Arcos da condesa

No Val do Salnés podemos atopar viños desde o seu límite sur en Sanxenxo, unha das súas proas cara o mar, ate por exemplo este albariño das viñas situadas en Arcos da Condesa (Caldas de Reis) é dicir no interior máis alonxado da ría desta bisbarra vitivinícola.

Arrodean o pazo da adega Bodegas e Viñedos Lagar da Condesa viñas en espaldeira ben orientadas e ventiladas, de feito a zona que ocupan ten por nome “Outeiro de Romero”, coidadas pola cuarta xeneración da familia que desde hai un século as traballa.

Os dous viños que elaboran, o Lagar da Condesa e o albariño criado durante sete meses en barrica de carballo francés de nome Vía XIX,  preséntanse en botella de aparencia señorial, escudo gravado incluído, un tanto presuntuosa.

O 2008  aparecía (hai dous meses) fresco e brillante á vista e tamén nos vivos arrecendos, coma o campo dun outeiro ambientado cos aromas do fiúncho e das demais herbas, cunha flor branca solitaria e a froita intensamente amarela. Frescor que continuaba na boca acompañando un volume xusto que fixo o seu paso saboroso e longo.

O 2007. Tiña a primixenia intención de gardalo coa pequena colección de brancos da costa que teño mirando o tempo pasar, máis…  cansouse da espera e foi aberto, asi, o 2007 actualmente (hai unha semana) é granítico e despois salino e máis logo cos recordos iodados das algas, pasando por nos redondo no seu trato pero un tanto seco, case sen rasto de acidez, acompañado de froitos secos. Para disfrutar entre rochas, no medio da ría ou nunha praia cando o sol me deixa so co calorciño que ti me das.

Os comentarios están pechados.