Finca Teira. Beade

Finca Teira tinto, da ribeira do Avia ó seu paso por Beade, elaborado coas castes tradicionais do Ribeiro: caiño longo, brancellao e sousón, pola adega da familia Formigo de la Fuente, viticultores tradicionais que no ano 2006 decidiron dar o paso e montar na casa familiar a adega de colleiteiro para elaborar os seus propios viños das súas propias viñas, neste tinto das denominadas Miñoteira e Pousos.

Tinto do 2008 elaborado por Manuel formigo en depósitos de aceiro que neste xuño do 2010 aínda mantén o frescor e a carga frutal, e que nos tres días que aguantou desde que lle tiramos a rolla foi ensinándonos con limpeza os seus atraintes aromas primarios. Así de ben por 8€.

Bebese con facilidade, e agradecese por elo, con tacto suave e tenue acidez, coa lixeireza dos seus 11´5º e o fundamento que dan as castes e as terriñas das ribeiras do Avia. Nos aromas é como asomarse enriba das silveiras cos seus froitos vibrantes admirando o verde frescor da eira. Tamén é incisivo co seu punzante especiado de azafrán e o perfumado das lilas, pero sempre baixo o piar da froita.

Mariña

One ResponseFinca Teira. Beade to “”

  1. […] o viticologo dos bagos » Arquivo do blogue » Finca Teira. Beade […]