“túnel” do viño das Rías Baixas

Estiven catro días somerxido na ría, descendendo polas diferentes viradas do río, entre suaves encostas, por verdes de varias tonalidades nos que o da vide é, agora, o protagonista.

Azul mariño aireado pola brisa que atravesa logo a cuberta verdecente, facéndoa inimitábel noutros lares.

Todo elo no “Túnel do Viño das Ría Baixas” en Cambados.

Co cheiro da baixa mar que Jose (Ribeira de Fefiñans) nos daba a saborear, as veces con viños doutras terriñas coma o que elabora o cambadés Emilio na Valpolicella.

Catro días nos que cada un deles sorprendíame por un matiz diferente da albariña, tonalidades escondidas en garrafas distintas, a evocación dos espacios xeográficos que dan forma ás rías máis baixas e ao último percurso do pai Miño.

Hai campo, ese que cheira aos nosos prados, de relucentes herbas verdes, de aromáticas plantas, das flores que o pintan, das froitas máis frescas que o sol non aplanou, e do mar, do río… impregnando os aires que respiran a albariña, o caiño, a loureira, a treixadura…

Hai madeiras que as veces tentan conquistar gustos e cheiros, algunha vez o conseguen, hai anos era case sempre, mais agora este vieiro vai na boa dirección, para iren lonxe da invasión amadeirada.   

Lías, madeiras, depósitos de diferentes tamaños, procedencias e usos, anadas gardadas en depósito, lonxevidade, microidentidades de terriñas agochadas entre rías e río, as outras castes: caíño, loureira, treixadura, godello…

Foi unha historia que fica gravada, aromas e gustos que recoñeciamos e pasan a formar parte de Nos, somos así e iremos todavia Máis Alá… non hai outra, ou non debería.

Moito houbo pero haberá máis, estamos convencidos, e alí estaremos para sentilos e gustalos … temos máis que ensinar e aprender dunhas castes acariñadas por estas terriñas.

Ate o ano que ven, na antiga Conserveira Peña, no “ Túnel” do Viño das Rías Baixas

One Response“túnel” do viño das Rías Baixas to “”

  1. […] do Túnel do Viño, da que fixo unha moi boa crónica o noso amigo Antonio Portela no seu blog Viticólogo dos Bagos, tamén dar os parabéns pola distinción comno Albariñeses/as de Honra a Mercedes González por […]