Chandoiro

No Val do Bibei todo é posíbel, coma esta versión dunha mencia fresca e transparente da Valdeorras fronteiriza coa ribeira das sacras tamén límite e raiana. O Bibei xungue ladeiras de denominacións diferentes nun espacio de altura, espacio común cunha riqueza de vertentes e ladeiras insondábel.

Neste escenario, Chandoiro é un mirador privilexiado situado nos lombos dun esporón que pola banda do norte mira cara Portomouriscos e Petin, de fronte a Manzaneda e virando cara o sur e seguindo a traxectoria do sol contempla as Trevincas, Santa Cruz e As Ermitas, Soutipedre e a súa despedida polo ombreiro da Cabeza de Manzaneda.

O médico Manuel Corzo ten o seu viñedo e a súa adega nesta pequena parroquia do concello de O Bolo, viñas que se confunden coas de afamados viticultores coma Telmo Rodríguez ou Rafael Palacios, que por algo elixiron estas terriñas. Por todo isto temos a certeza que nuns anos han nacer por Chandoiro grandes viños. E neles ha de estar a man do seu fillo o granxeiro Manuel.

Castelo de Chandoiro

A mencia de  Chandoiro (O Bolo) Viña Corzo (010) trae o brillo das alturas e a sensación limpa do seu ceo estrelado.

Trae a froita asolada ao vento fresco das montañas, coas herbas das praderías peiteadas por ese mesmo aire que tamén deixa unha puntiña gulosa de froitas vermellas abrillantadas pola pel dun cítrico.

Carreira fresca e medida que recorre o padal con rapidez. Agradece a sede o seu grolo por unhas maneiras que invitan a beber, co frescor que pasa impregnado de monte alto.

Os comentarios están pechados.