Val da Lenda

Coñecen a vertente “rabuda”das beiras do Sil? (a dos “leitóns” é a ourensán) Se así é os aromas do Val da Lenda traeralles os recordos vividos entre as súas terrazas rochosas abancaladas. No caso contrario pechen os ollos despois de ulir os seus aromas, e imaxínense nun dos seus espectaculares miradoiros deixándose levar polo vértigo que produce este escenario, entre os cheiros balsámicos dos matos, das herbas aromáticas e do mineral de seu, bálsamos do ambiente que nos abren o nariz.

Val da Lenda 2009. Mencía colleitada, elaborada e embotellada por Laura López López en Cantón (Sober). Amandi. D.O.Ribeira Sacra.

O granate brillante da súa cor vai entre aromas diversos, uns alegres e vivos, coma os da froita vermella acompañada do verde balsámico das herbas danzantes e o mato leñoso florecente, e outros máis serios e recollidos, coma un orante nun claustro das súas ribeiras, dunha mineralidade envolvente.

O seu gusto deixa un paso cariñoso pero con carácter, saboroso pero tamén fresco, coa frutalidade acrecentada e unha acidez que se agradece, especialmente unha anada como a do 2009 na que outros viños de Amandi teñen caído na sobremaduración e a consecuente falla de frescor.

 Non sei o que esperan vostedes dun viño de mencía cultivada nas terriñas de Amandi da Ribeira Sacra, eu, hoxe, pouco máis podo pedir. O Val da Lenda pódese mercar por menos de 7€.

3 ResponsesVal da Lenda to “”

  1. Hei de buscalo porque coa sobremaduración de adiantas non atopo un só RS que pague a pena…

  2. … da anada 2009, claro está.

  3. deberás darte presa porque en Vigo poucas botellas había xa.