Valmiñor vermello, rosado e branco

Tres viños de Adegas Valmiñor, e non, non coñezo a ninguen desa adega, nen me regalaron os viños, o gadis (8.50€ o tinto) e unha cata en A Granxa foron a orixe da seguinte entrada, bueno a orixe da seguinte entrada, e por favor esquezan as frases xustificatorias iniciais, é, por outra parte coma sempre neste caderno, o pracer provocado polos aromas, as sensacións bucais e as cores de seu.

Calquera destes viños significa unha aposta por algo inexistente, ate que eles o converteron en realidade, ou anecdótico nas Rías Baixas pero común entre Minho e Douro. Rosados, monovarietais de loureiro e tintos.

Non hai moito falaba do Torroxal, o viño tinto de O Rosal xa desaparecido, era da anada do 2005 e se mantiña nun magnífico estado de forma, probablemente debido ao forte carácter que tiña cando saira ó mercado, tamén é certo que ese forte carácter batera de fociños, e nunca mellor dito, cun consumidor aínda non preparado para estes tintos galegos, da banda máis occidental ou o que é o mesmo máis atlánticos. Daquela estabamos baixo a presión da moda máis corpulenta, xenerosa de alcohol e madeira. Pero aquelo que non gustaba garantiulle, como puiden comprobar, lonxevidade e polo tanto boa evolución.

O conseguinte troco de propiedade supuxo, ademais do adelgazamento da superficie do viñedo tintado, outra dirección elaboradora, así o novo Valmiñor tinto, dalgunha maneira substituto daquel Torroxal porque sae das mesmas viñas, caracterízase por unha personalidade máis sociabel pero seguramente de consumo máis inmediato… ou non, seguramente si. O viñedo das castes tintas situado entre parroquías do concello de Tomiño pasará das algo máis de vinte hectáreas a unhas dez, as razóns son basicamente comerciais, tamén é certo que no seu momento a implantación do viñedo non fora perfecta, entre outros parámetros a ubicación das diferentes castes era mellorábel.

O Valmiñor 2008 con 12.5º de sousón, brancellao e caiño é brillante, coma o domingo cando subía un dos nosos montes, rodeado de aromas especiados entrelazados de flores azuis sobre un fondo vexetal fresco, coas herbas aromáticas que bordean os sendeiros cargando as suas esencias, cun aire que refresca a subida, lixeiramente balsámico, recendo mineral que vai gañando presencia co tempo, xa nas rampas finais que levan ó cumio. Saborease co gusto que agradece a sede pola súa frescura e lixeireza, cun trago refrescante que invita a beber.

O rosado de Valmiñor, que aparece coma tinto na contraetiqueta xa que o consello regulador ainda non contempla este tipo de viños, é o primeiro que se elabora nas Rías Baixas e seguramente en Galicia. Na anada do 2008 os bagos de sousón e castañal, que foron superiores en número, e os de caiño tinto, mencia, brancellao e merenzao, que tamén aportaron o seu, foran vendimados a partires do sete de outubro e despois de dez horas de contacto a uns 10º de temperatura e do prensado, non se elaboraron por separado, pasaron a fermentar coma un branco.

Rosado galego, entre unha tonalidade francesa e a máis cargada dun español, co calorciño do verán nas Rías Baixas un día azul claro, nítido e luminoso, frescor do Atlántico e bálsámicos das herbas de San Xoan, e no medio das herbas a froita fresca, as baias silvestres ó sol e a suavidade dunha cremiña na pel. Aromático no seu paso desde os beizos ate ficar no recordo, e fresco, e goloso, saboroso e longo. Co calor acumulado durante o dia prolongado na noite polas fogueiras intensificase todo, como na noite máxica que se achega, os aromas das herbas e a cremosidade … e o Amor e a Vida.

Outro día o loureiro L-100 do 2007

2 ResponsesValmiñor vermello, rosado e branco to “”

  1. xa hai anos que lin que o rosado sería un bó xeito de diversificala oferta das adegas da galiza, simplesmente porque era unha elaboración en branco, elaboración dominada polos enólogos que traballan nesas terras, con uvas tintas…estando a brincar dicir que as fogueiras non son nada ecolóxicas, ou queres que na galiza se fagan tintos de 15 graos coma, sei lá, en jumilla

  2. se hai rosados de tinta de toro e doutras castes con esa carga en climas cálidos, a priori levandolle a contraria á esencia supostamente rosé, pois as castes máis frescas de terras máis ventiladas dan unha versión máis actual deste tipo de viños.
    a ver se é verdade que dominan a elaboración en branco.
    a sensación na noite de San Xoan coas fogueiras na beiramar atlántica dun cálido verán segue sendo fresca.