Godello de Monterrei

En Monterrei, a vertente galega do Douro, a porta de entrada ao duriense, a Quinta do Buble mira pasar o Támega polo seu val cara o sur, desde un balcón na ladeira de Oimbra.

Alí, en Monterrei, as castes tintas teñen un horizonte aberto e moitos vieiros para alcanzalo… estanno a percorrer. 

Coas castes brancas a maioria das adegas elixiron camiñar fundamentalmente co godello, que a min se me apearece cunha personalidade diferenciada entre o volume e a redondes do gouveio duriense e a frescura á que chegan algúns godellos de Valdeorras. Ademais, nesta anada do godello da Quinta do Buble, con recordos que viaxan cara algunha ribeira do Mosela, pero non me perguntedes cal.

Mais deixando de lado estas elucubracións o 2009 da caste mentada elaborado por esta adega de Monterrei, foi para recrearse deseguido durante o par de días que estivo na miña copa, si, cando non estaba a bebela un pratiño a tapaba. Foi un ir descubrindo co tempo os novos matices que tiña a ben exhalar, desta maneira como notas musicais, unhas máis altas ou agudas que outras pero cunha armonía envolvente, iban sucedendose a pera coa piña antes dunha froita máis cristalizada, a puntiña especiada sobre unha flor apagada polo sur, o fondo de pastelaria fina, non grosa, e o herbáceo dominado pola ortiga entre herbas aloiradas nun campo radiante. O seu paso foi saboroso cunha acidez relaxada que balanceba o seu ritmo.

Os comentarios están pechados.