmen, Jesús, Jose Luis, Pablo, …) os viños que elaboran son dunha gran calidade, algún deles máis alá.

 Pablo Saa, profesor do centro, cos dous alumnos que o ano pasado lograron o primeiro premio por “Escolas” e dous segundos premios individuais no ‘European Wine Championship’, un concurso de vinicultura celebrado en Italia. Presentaranse trinta escolas de catorce paises que pasaron por distintas probas prácticas, teóricas, cata de viños, etc.

Nestas datas que andamos poñen a venda, primeiro para os seus alumnos e para o persoal do centro, algunhas das súas elaboracións a un prezo case simbólico. En brancos e sempre dependendo da anada elaboran un impresionante monovarietal de loureiro, un Condado con albariño, treixadura, loureiro e torrontés, un albariño sobre lías e outro criado en barrica ademais do denominado Etiqueta Negra polo seu complicado proceso de vinificación e un especialísimo viño de xeo tamén de albariño. En tintos un maceración carbónica, debe ser o único en Galicia, e un tinto cunha pequena crianza en barrica. Todos eles, e pese aos inconvintes da zona e de ser unha escola cun obxectivo evidentemente formativo, en cata a cegas superarían a unha boa parte dos viños do Pais.

Xa lles gustaría a moitas adegas galegas con viñas situadas en terriñas de enorme calidade con solos e microclimas excepcionais elaborar viños con este nivel cualitativo, pola contra, as veces, semella estragado todo ese magnífico potencial vitícola en viños mediocres pola súa falla de carácter, marcas históricas das que hai tempo non oímos falar, ou zonas das Rías Baixas outrora famosas agora adormecidas

A conclusión é que o viño en Galicia, coa súa importancia milenaria e histórica, económica e social, con cinco denominacións de orixe e tres indicacións de viños da terra, ten pouca oferta formativa, ningunha superior, para os seus profesionais e inexistente para todos os propagadores da súa cultura, determinantes na súa venda e consumo intelixente, alías sumilleres. Outras comunidades con menos fundamentos para elo contan con facultades e máis alá.

6 ResponsesA Granxa to “”

  1. ¿Sabes se os seus viños chegan ao mercado?

    Saúdos,

  2. So é posibel conseguilos no mesmo centro, e mellor chamando antes para asegurarse da presencia da persoa encargada da sua venda.
    Agora mesmo está á venda o Etiqueta Negra e un tinto, deiqui a xullo irán saindo o resto.

    Un saudo

  3. dende logo eu da granxa destacaría especialmente a jesús pita, non tanto cecais polos seus coñecementos de viño, senón por ser o maior impulsor da escola no que se refire a formacion enolóxica, dende o ano 1990 no que os alunos non tiñan nen sequera adega ate hoxe 20 anos depois na que é unha escola asentada

  4. a min chamame a atención a cantidade de experimentos PRÁCTICOS que ó longo destes anos forón descubrindo e traballando, e suliño o de PRÁCTICOS, ou sexa aplicables nas situacións reais coas que se atopan diariamente calquer viticultor-elaborador.
    Experimentos que desenvolvidos por outros centros como a evega ou os que ten o CSIC no noso Pais relacionados coa vitivinicultura, serian automaticamente publicados en inglés no xornal científico de turno ou presentados en calquera congreso ou conferencia.

    unha aperta

  5. …simplesmente facer unha crítica, todos eses ensaios prácticos dos que falas, levan muitos anos dirixidos as vides e viños brancos mentres que os tintos sempre os tiveron coma o irmán pobre. Agora que comeza a ser evidente que nas rias baixas traballando ben coa viña pódense elaborar grandes tintos deberían comezar xa a tomar a elaboración rubra a serio

  6. Hola moi boas, como din: “máis vale tarde ca nunca”, e bueno ainda que xa pasou un tempo dende que recibimos eses premios (digo recibimos xa que eu fun un dos participantes nese concurso) dende a miña humildade soamente queria destacar a labor que esta realizando esa xente de “A Granxa” en materia de formacion de técnicos, xa que parece ser que o recoñecemento só o atopamos cando saímos fóra e como e de costume sempre se lle da máis valor o que nos traen co que temos aqui…Nada maáis, soamente dar as grazas polo articulo publicado. Saúdos.