Arquitectura da viña

A prantación dun viñedo non é unha obra de enxeñeria agronómica, ou é, mais tamén é un acto cultural no que a creatividade do home pode atopar a sua máxima expresión mediante a conxunción da xeografía e do solo e a sua interacción coa vida-dinámica, tendo o cosmos coma teito e referencia. Arquitectura que se reflexa no trazado e na orientación das ringleiras de vides, na densidade de prantación, nos deseños das formas de conducción: vexetación ascendente, descendente, en cortina, en V, en U, en T, en Lira, planos simples ou divididos, pérgolas, emparrados, vasos, espaldeiras, e na sua relación cos puntos cardinais, cos ventos dominantes, coa exposición solar, etc., asi como a interrelación, biodinámica, co seu contorno natural, ecosistema do que forma parte, e co seu contorno humano, con todas as edificacions que leva asociadas: para a elaboración, para a crianza, para o enoturismo: recepción de visitantes, estancia, espacios para degustacions e outras actividades.

Observando e coñecendo todo o conxunto do microcosmos da viña poderiamos adiviñar a calidade do viño que este orixina.

Cantos viños que coñecemos están integrados de tal maneira con elementos do seu espazo que incluso adoitan mencionar na sua denominación este elemento que lle dá singularidade e que incluso lle aporta un algo máis, como no caso dos viñedos situados á beira ou inseridos en lugares cun evidente significado relixioso: santuarios, dolmenes, ermitas, etc. Viñedos que nunca eran elexidos ó azar senón tendo en conta toda unha serie de características que lle proporcionaban un magnetismo especial, viñas que se benefician destas “propiedades” dando lugar a viños que en determinadas anadas tamén transmiten algo máis, daquela falamos de viños telúricos: as Ermitas varias, os Calvarios, os Clos, etc. Viños de paraxe, viñedos históricos, de orixen monástico, vellos, pobres en materia orgánica mais ricos en mineral, viñedos de ladeira que producen menos pero con máis esencia, viñedos que nas zonas meridionais buscan as umbrias e a altura e nas zonas septentrionais os cara o sol.

Cando falamos de terroir-terriña e do home que a traballa estamos a describir as pinceladas que a definen, son as ferramentas que emprega e que nestas creacións excepcionais proceden do trazo de liñas, da mestura de cores, da interpretación das notas que unha orquesta vai tocando, cada ano cos seus matices, cos diferentes instrumentos que a natureza dirixe, o clima e cun son máis sutil o microclima que envolve a cada cepa, o solo coas suas diferentes tonalidades, as castes como auténticas prinmas donnas desta composición que é un viño, tamén os enxertos, parte da orquesta desde que o ataque da filoxera os convertiu en prótesis permanentes provocando que a voz das variedades non sexa tan nítida e pura como cando non eran necesarios, os lévedos orixinais, fundamentais para que a música soe con auténticidade. Neste conxunto orquestal os labores culturais representan aos instrumentistas que manexan os elementos non permanentes, que non dependen do escenario da obra, pero que poden chegar a cambiar o carácter da melodía, asi como as técnicas e sistemas de elaboración e de envellecemento que lle dan os matices finais a esta sinfonía dionisiaca.

Distinto deste home cultural sería o facedor de viños de produccions industrializadas e automatizadas para garantir un gusto único e uniforme anada tras anada.

Post escrito neste blog o 9/4/08

Arquit. da viña

One ResponseArquitectura da viña to “”

  1. Precioso vídeo.

    Enhorabuena!