II Premios Magnum do Viño galego

Acercase unha nova edición da noite galega adicada por enteiro ó mundo do viño, a segunda despois do éxito acadado na primeira, que organiza o Instituto Galego do Viño e a Compañía de Viños María Fechoría & Asociados . Alí estaremos apoiando e gozando do viño.

A nota informativa dos organizadores di o seguinte:

Na gala daranse cita un ano máis os profesionais do sector máis recoñecidos, incluíndo viticultores, enólogos, sumilleres, periodistas e bloggers especializados, para recoñecer os traballos máis destacados deste ano.

 As categorías dos premios que se entregarán son as seguintes:
– Mellor divulgación do viño galego
– Mellor tratamento de viños na sala/ bar de viños
– Mellor viño do ano
– Mellor bodega (como colección de viños)
– Premio Honorífico: Vinolvidable

 A decisión final será adoptada mediante votación secreta por un xurado formado por profesionais do sector. Os resultados daranse a coñecer na gala, que terá lugar o vindeiro 16 de marzo nunha cea no marco incomparable do restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe.

 A edición pasada estivo presidida polo Conselleiro de Cultura e contou coa presencia do Presidente da Deputación de Pontevedra, a Directora Xeral de Tursimo, o Director Xeral do Medio Rural ademáis de presidentes e técnicos de tódolos consellos reguladores das denominacións de orixe de Galicia e periodistas especializados coma José Peñín, editor e director da prestixiosa Guía Peñín, entre outros.

 Naquela edición os galardonados foron os seguintes: Guillermo Campos, editor e Director da revista HGT como mellor divulgación do viño galego, Restaurante Casa Solla como mellor tratamento de viños na sala, Merenzado de Algueira 07 como mellor viño do ano, Quinta da Muradella como mellor bodega do ano e Alfredo Álvarez co premio honorífico, Vinolvidable.

 Trátase, esta noite, dunha ocasión ideal para favorecer o encontro entre os profesionais do sector en Galicia co obxectivo de compartir novos proxectos, crear sinerxias e situar as opcións e expectativas do sector ó mesmo nivel que os máis punteiros de Europa. Sempre, iso si, dende a óptica das nosas necesidades e con enfoques propiamente Galegos.

 A gala servirá tamén para a presentación do portal web mariafechoria.com. Unha nova ferramenta para a formación vitivinícola e a comercialización de viños en Internet dende una perspectiva galega, un espacio chamado a aglutinar ós mellores viños galegos e facilitar o acceso ós grandes viños do mundo ata agora reservados para as cartas dos exclusivos restaurantes con estrela Michelín.

O grande encontro dos namorados do viño galego!

Os comentarios están pechados.