Terriña ou Barbarie

A barbarie que leva á morte do viño coma conexión coa terra. Á morte das sensacións que nos devolven á terriña. A barbarie foi na Borgoña do 1985 e na Galicia…

Non hai moito que se lle dera a benzón final ás nosas castes, con máis contundencia se cabe ás tintas: caiños e brancellaos tiñan a sentenza de morte e a guillotina xa sobre o tronco dos descendentes. Sentenza dictada polos voceiros do imperio do comercio, dos técnicos formados na elaboración de “productos” e por burócratas reguladores coa testa metida nun ordenador enchido de datos e balances, ventas e marketing, gráficos e parámetros de consumo e modelos de consumidores, pontuacións e guias, datos todos eles tan “reais” coma as ensoñacións dun romántico, eses “herexes que nos levarán á ruina”, hippies desnortados, terroiristas…

Pero… de quén tiñámonos que estar rindo agora a gargallada limpa e estrondosa? Cecais daqueles que hai un par de anos introduciron no regulamento dalgún consello regulador o tempranillo, seguramente empalmados con toda esa pornografia de datos comerciais e coas consideracións “nacionais” desa variedad.

Alguén dubida hoxe que o futuro en vermello deste pais está nas castes de nos, cunha mencia replegándose aos lares máis acaidos a súa verdadeira personalidade, e non a versión insustancial que mostran algúns dela, máis preocupados en poñer na etiqueta o seu nome doado de comercializar. Castes de nos que na primeira fase irán soliñas, en solitario, e máis logo, como foi antes de nos e dos que nos precederon, mesturadas para a maior complexidade e equilibrio.

Caiños vibrantes acariñados polo brancellao, ou envolventes brancellaos espoleados polo caiño, o músculo do sousón e o elegante carácter do bastardo-merenzao, ou… pedral, espadeiro, castañal… Cadansúa delas nas terriñas de seu, nas súas axeitadas e mellores ubicacións.

Os que acreditaban nesta corredoira que nos ha levar ao gusto, aromas e cores descoñecidos ou desaparecidos da nosa memoria, non recibían subvencións nin eran considerados polas diferentes administracións ou entes administrativos, nin adornaban o seu curriculun con densas titulacións e pomposos cargos.

… os que van a rebufo son eles.

Borgoña 1985 – Galicia 2010

En 1985 a situación era ben diferente á de hoxe, á de onte, á de mañán e seguramente á de pasado mañán, daquela todos os factores económicos e sociais favorecian mostras de dispendio varias como a adquisición de grandes viños. Entre eles todos os afamados borgoñons que podemos citar ou imaxinar. Mas estes viños mercados para durar “toda a vida” ás primeiras de cambio viñeronse abaixo. Os máis impacientes bebedores foron os primeiros en darse conta e por suposto en anuncialo. En apenas tres anos eses grandes viños aparecian apagados cromaticamente, envellecidos aromaticamente e cansinos no seu paso pola boca. O efecto deste impacto é facilmente imaxinable: perda de prestixio e fulgurante caida nas ventas, e a pergunta tamén evidente: uló o archifamoso terroir e os recoñecidos climats da Borgoña?

Os culpables non foron os lunáticos e románticos defensores da autenticidade, do natural e respectuoso. Técnicos e burócratas, ou ambalasduas cousas á vez, foron os que guiaron e asfaltaron con brea a corredoira grazas aos seus “consellos”: rendementos/fertilización/fitosanitarios en doses in crescendo ou con novos productos cada vez máis potentes/lévedos/enzimas/nutrintes/taninos…

En Galicia, xa rematando o 2010, que pasa con todas esas toneladas de productos cada vez máis potentes para o medio, para os acuíferos e para a saude das persoas? nas nosas terriñas os viñedos e as vivendas comparten espazos.

A consecuencia do impacto anterior na Borgoña fora a Revolución Verde que permitira a volta dos seus mellores viños ó cumio. Realmente a maioria non decidira producir en biolóxico, acabaron por chegar… “paso a paso e con lóxica”

Nos, chegaremos alá?

“En Borgoña a alma da laboura pertence á conciencia colectiva. Durante xeneracións dábase moita importancia á observación do ambiente, á experiencia: cortábase, aparávase, arávase, cultivábase, máis non se interviña, a non de ser de maneira curativa. A planta combatia soiña tornándose resistente ou non sobrevivía”

“En Borgoña, onde se da a relación máis persoal do home coa historia, a terra e o clima, o técnico non existiu, o que valía era o home que facía as cousas con gusto. É unha rexión que che fai voltar á orixe das cousas” (Agustí Peris)

2 ResponsesTerriña ou Barbarie to “”

  1. ¡¡¡¡¡ SI SEÑOR !!!!

    Ou é demasiado tarde………

  2. probabelmente a volta de 30 ou 40 anos os solos só serán chan para andar por riba deles; mas eu, sinceramente, nin me laio do que me deixaron meus pais como para preocuparme polo que vou deixar os que veñen atrás…para min o importante é traballar e tirar adiante, agora ben, que acabemos con muitos peixes, co solo, etc…pois pa la habana