30 copelos

O viñedo do viticultor Xose Meréns atópase no medio do microcosmos arnoián, fracturado coma un puzzle en máis dun cento de parceliñas que suman unhas tres hectáreas entre ladeiras, pendentes, socalcos, bosques e vales.

viña de Xosé Merens

30 copelos, o nome do seu único viño tinto, ven sendo, dentro da gran cantidade de denominacións que para as unidades de medida hai en Ourense, un ferrado ou unha cavadura, ou sexa, aproximadamente 500 metros cadrados. Se a base do seu único tinto son 30 copelos calculen o escaso numero de botellas que elabora.

Hai un ano, cando disfrutei por primeira vez deste viño na viñoteca Vinus & Brindis de Vigo, o seu prezo, se finalmente decidían presentalo nos seus andeis, rondaría os 30€. Meses máis tarde estuvemos na adega de Xosé Merens e algúns aproveitamos para levarnos unha botella, o seu prezo en adega foi de 25€. Poucos meses despois en Mantequerías Arjeriz de Vigo podiase atopar por 13€. Onte mireino por 18€ na viñoteca La Cava, tamén de Vigo. (?) (!!)

Os primeiros comentarios que escoitei sobre este viño referíanse ó seu prezo, en prácticamente todos os casos sen telo probado sequera, os que si o probaran, e algúns dos anteriores despois de probalo, coincidian na falta de correspondencia entre “tamaña” esaxeración monetaria, daquela recordemos polos 30€, para tan “pouco” viño. Son os que valoran a calidade e o custo dun viño en función da fórmula peso x volume, deste xeito canto máis músculo, carne, potencia, chicha, canto máis se morda mellor, e por suposto coa súa correspondente proporción madeirada, isto multiplicado polo grado alcohólico, o outro factor da ecuación, xustificaría un prezo máis elevado e, para eles tamén, unha calidade superior.

Os 30 copelos da Adega Lagar do Meréns en Arnoia con caíño longo, caíño redondo, sousón, brancellao e ferrón.

O que para algúns é lixeireza, ausencia da corpulencia mastigábel e da ampulosidade madeirada, ou sensacións frescas carentes de ardentes grados alcólicos, para outros coma min é un milagre que nos esperta coa fresca elegancia dunha suave caricia, coma un roce escondido… que busca outro, e outro, xa infectados polo virus do Amor e o desexo.
O seu gusto é o equilibrio, o paso balanceado desde que aparece na boca ate que fica no recordo cos ecos nítidos do vermello frutal e as especias.

Ole á limpa flor asomando entre unha froita que foi silvestre hai un ano e hoxe carga de vermello o seu cheiro, cun especiado que chispea no fondo.

Arnoia

Arnoia marca o seu territorio sensorial dentro dos viños do Ribeiro, por iso a recente clasificación de Vins de Vila dentro da DOC Priorat tería o seu eco entre outras vilas vitivinícolas galegas na Arnoia do Ribeiro.

Este tinto podería representar a fresca elegancia dos que foron os mellores viños do mundo civilizado denantes de que Bordeos e Borgoña definisen os parámetros dos grandes vins e moito antes de que Riojas e Riberas pontificasen e asolasen as nosas papilas estabelecendo o modelo de “calidade” e “bo viño”, converténdose así na referencia a seguir polos imitadores acomplexados ademais de ocupar os andeis dos nosos lugares do viño.

3 Responses30 copelos to “”

  1. Concordo completamente na necesidade de eses viños de vila a modo do priorat, tamén concordo en que a xente (aficionados e muitos enólogos) esqueceron, ou aínda non se deron por enterados, da palabra equilibrio…por outra banda o dos prezos de algúns viños de arjeriz e sempre un tema complicado, sobre todo, para os que algunha vez vendimos viño nesa bisbarra.

  2. Todo chegará, seguramente máis por razóns comerciais que pola causa en si.
    O equilibrio non é doado de entender, require algo máis…
    No de Arjeriz levas razón pero neste caso escapa a calquera lóxica, xa me dirás ti si uns meses antes na adega cobrounos aquela cantidade.

    Saude

  3. o anónimo era eu