Quinta de Albarado

Quinta de Albarado foi un dos viños premiados na categoría de tintos novos da colleita do 2009, á que se presentaron 44 mostras, da edición deste ano da Cata dos viños da Ribeira Sacra organizada polo seu consello regulador. Está elaborado pola adega As Oubenzas, fundada en 2006 e asentada sobre una antiga construcción de pedra que data do século XVIII, situada no lugar de O Pacio en San Pedro de Lincora no concello de Chantada.

Estuven na cata oficial, tomei notas de todos os viños (entre brancos, tintos e viños con crianza ou doutras anadas serian uns setenta) e antes de voltar merquei tres viños na viñoteca do museo: o Marcelino I porque fora un dos premiados na Feira de Amandi e non o trouxera daquela, o Quinta de Albarado por ser da subzona de Chantada, e polo que teño probado este ano dame a impresión que o 2009 foi un bo ano para esas terriñas, ou mellor que para outras “subzonas”, e o Saiñas non recordo porque, sería por ser da ribeira do Cabe en Pantón?.

Pois resulta que o primeiro premio foi para o Regina Viarum de Amandi, o segundo para o Veiga do Bacelo de Chantada e o terceiro para o Quinta de Albarado, os tres según din so de mencia. Repasando as notas que tomei na cata a casualidade é que este último viño foi o que máis me gustara de todos e que fora un dos tres que me trouxera de Monforte. Pero a botella que merquei na viñoteca era do 2008, non importou porque resultou asi de pracenteiro:

Despois das primeiras sensacións de pechado espero, porque sei que a paciencia nos viños adoita recompensar con novas fragrancias, que, coma nesta ocasión, nos transportan volatilmente cara a natureza que acompaña ás cepas.

Liberados do pechado arrancan os froitos negros, máis claros que nunca, dando paso ó radiante e máis vivo aroma das baias silvestres e a un chisquiño de herbas perfumadas mesturadas de flores. Para rematar un fondo mineral que nos devolve ó lar.

Gusto vivo ou como encher o padal de sensacións desde unha grácil finura esvelta, sen necesidade dunha aparatosa musculatura nin de elevados e pesados grados.

Atopar un viño galego, que non sexa unha marca coñecida, fora da súa propia zona de producción, incluso nela, é practicamente imposíbel, no caso da Ribeira Sacra isto solucionase gracias á viñoteca que o Museo do Viño posúe no centro de Monforte de Lemos, onde podemos atopar a maioría dos viños elaborados nesa denominación como este Quinta de Albarado a 6.50€.

2 ResponsesQuinta de Albarado to “”

  1. Moi boas tardes amigo viticologo, son unha das integrantes do proxecto da adega as oubenzas onde elaboramos a nosa GRAN RECOMPENSA despois do traballo de todo o ano o noso QUINTA DE ALBARADO. Antes de comentache nada queria dar as grazas por acordarte do viño que provaches e do que levaches un agradeble recordo e por publicalo na web.

    Bueno pois o que che queria comentar e que QUINTA DE ALBARADO ainda que se cataloga na subzoa de chantada por estar bodega en dita subzoa apensas se fai con un 15% de uvas procedentes de esta subzoa das uvas pois o outro 85%pertenecen a viñedos situados na zoa de PESQUEIRAS de ATAN no concello de Ferreira de panton, e dicir esta na outra ladeira do Miño onde o sol nos acompaña dende o nacente ata o poniente.

    Un Saudo

    Maria Jesus López Alvarado

  2. E un pracer poder escribir dun viño, e dun proxecto, que nos deixa un sorriso de felicidade na cara e o orgullo dos viños deste pais.

    Antonio Portela