tintos galegos do 2010

31 de decembro do 010, sete da tarde, diante dunha camisa de fondo azul baixo cadros verdes e grises que estou deixando en condicións de ser colgada na percha de meu, para acudir á cita anual no café Van Gogh cos amigos que crecimos e nos xunguimos entre montañas, matino nos tintos de nos que este ano gocei.

Este ano vaise deixando escuras perspectivas, irradiando negatividade, o ano que asoma, hoxe 1/1/11, xa de cheo nas nosas vidas, ten que empezar loitando contra eses augurios.

Asi a todo o mundo-viño-vermello-galego (sigo no campanario da miña vila como poden apreciar) vai ben e irá mellor. Leva un ritmo acorde coa cadencia prescrita, claro que esta non é a mesma que pensaban aqueles cos sentidos alén, verdade?

No oriente do Pais, onde o Atlántico decide non seguir acariñando viñedos máis alá, os tintos de Valdeorras teñen vía libre, os prexuizos case que non existen, non teñen nada escrito, nada que supoña unha referencia a ter en conta. O que había non servía, digamos que tiñan ficado moi atrás entre un Bierzo asentado no Olimpo do viño, de momento coa face máis corpulenta da mencía, e unha Ribeira Sacra paraiso natural da viticultura extrema, auténtico museo ó aire libre da autenticidade dunha terriña-terroir, que en menos dun lustro deu pasos axigantados, foi coma unha supercompensación acumulada, cara o mesmo Olimpo onde os deuses do viño míranse o embigo. Alí a mencía, replegándose ós lares máis acaídos, mostra o seu lado máis fresco e frutal, ou sexa elegante e sensual, ainda que tamén pode plantar cara e mostrar os fuciños con músculo e garra.

Por non ter nada que ofrecer en vermello entre estes dous olimpos,Valdeorras centrou a sua expansión ou mostrou o seu escaparate coa personalidade dunha caste branca que so alí da o seu do de peito, en solitario. Os tintos teñen vía libre, non deberían mirar cara atrás, nin aos seus lados. Isto demanda viticultores-viticólogos-vignerons de raça, instintivos, creativos, sen medo nen vértigo, apegados ao seu lar… a crear, esquecendo e facendo oidos xordos aos acomplexados que so son capaces de imitar idiomas alleos, acentos que chirrían. Brancellaos, tintoreiras, mencías agarimosas… sousón?, entre os que gocei o ano pasado os da Pinguela todos, o novo de Cigur, A Costiña de Alán, o Casal Novo…

O 2010 coa anada do 2009 fíxome descubrir unha nova cara das “subzonas” miñotas das Ribeiras Sacras. Se xa sabiamos da excelencia das vertentes varias do Sil e o Máis Alá que damos alcanzado coas do Bibei… así coas miñotas pechamos o círculo da denominación e con eles todos chegaremos onde queiramos.

No 2010 eles foron: o Quinta de Albarado, o Saiñas, Pradío, o Regueiral outro ano máis, o viño da casa de Fernando (compañeiro de A Granxa) en Chantada, do que espero ansiosiiiiiiiiisimo a derradeira anada, os Régoas (bueno o TN aínda o manteño virxe na casa), un enorme Pecado, os do Bibei todos. Botei de menos os de Ramón Losada… moito, este ano quéroos!!!

Monterrei é Mateo. Pode soar forte… mais é. Como non estamos eiqui para dorar a píldora, nen a soldo de nengún ente, xa me entenden, as cousas como son. As miñas neuronas en Monterrei descansan e siguen a Xosé Lois, por máis que traballaran nunca chegarían sequera a adiviñar algo de toda a súa sabedoría. Se él non estivera estaría pendente, como estou, de Castro de Lobarzán, Fragas do Lecer, Triay ou Quinta do Buble.

No Ribeiro concéntrase Todo: a alma e a esencia, o pouso da historia (perdida) e o futuro, con todo o que iso significa… e que significa? pois que calquer viticultor cunha viña nos terreos de seu coas castes de seu: caíños, brancellao, sousón e, se ten ese privilexio, co ferrón, e deseguro que haberá algunha caste máis, pero por favor esquecéndose da mencia, alí nótase e moito a sua cara menos nobre, cunha viña así calquer viticultor podería crear un viño que envolva e acariñe, refresque e encha, elegante e complexo coma os grandes viños, e coma eles con diferentes personalidades. Este ano foran: Gomariz, Tornas dos Pasás, Armán, Sameirás (A Viña do Avó), Meréns

E por fin a posta do sol, coma a de agora mesmo, no grande mar, cos tintos do mar, co frescor atlántico, co océano nas terriñas das Rías Baixas que a estas horas empezan a durmir ó seu carón, e espertarán mirando cara o horizonte que os ha levar Máis Alá. Goliardos, Barbuntin, Valmiñor…

Estos foron algúns dos viños que agora recordo do ano que acaba de pasar polas nosas vidas. Neste 2011 haberá máis …e mellores!!

Os comentarios están pechados.